Xoves, Abril 16, 2026
ActualidadeXornada

COPA DE BILLARDA 2025 e 2ª Xor LGB Noroeste

COPA DE BILLARDA 2025

O sábado 20 setembro en Ribadumia, xuntáronse 16 persoas para decidir quen metería a billarda polo Varal, antes que ninguén, ou sexa, no menor número de golpes posible. Ademais, nas bancadas do Campo de fútbol de herba artificial da Senra había un cento de persoas desfrutando do espectáculo deportivo. Pois ben, estes 16 seres humanos fixeron o que puideron e nalgún caso, algo máis do que se esperaba do seu desempeño, noutro par de casos, algo menos ou moito menos. Vaia, Novas non tivo a tarde e Josecho non foi quen de impulsar a billarda ata o varal en ningunha das tres carreiras. Abaixo queda o cadro completo de resultados.

 

Estudando os resultados desde un punto de vista deportivo e facendo un corte interesante en grupos de idade, por exemplo, nos xogadores/as con 16 anos ou menos (6 elementos), podemos afirmar que Valentín, Sofía Montero de Gharaboto (Marín), Xián Burgos de Lúa de Forza, Adrián Darriba de Río Miño (Castro de Rei),  Marco Solla e Gael Solla, os dous de Armadiña (Combarro), conseguiron un total de 19 ptos. O grupo de adultos (10 elementos), homes e mulleres maiores de 16 anos, Abel Regueiro (Cochiqueiros-Cerceda), Albino Veiga, Xan Rodiño, Irene Rivas (Cochiqueiros), José Manuel Novas (Corredoiras-Bueu), Xosé Collazo (Os Foucellas- A Coruña), Tania dos Reis de Valpaços, Luís González “Piru” (Gharaboto), Bego Ríos (Corredoiras-Bueu) e Josecho Castro (Filloas-A Coruña), pois, chegaron a 21 ptos. As reflexións, análises e conclusións sobre estes datos son os que cada quen queira tirar. En fin, a rapazada tamén alimenta a súa actividade deportiva con carne de madeira e cando ten ocasión de demostralo faino a un alto nivel de excelencia. Non obstante, media de puntos de xogadores/as menores de 16 anos 3,16 ptos, puntuación media adultos 2,1 ptos. O grupo feminino (4 elementos) comparado co grupo adultos masculinos (7 elementos), pois a cousa estivo como a contamos. Tania, Sofía, Irene e Bego 9 puntos. Abel, Albino, Xan, Novas, Collazo, Piru e Josecho 14 ptos. Para ser equitativos na análise, dividindo o número de ptos conseguidos polo número de elemento que os conseguiron sae exactamente que cada muller fixo 2,25 ptos e cada home fixo 2 ptos. Conclusións rápidas a billarda é un xogo de xénero feminina, evidente, “a billarda”, e a idade ideal para xogar, pois…, non está claro, ou por mellor dicir, calquera idade, aínda que, canto antes no tempo biolóxico antes se obten pracer lúdico e destreza psicomotriz.

Daquela, Valentín Pastoriza (16 anos) de Filloas de Sangue da Coruña estivo imperial e levouse a Copa para Cabanas de Bergantiños, onde reside habitualmente Valentín. O podio completárono Albino Veiga de Valpaços Terra Quente de Vigo e Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo.  Este evento deportivo foi retransmitido en directo agalega.gal

FOTOS

 

2ª XORNADA

LIGA GALEGA BILLARDA

NOROESTE

Sen solución de continuidade, o domingo pola mañá na Laracha disputouse a segunda xornada da LGB Noroeste. As circunstancias meteorolóxicas levaron a xogadoras e xogadores ao interior do pavillón do IES Agra de Leborís (A Laracha). 6 grupos de 12 integrantes en dúas pistas de xogo das máis rápida de toda a Liga. A escorregadiza superficie deleitou ao público presente… e pasado cun espectáculo visual fabuloso. Desde as bancadas do pavillón contemplábase, cun simple movemento de pescozo, a traxectoria completa das billardas nadando como xardas nerviosas, todas con rumbo desenfreado cara á parede de fondo, algunha con dirección boca do varal, depredador famento, máis selectivo.

Despois de 4 horas e media de xogo, a competición foise estreitando. Quedaron para disputarse a boina e o resto dos lugares do podio, Abel Regueiro de Cochiqueiros, Edu García de Campo da Feira, Roi Rey de APB, José Gándara de Filloas e Félix Acevedo e Manu Pozo de Billardeiros Musicais. Cinco equipos representados na final. A final a unha carreira con 6 xogadores e nesta superficie, pois iso, foi pola vía rápida, primeiro golpe e varias billardas sairon polo fondo do varal e outras quedaron ás portiñas do varal. Segundo golpe no que Edu, Félix e Roi entraron. Desempate a un golpe e Félix levouse a Boina para Ribadeo. A Boina feminina tamén foi para Ribadeo, neste caso levouna na cabeza Dori Rodríguez de Billardeiros Musicais.

PODIOS

En canto á parte clasificatoria e os puntos sumados, a cousa pintou ben. Foron moitos ptos acadados e varados houbo un número que repasando os arquivos estatísticos históricos podemos confirmar o récord absoluto de numero de varados nunha xornada. Coincidiron dous factores cruciais para chegar a esta marca. Un, a superficie máis rápida da Liga e dous, o maior número de participantes desde que hai Federación Deportiva (72 participantes). Polo tanto, con estes dous ingredientes o pastel tiña que levedar moito, 42 varados. 

Cochiqueiros F levouse a xornada en EQU F, segundo foi Campo da Feira F e terceiro Billardeiros F.

Campo da Feira ganou por un puntiño a xornada e sitúase como novo líder da Xeral, segundo foi Billardeiros e terceiro APB.

A morea de puntos conseguidos nesta xornada contribuíron ao cambio de líder en todas as categorías individuais. Agora, en Absoluta lidera Xan, en feminina Silvia, en infantil Adrián. Pódense consultar todas as Clasificacións Xerais actualizadas despois de dúas xornadas. Cando consultedes as clasificacións igual pensades que se sumaron mal os ptos ao ver que as poderosas Panteiras de Cerceda están fóra de posicións douradas de finalista. Vaia, non é significativo a estas alturas da temporada, mais olliño que tanto Filloas como Foucellas como APB (con novas incorporacións) non van ser doados de devorar. Campo da Feira volve ser o gran favorito. En Equipos F a cousa volve estar entre COQ F e FEI F, cada vez o equipo de Paiosaco está máis cerca do de Cerceda.

FOTOS

PRÓXIMO EVENTO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *