Xoves, Xullo 10, 2025
ActualidadeXornada

FASE FINAL LGB 2025 Resultados

Disputouse a Fase Final da LGB 2025 no campo de Santeles (A Estrada). Día de auténtica canícula para proclamar campioas e campións da temporada 2024-2025. Pola mañá disputáronse as finais de Categoría Infantil, de Categoría Equipos F e Equipos A. Pola tarde, as Categorías de Varados, Feminina e Absoluta. As altas temperaturas esixiron das deportistas e dos deportistas o mellor da súa condición física. Litros e litros de auga e de bebidas isotónicas entraron nos estómagos para axudar a hidratar as células e favorecer o metabolismo do corpo humano.

A Final Infantil comezou ás 11h con 8 participantes, 5 da Conferencia Rías Baixas e 3 da Conferencia Noroeste. Había 2 grandes favoritos ao título, Xián e Antía. Despois, Adrián e Sofía partían como candidatos a ocupar podio. O factor cronolóxico tamén conta. Nesta categoría están competindo desde os 7 anos aos 14, entón, Aleixo, Brais, Alexis e Noa teñen que continuar medrando para no futuro ter máis posibilidades.

A realidade da competición non desmentiu esas expectativas. Así, despois dunha actuación extraordinaria do Raio Verde Xián, o Título foi para este prodixio de 12 anos de Dorrón (Sanxenxo), quen en 5 carreiras fixo 25 ptos, ou sexa, case a perfección, incluíndo dous varado, descomunal! O neno de Lúa de Forza Sanxenxo é un exemplo de que o xogo da billarda transmítese de xeración a xeración e canto máis pronto se faga a transmisión moito mellor. O exempo de Xián e Antía é representativo desta transmisión. Tanto ela como el xa estaba nun campo de billarda en estado fetal, pois as súas nais xogaban billarda cando estaban embarazadas. A segunda e terceira praza houbo que decidila nun golpe de desempate entre Antía e Adrián, xa que, despois das 5 carreiras empataron a 11 ptos. O subcampionato foi para Antía de Gharaboto de Marín. A terceira posición do podio foi para Adrián de Río Miño de Castro de Rei.

A Final de Varados, decidiuse por escasos metros e centímetros entre Salgue, Moñas e Xan. Ninguén fixo varado, houbo algunha billarda que saíu de fondo e outras que quedaron ás beiras da liña do varal. Entón, a de Xan quedou a escaso metro e medio, a de moñas a 2 metros e a de Salgue a 5 metros.

Despois, disputouse a Final de Equipos F. Os equipos das Rías Baixas eran claros candidatos para o Título e poucas posibilidades había para as escuadras do Noroeste. Máis aínda, Gharaboto F era o claro e único favorito. Despois dos primeiros golpes a cruda e inmisericorde billarda confirmou este favoritismo. Gharaboto non se viu inquietado en ningún momento. O equipo que máis cerca estivo foi Corredoiras F. O que sucede é que o equipo de Bueu contou con só dúas xogadoras, entón, erra irreal pensar que sería posible superar a Gharaboto F. Aínda así, as enormes actuacións de Bego e Chefa fixo que a segunda posición fose para Corredoiras F Bueu.

A definición da terceira posición foi dramática e emocionante. Na última carreira, no último golpe, xogábanse o podio Armadiña F que tiña 22 ptos antes desta última carreira e Valpaços F que tiña 21 ptos. Xogaba por Armadiña Ainhoa que levaba 16 ptos en 4 carreiras e Belmira que levaba 3 ptos. Ainhoa puntuara nas 4 carreiras disputadas e Belmira só puntuara na cuarta. Ben, todo indicaba que a Armadiña non se lle podía escapar o podio. Último golpe de Ainhoa desde a metade do campo e non entra. Daquela, agora quedaba en mans de Belmira o podio, e parecía inevitable que Valpaços F superase a Armadiña F, porque ese último golpe de Belmira sería desde unha distancia de 5 metros escasos da entrada do varal. De novo as deusas da Canícula apareceron e Belmira golpeou a billarda, pero esta non avanzou o suficiente e non entrou no varal. Conclusión, terceira posición para Armadiña F.

A final de Equipos A partía con incerteza en canto ás posibilidades dos equipos Rías Baixas. Chegaban os Equipos do Nororeste, Cochiqueiros como actual Campión LGB da temporada pasada e Campo da Feira como recente campión Noroeste nesta temporada cos seus 6 xogadores titulares. En cambio os equipos das Rías manifestaban algunha baixa significativa ou moi significativa. Así Lúa de Forza, campión Rías Baixas desta temporada, tiña a ausencia de Sergio xogador 6 do equipo titular. Corredoiras tiña a notable ausencia do seu xogador franquía, Charri. Finalmente, Gharaboto era o equipo con máis baixas, pois, faltáronlle o seu titular número 1 Álvaro e o número 3 Ricardo Lois. Así, as cousas estaban encamiñadas para que os instrumentos de percusión do Norte deran un gran concerto.  Filloas e Río Miño non presentaban potencial suficiente para estar cerca das posicións de podio, o mesmo que Valpaços Terra Quente.

A evidencia colle carreiros imprevistos para chegar á meta do entendemento humano. Así, a oitava posición foi para Río Miño 51 ptos, a sétima para Valpaços 51 ptos (mellor máxima puntuación), a sexta para Filloas 55 ptos. Gharaboto con 56 ptos ocupou a quinta posición debilitado polas ausencias. Ata aquí todo segundo os prognósticos. Agora chegan as imprevistas e incomprensibles actuacións de algún xogador prestixioso que lastrou o resultado do seu equipo. Campo da Feira ocupou a cuarta posición con 68 ptos e Juan Carlos con 4 puntazos non foi sustituído despois das tres primeiras carreiras nas que fixo 0 ptos. En que estaba pensando o director técnico Fuentes? Pois nada, mantivo a Juan Carlos ata o final, mentres a Óscar Ponte no banco revolvíanselle as tripas. Vaia, e Edu con 6 ptos e Enrique con 6 ptos non foron sustituídos en ningún momento, e Óscar seguía no banco á sombra. Ao rematar, xa se falaba da futura incorporación da Madriña Mercedes como directora técnica do equipo para a próxima temporada. De todas as maneiras, esta inacción dos técnicos de Campo da Feira non tan grave nas súas consecuencias, pois, tiñan difícil o título, xa que, ningunha das súas mellores puntuacións chegaron aos 20 ptos.

En terceira posición Corredoiras con 76 ptos tivo unha actuación boa, quizais se esperaba máis de Beni, un xogador que normalmente ten que estar cerca dos 20 ptos. Desta vez conseguiu 8 ptos. Polo demais, defenderon ben a praza de podio. O Título quedáballe lonxe, pois, sen os 20 ptos que case sempre asegura Charri non podían aspirar a máis. No subcampionato quedou Cochiqueiros con 86 ptos, outro dos claros favoritos do Noroeste e que tivo un erro imperdonable. Este non foi outro que non facer o cambio dun xogador no momento preciso. Claro que este xogador é unha das vacas sagradas e non era doado dicirlle que se sentara a descansar. O director técnico Abel Ovo non tivo iso para mirar de fronte ao histórico Berdi e dicirlle, “fai favor, Berdi, descansa á sombra e tómate un refresco. Ahhhh, e vaite pedindo os bocadillos na cantina, mentres nós acabamos”. Claro, estas frases que semellan tan simples non son tan doadas de locutar coa presencia corporal dun xogador na costa abaixo deportiva e cun historial tan grande e exitoso. Finalmente, Lúa, cunha disciplina férrea e unha dirección maxistral de Marisa desde o banco, conseguiu o Título Galego con 91 ptos. A vitoria do equipo de Sanxenxo fundamentouse na soberbia actuación, de novo case perfecta, do Raio Verde Xián 25 ptos. Carolo tivo que xogar coa presión engadida de estar no campo máis cercano ao banco desde o que Marisa daba berros para corrixir golpes e informar sobre a táctica a seguir. Tanto lle rompeu a cabeza, que Carolo non pasou dos 4 ptos.  Menos mal que Martín estaba no campo máis lonxe do banco da directora técnica de Lúa e xogou relaxado ata acadar 15 ptos.

 

A Final Feminina cumpriu con todas as expectativas. O potencial da billarda feminina das Rías Baixas non ten rival nestes momentos, xa que, as xogadoras do Noroeste aínda están lonxe do nivel do Sur de Galicia. Así, o podio foi enteiro das Rías Baixas e só Delia do Noroeste accedeu ás semifinais. A final tamén foi digna de ser narrada desde o colchon destas 24h que pasaron desde o último golpe de Tania para certificar a traxedia. A final xogárona Tania, Bego, Machi e Lu. Pois ben, despois das dúas primeiras carreiras Tania lideraba con 8 ptos, Bego era segunda con 4 ptos e Lu con 3 ptos. Todo parecía preparado para unha loita entre estas 3 palanadoras polo título. Xogouse a cuarta carreira e para darlle máis lustre, os golpes foron espléndidos, Bego entrou en dous golpes, e as demais en 4 golpes. Resumindo, a falta da cuarta e última carreira. Tania seguía liderando con 11 ptos, Bego segunda con 9 ptos, Lu terceira con 6 ptos e Machi cuarta con 3 ptos. A tendencia era clara e manifesta, Tania tíñao nas mans. Bego mantiña esperanzas e Lu necesitaba un milagre para facerse co Título. A Machi quedáballe a terceira praza do podio como obxectivo. Despois do primeiro golpe da última carreira a situación deu un pinchacarneiro, posto que Bego deu un golpazo e situouse a menos de 10 metros da entrada do varal e as demais deportistas quedaron moi atrás. Terceiro golpe de Lu e continúa a metade de campo, o mesmo para Machi. Golpe de Bego para conseguir 5 ptos e obrigaba a Tania a ter que puntuar. Bego dá un golpe malo e avanza uns centímetros. Tania continúa con atrancos e despois do segundo golpe está a metade de campo. Terceiro golpe, Lu e Machi non avanzan axeitadamente. Bego entra no terceiro e con 4 ptos sitúase como líder. O traballo está feito, agora a presión pasa a pernas e brazos de Tania. Golpe magnífico de Tania desde medio campo e a billarda queda sobre a liña de entrada. Vaia, non entrou, pero fáltalle un golpe e se entra o Título é seu. Último golpe de Lu e non puntúa. Se entra Machi ten opción de empatar nesa terceira posición con Lu. Non o consegue a xogadora de Armadiña. Agora, está preparado o drama, a traxedia ou a alegría. Golpe de Tania para entrar e proclamarse Campioa Galega. Billarda situada ao lado dunha das varas do varal, circunstancia que dificulta o golpe. Tania fai o que ninguén se espera e o que Bego desexa, falla e non golpea a billarda. Título para Bego de Corredoiras e subcampionato para Tania de Valpaços. Lu de Lúa terceira posición.

A Final Absoluta reunía a 38 xogador@s, 8 mulleres e 30 homes para dilucidar o Campión ou Campiona da LGB desta temporada. A competición constaba dunha fase inicial de 4 Grupos de 9 integrantes, cada grupo debía realizar 5 carreiras ao finalizar esas carreiras pasaban á fase de cuartos de final as 4 mellores puntuacións de cada un dos grupos, en total 16. Despois iniciábase a fase de cruces eliminatorios ata desembocar nunha final de 4 xogadores a 4 carreiras. Pois ben, en cada grupo había 2 cabezas de serie e 7 xogadores/as máis sorteados aleatoriamente.

Rematada a fase de Grupos, xa estaban listos os cruces eliminatorios e a única gran sorpresa que podemos sinalar foi a que o cabeza de serie número 1 do Noroeste, Abel Regueiro, non pasara de grupo. Algo inusual durante toda a temporada, Abel non deu puntuado nas 3 primeiras carreiras, acontecentos misteriosos e inexplicables desde a razón pura. Polo demais, o equilibrio de forza Rías Norte era evidente. Había 8 cuartofinalistas das Rías e 8 cuartofinalistas do Noroeste. Cinco destes cruces de cuartos tiveron que decidirse nun golpe de desempate. No primeiro cuarto Lito ganou pola vía rápida a Luís Gon. No segundo, Valentín necesitou o golpe de desempate para eliminar a Beni. No terceiro, Abel Ponte tamén foi ata as últimas nun golpe de desempate contra Viqueira. No cuarto enfrontamento, Berdi puido con Novas tamén no golpe de desempate. No quinto emparellamento de cuartos, Collazo tivo que recurrir ao golpe de desempate contra Chefa. No sexto cuarto de final Piru ganoulle unha carreira e empatou a outra contra Outeiro. No sétimo cuarto de final Xan venceu a Yolanda nas dúas carreiras. No último cuerto de final, Miranda eliminou a Moñas no golpe de desempate.

Nas semifinais xa había 5 xogadores do Noroeste e 3 das Rías. Na primeira semi Valentín, contra prognóstico eliminou a Lito con contundencia e meteuse na Final. Na segunda, Abel Ponte e Berdi tiveron que chegar ao golpe de desempate. O de Campo da Feira pasou á Final. Na terceira, Collazo e Piru mantiveron un enfrontamento de nivel e de golpes magníficos. O de Foucellas empatou a primeira carreira e ganou a segunda para avanzar cara á Final. Na cuarta, Xan deu conta de Miranda ganando as dúas carreiras.

A Final estaba decidida. Serían 3 xogadores do Noroeste e 1 xogador das Rías Baixas. Valentín era a presenza máis inesperada e sobresaínte, pois, o xogador de Filloas, orixinario de Cabana de Bergantiños, xogaba a primeira temporada en categoría absoluta, despois dunha traxectoria exitosa na categoría infantil. Os demais son xogadores consolidados e calquera deles podía e debía aspirar ao Título. A primeira carreira comezou con Collazo intratable, entrou en dous golpes para conseguir 5 ptos. Valentín entrou no cuarto golpe para 3 ptos. Abel Ponte coa billarda ao ladiño da vara do varal non conseguiu puntuar ao golpear co palán na vara. Abel dicía que tocou a billarda, opinión que o xuíz arbitro tivo que consultar, pois non quedou convencido. A xogada houbo que revisala na gravación das cámaras do móbil.  Outras opinións menos autorizadas dicían que “si home deulle, que non que non lle deu, quen sabe, a min non me pareceu“. Xan  Valentín que disputaba a súa primeira final xa en Categoría adulta despois de pasar da categoría infantil non se quedaba atrás na disputa da súa primeira Final en idade adulta. Conclusión, Abel non puntuou. Xan quedou a metade de campo sen puntos. Segunda carreira e Collazo volve a dar dous golpazos para outros 5 ptos. Valentín e Xan igualan a puntuación de Collazo. Abel Ponte non puntúa despois de mandar a billarda pola liña de fondo. Terceira carreira, o nivel sube, Collazo, Xan e Abel Ponte entran en dous golpes. Valentín mantén o pulso e entra no terceiro con 4 ptos. Última carreira e só había unha certeza, Abel non podía acceder máis que ao terceiro chanzo do podio. O demais estaba aberto, aínda que con Collazo con todo a favor, pois, tiña 15 ptos polos 12 de Valentín e os 10 de Xan. Certo, na billarda ata que entra a billarda no varal e se conseguen os puntos nada é seguro. O que pasa é que todos e todas estaban presenciando uns golpes fantásticos de Collazo e algunha que outra dúbida nos demais xogadores. Outro factor condicionante, a Xan só lle valía entrar nun ou en dous golpes, todo o que non fosen 6 ou 5 ptos deixábao sen opcións de Título, Collazo con puntuar tíñao feito, salvo que Valentín fixese un varado no primeiro golpe. Ademais, Xan golpeaba antes que Collazo e que Valentín. Xan deu un primeiro golpe que saíu de fondo. As poucas posibilidades que tiña quedaron reducidas ao mínimo. Collazo non dá saído coa billarda no primeiro golpe. Abel dá un golpazo para deixar os 5 ptos case feitos. Valentín non dá saído. Segundo golpe e Xan contra as cordas, ou fai varado ou queda relegado para loitar polas prazas de podio, pero non polo título. Pois, resulta que todos os amuletos, talismáns, herbas curativas e pedras de poder, que o equipo verde de Sanxenxo leva nas súas mochilas, funcionaron. Outras persoas dicían que fora unha aparición mariana. En fin, a billarda saíu voando nas alas dun estorniño que levaba o demo e pasou por entre as varas do varal coma un lóstrego.  5 ptos e empataba o de Lúa con Collazo no liderado. Golpeou Collazo e nada, non deu avanzado. Abel coa billarda cerca do varal entrou para 5 ptos. Valentín co seu segundo golpe avanzou moi poucos metros. Agora, todo quedaba nun man a man entre Collazo e Valentín para resolver o enigma. Collazo con puntuar tiña o título no seu peto. Valentín tiña que entrar con 4 ptos e esperar que non puntuase Collazo. Terceiro golpe de Collazo avanzou uns 10 metros. Terceiro golpe de Valentín e deixa a billarda a uns 4 metros da entrada. Valentín tiña doado entrar con 3 ptos. Collazo para o Título deu o cuarto golpe e non conseguíu puntuar. Valentín entra no último golpe e empatada a 15 ptos con Collazo e Xan. Despois de 13 carreiras o Podio debía decidirse nunha 14 carreira de desempate. A orde de saída foi a inversa á da última carreira, así Valentín deu o primeiro golpe e quedou un pouco escorado a metade de campo. Collazo non avanzou no seu golpe. Xan dá un bo golpe que supera a metade do campo. Valentín co segundo golpe podía meter presión no caso de entrar. Non entra Valentín, pero deixa a billarda centrada e a uns 10 metros da entrada. Xan golpea e consegue entrar. Agora toda a presión sobre Collazo, ou entra ou Xan é o Campión Galego 2025. Collazo non entrou. Valentín puntúa no terceiro golpe. Collazo non entra no terceiro golpe. Así, todo quedou decidido nunha final apoteósica, tanto pola emoción como polo desenlace e os golpes vistos. Nunca antes houbera que desempatar 3 xogadores para decidir o Título.

 

 

PODIOS

 

FOTOS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *