Domingo, Febreiro 15, 2026
ActualidadeXornada

CAMPIONATO DE SELECCIÓNS BILLARDA 2025. Un Raio fendeu as billardas do Norte

O Campo de fútbol Victor Fernández Alonso (Antiga Leyma) foi escenario do Campionato de Seleccións de Billarda. A orixe deste campionato encontrámola no ano 2022, cando a TVG2 emitiu este primeiro Campionato. Polo tanto, este é o IV Campionato de Seleccións. Os resultados foron 2022 vitoria do SUR, 2023 vitoria do NORTE, 2024 vitoria do SUR e 2025… se a serie tivese unha algunha orde matemática poderiamos pensar que desta vez tocáballe ao NORTE. Pois ben, a realidade foi a que foi e intentar contradicila é inútil.

Desde o primeiro golpe xa se constatou que o vento ía soprar do SUR. Máis aínda, cando un Raio Verde iluminou o ceo da Coruña. Si, non houbo resistencia por parte do NORTE. As explicacións a tan asombroso baixo rendemento hai que buscalas nas comidas e sobremesas tan pouco austeras nesta época da canícula. A selección SUR presentouse cunha aliñación potente, Xan, Lu e Xián de Lúa de Forza, Charri, Bego e Novas de Corredoiras, Belmira e Brais de Valpaços.

A Selección Norte apostou por maioría de representantes de Cochiqueiros, Berdi, Abel Regueiro, Viqueira e Irene. Claro está, sen contar con que había festas patronais en Cerceda e pasou o que tiña que pasar. Non viron a billarda en toda a tarde. Berdi 3 ptos, Abel Regueiro 1 pto, Irene 1 pto e Viqueira 4 rosquillas de Santa Marta. De Campo da Feira estaban Abel Ponte, Mercedes e Noa e de Río Miño, Adrián. Fixeron o que puideron que foi pouco. Non había maneira, cando lle daban forte á billarda saía fóra dos límites do terreo de xogo e cando non lle daban, a billarda non se movía do sitio. Ben, non perderon a tarde as xogadoras e xogadores da Selección Norte, xa que, desfrutaron da actuación maxistral do Raio Verde Xián, que acadou o 44% dos puntos da Selección SUR. O xogador en idade infantil de Lúa de Forza foi un Raio que deslumbrou e deixou a Selección Norte… sen norte.

Resumindo e sen entrar en demasiadas valoracións sobre a actuación do Norte, o resultado foi, SUR 16- NORTE 9, o demais xa é historia. Ao final, a deportividade imperou. Incluso Charri, nun detalle de xenerosidade co Norte, axudou bastante a que o marcador non fose máis folgado sumando só 1 puntiño para o Sur.

SELECCIÓN SUR
SELECCIÓN NORTE

FOTOS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *