
No Aberto das Cereixas, vaia, vaia, venceu o azulón Playa

Décima edición do Aberto das Cereixas de Paiosaco. Organizado polo Club de Billarda Campo da Feira de Paiosaco coa colaboración do Concello da Laracha. A tarde levaba cinco horas no bandullo e o vento co contaquilómetros por enriba da velocidade permitida. A carón da estrada AC 552 quedaron plantados os dous varais. Catro grupos para 8 mulleres e 27 homes. A superficie do aparcadoiro ten a súa complexidade, xa que, xunta pedregullos con zonas de terra e algún que outro buraco. Non falta tampouco a vexetación silvestre característica de terreos desérticos. Polo tanto, un terreo auténtico para xogar billarda. Este e outros abertos de verán serven tamén e sobre todo para que os equipos encontren novas e novos talentos e prodixios ocultos deste marabilloso deporte. Nesta ocasión, destacou a presenza de varias persoas que Campo da Feira está seguindo moi de cerca de cara á próxima temporada. Despois da grande actuación de Lorena, todo parece indicar que desta vez si, Campo da Feira vai reforzar o seu equipo Feminino. A Madriña Mercedes, por fin, vai ter ao seu lado un grupo de xogadoras para optar ao Título. Se todo vai segundo o plan, para a temporada que vén o equipo de Paiosaco pode ter ata 6 xogadoras, pois, anda detrás de fichar a Begoña e a Lorena. Veremos se o tesoureiro do equipo é quen de cadrar as contas para asumir esas dúas novas fichas. O equipo tamén está buscando en categoría infantil. Luís é un serio candidato, veremos se Noa e Lidia teñen novo compañeiro para a vindeira temporada.

Despois de cinco carreiras, chegaron os cruces eliminatorios nos que as billardas voaron camiño do varal. Desta vez, fixeron máis caso á partitura do nordés que á batuta do palán. Si, o vento condicionou o salto e o posterior voo da billarda. A final disputárona Moñas, Enrique, Berdi, Charli, Playa e Collazo. Tres xogadores do equipo local Campo da Feira, un xogador de Cochiqueiros de Cerceda, un xogador de Filloas de Sangue da Coruña e un xogador de Foucellas da Billarda. As estatísticas vestían de gris e cunha alta probabilidade un xogador de Campo da Feira subiría ao máis alto do podio. Non obstante, a indescifrable realidade fixo que Playa triunfara despois de entrar en dous magníficos golpes. Enrique e Collazo entraron en tres golpes e tiveron que ir a un golpe de desempate, no que ganou Collazo. Na categoría Feminina venceu Irene, segunda foi Esther, as dúas de Cochiqueiras, e terceira a sorprendente e debutante Lorena. En Infantil Kevin Torres de APB non tivo rival, segundo foi Roy Torres do mesmo equipo e terceira Noa de Campo da Feira.




PODIOS




FOTOS











