Martes, Maio 12, 2026
ActualidadeXornada

Comezou a LGB 2025-2026 en Arteixo

O Noroeste inaugurou a nova temporada cunha xornada de contrastes cromáticos e con poucas sorpresas deportivas. Aínda que houbo unha gran sorpresa, pois, un club deportivo creado recentemente Os Foucellas da Billarda (A Coruña) fíxose coa vitoria. Polo demais, puntuacións baixas se comparamos coa temporada pasada neste mesmo escenario e nesta mesma xornada, a primeira da temporada, na que ata 7 persoas lograron chegar ao cumio dos 20 ptos. A inactividade do verán e o vento nordés eran os argumentos máis pronunciados para explicar que só 3 persoas chegaran á vintena de ptos. Abel Regueiro 23 ptos, Collazo 21 ptos e José Manuel 20 ptos.

Ademais, os resultados desta primeira xornada otorgaban praza para participar na Copa de Billarda televisada pola TVG2 o vindeiro 20 de setembro desde Ribadumia (O Salnés). Finalmente, as prazas son para Abel Regueiro, Collazo e Josecho, na Categoría Absoluta, para Esther na Categoría Feminina e para Roy Torres na Infantil.

Os equipos presentáronse con todas as novas incorporacións. Os resultados destas novidades foron dispares e a barreira dos 70 ptos foi demasiado alta para que ningún equipo a superase. A temporada pasada nesta primeira xornada de Arteixo ganara Cochiqueiros con 84 ptos e esta temporada o ganador Os Foucellas obtiveron 68 ptos.

En Categoría Feminina, As Panteiras comezaron coa mesma fame deportiva coa que remataron a temporada pasada. O certo é que neste ano van ter a Campo da Feira cheirándolles as pegadas que deixen as Rosadas de Cerceda. Veremos se son quen as Feirantes de conquistar a primeira praza da clasificación en algún momento da temporada.

Así, en APB, Daniel Díaz tivo dificultades para adaptarse ao terreo, mais avanzou polo campo e chegou a deixar a billarda preto da entrada do varal en varias carreiras. O seu entusiasmo augura grandes momentos, como ese primeiro instante, que chegará, antes que despois, de ver como a billarda traspasar a liña do varal.

Polo demais, no equipo da Hemorraxia os tenores estiveron moi afinados excepto Roi. Riveiro, Cotelo e Ricardo mantiveron a nota con 16 ptos cada un. A sorpresa agradable foron os 13 ptos do infantil Roy Torres.

Desta maneira, o equipo fixo 61 ptos que non está mal, pois había que chegar aos sesenta para manter o pulso coa vitoria. Non lle chegou para ganar e situarse líder, pero quedaron moi cerca.

Campo da Feira estivo coma case sempre loitando pola vitoria. A súa aposta para esta temporada está marcada por dous obxectivos ben definidos, defender o título 2025-2026 e asaltar por vez primeira o Título en Equipos Femininos. Para complementar os resultados da súa estrela, Mercedes, o equipo feirante apostou por 3 xogadoras prometedoras e que curiosamente son zurdas as 3, Sandra, Begoña e Lidia (esta en categoría infantil e que nas últimas xornadas da temporada pasada iniciou a súa andaina.

O equipo tivo a vitoria na man, e só as froxas actuacións de dous dos seus referentes competitivos, Edu e Moñas, impediu este feito. Juan Carlos, Xulio, Óscar Ponte e Abel Ponte sumaron para o equipo.

Unha temporada máis o equipo de Paiosaco parte como favorito e como candidato ao Título. Mantén o mesmo cadro de xogadores igual que Cochiqueiros. Estes foron os dous equipos que a temporada pasada tiveron opcións de vitoria ata case o final. Toda análise das perspectivas para esta nova temporada pasa por ver se Os Foucellas e Filloas dan un salto clasificatorio, tendo en conta que foron os dous equipos máis reforzados. Río Miño e APB poden vencer calquera xornada de Liga, mais, non parece que poidan optar aos lugares máis altos da clasificación. Veremos.

Cochiqueiros xogou unha xornada cativeira para as súas aspiracións. Non obstante, non estivo lonxe do primeiro posto. Realmente, as diferenzas foron pequenas entre os primeiros 5 equipos, soamente Río Miño quedou por debaixo dos 60 ptos.

Abel Regueiro volve a liderar un equipo feito para optar a todo. Busca o campionato nas dúas categorías de equipos, na individual absoluta, na feminina, na infantil e na de varados. Ten potencial para todos estes obxectivos. De todas as maneiras, esta temporada os reforzos están na casa dos equipos da capital da provincia. Tanto Filloas como Os Foucellas fortaleceron os seus equipos e agora Cochiqueiros ten dúas ameazas máis.

A irregularidade dalgún dos seus xogadores pode ser un peso demasiado grande para o equipo das Panteiras. O exemplo estivo nesta primeira xornada na que Abel Regueiro 23 ptos e Berdi 18 ptos conseguiron bos puntos para o equipo e non foron acompañados nin por Alberte 12 ptos, Anxo 10 ptos, nin por Viqueira 9 ptos. En fin, hai que esperar un par de xornadas máis para determinar a tendencia das Panteiras para esta nova temporada.

Filloas de Sangue tivo varias incorporacións e co paso das xornadas veremos o seu rendemento. Para empezar conseguiron nesta xornada estar entre os grandes a tan só 5 ptos da vitoria. Unha das novidades Gervasio conseguiu puntuar para o equipo.

A incorporación máis destacable foi a de Sergio Maceira, un histórico palanador do mítico equipo Xarutos da Coruña, que foi un referente no nacemento da LNB Noroeste na temporada 2007-2008. Sergio apareceu a xogar co material de toxo que utilizou nos seus comezos na billarda. O toxo faise eterno e ten o poder de adaptación a calquera tempo presente e futuro.

O poderío de Filloas está garantido para esta temporada, xa que, conta con xogadores consolidados e dunha relevante fiabilidade competitiva como Gándara, Miranda, Josecho, Lois, Playa, Valentín e os dous Morís, que non asistiron a esta xornada.

Os Foucellas veñen de revolucionar xa o Noroeste, pois, sabíase dos movementos de mercado que estaban facendo, pero, ninguén sospeitaba que estes movementos provocaran tal tsunami deportivo. Agora, o fondo de cortello dos Foucellas é maior, teñen ata 13 xogadores inscritos para esta temporada. E ollo que de momento non foron as novas incorporacións as que tiraron do carro dos puntos.

Os presaxios son bos e sobre as columnas basais de Collazo e Lito pódese construír un equipo campión. Toni, Manuel, Roberto e Alberte son o complemento ideal para achegar os ptos suplementarios para o éxito deportivo. Non sabemos se chegará a ter unha regularidade que lle permita ao equipo da Coruña facerse co Título, o que si seguro que van estar máis cerca que a temporada pasada. Agora, hai que esperar que as novas fichaxes se adapten a un deporte de precisión como a billarda.

Río Miño quedouse nos 54 ptos e mostrou que con só 4 xogadores e 2 xogadoras tamén se pode optar á vitoria. Panoramix Outeiro,  Merlín Ares, Obelix Lucho, Vero, Pili e Adrián conforman un equipo que cando se incorporen os demais compañeiros e compañeiras van ganar como xa fixeron a temporada pasada algunha xornada de liga. Sobre todo, as dúas que se van disputar no seu feudo de Castro de Rei.

Nas xornadas que presenten maior número de xogadores o equipo chairego estará entre os candidatos á vitoria.

Unha circunstancia meteorolóxica imprevista fixo que non se puidese disputar a final a 8. Apareceu un vento nordés sen mesura e púxose a sopran contra as nubes que trouxeron con elas unha marea de choiva que fixo imposible rematar. Daquela, esta final que otorga 3 pts, 2 ptos e 1 pto disputarase nunha xornada posterior. Chegaran a esta final despois dos cruces eliminatorios de semifinais, Manuel, Collazo e Roberto de Foucellas, Ricardo e Cotelo de APB e Pepe Outeiro de Río Miño. Incluso houbo que poñer unha persoa en cada vara do varal para aguantar delas, pois o furacán do norte non tiña respecto por elas.

FOTOS

Isto é o próximo no calendario da LGB Noroeste ata final de ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *