CAMPO DA FEIRA campión 2024-25
O campo de Tarrío foi testemuña dunha xornada que semellaba moi emocionante para decidir os Títulos individuais en Categoría Absoluta e en Categoría Feminina. Pois ben, finalmente a emoción quedou reservada para a Categoría Feminina na que houbo que esperar ata a última carreira para que Delia confirmara a súa vitoria. Mercedes levou ao límite a Delia, xa que, a de Río Miño partía con 8 ptos de distancia que parecían máis que suficientes para que non pasase apuros. O que pasa é que a veces a realidade confúndese de camiño e chega tarde. Despois de 4 carreiras xogadas nas que Delia non puntuou, Mercedes situouse a 2 ptos dela. Última carreira e Mercedes xogaba antes que Delia, co cal se Mercedes puntuaba con 4 ptos deixaba a Delia coa obrigación de ter que entrar na última carreira. Pois ben, Mercedes deu un golpe inicial magnífico e situou a billarda a medio campo. Segundo e terceiro golpe de moita tensión e Mercedes non foi quen de avanzar. Todo quedaba para o último golpe. Golpe moi forte e que superou o varal, pero por un lugar diferente ao da entrada, ou sexa, a billarda de Mercedes saiu por fora da liña de fondo do varal. O Título xa era de Delia sen xogar. Así, na última carreira coa tranquilidade do Título no peto, Delia entrou dun gran terceiro golpe.
Na absoluta, Abel Regueiro non tivo opcións, pois non puntuou na primeira carreira cousa que condicionou totalmente o posterior desenvolvemento da xornada. Xa que, Xan non perdonou ese erro inicial e estivo case perfecto con 25 ptos totais. Abel xa estivo coma sempre, seguro e preciso, no resto das carreiras, mais non foi suficiente. Na categoría de Equipos vitoria sorprendente, incrible, pero moi merecida de Filloas de Sangue. As actuacións impecables de Valentín 24 ptos e Playa 22, xunto cos 15 ptos de Morís e os 14 de Miranda fixeron posible a fazaña. Primeira vitoria da temporada para o equipo herculino. Vitoria adicada ao seu xogador insignia, Lois Fontán, que está lesionado e non puido participar. Iso si, a súa ausencia non foi total, xa que, Lois estaba dando instrucións a través do teléfono. Valentín dedicáballe unhas palabras de ánimo e recoñecemento, “Por favor, Lois recupérate ben, non precipites a túa volta ao equipo“. Certo, Valentín conseguiu a mellor puntuación de toda a temporada. Será que o Vinicius de Seixoso xoga máis tranquilo e se sinte liberado das ataduras dos consellos técnicos e tácticos de Lois?
Ganou a xornada Xan, segundo foi Moñas e terceiro Manu Pozo. En Feminina ganou Lu, segunda foi Sonia e terceira Irene. En Infantil, foi primeiro Aleixo, segundo Román e tercieira Lidia. En Equipos A ganou Filloas de Sangue, segundo Cochiqueiros e terceiro Campo da Feira. En Equipos F, ganou Cochiqueiros F, segundo Campo da Feira F e terceiro Río Miño F.
ACTAS DA XORNADA
Podios finais da temporda
FASE FINAL 2025 LGB
Agora, falta a Fase Final LGB 2025 onde as billardas do Noroeste veranse as caras coas billardas das Rías Baixas. Será o vindeiro sábado 28 de xuño. Veremos que sucede. Estes son as clasificacións para participar na Fase Final.