Xoves, Xullo 10, 2025
ActualidadeXornada

A LÚA estivo de Forza en Sanxenxo

Última xornada nas Rías Baixas e emoción ata o límite. A xornada presentábase coa clasificación da Categoría de Equipos no aire e en equilibrio de malbarista. Empatados a puntos Corredoiras e Lúa de Forza, coa vantaxe clasificatoria, en caso de empate, a favor do equipo verde de Sanxenxo. O equipo de Bueu presentouse a xogar cos seus mellores deportistas. Ademais, de contar con Bambo Cisse, nova incorporación procedente de Malí. Así, xa son dous xogadores desta nacionalidade os que fichou Corredoiras Bueu.

Ben, as cousas comezaron coa igualdade que se supoñía. Avanzaban as carreiras e as puntuacións eran moi parellas, Xan de Lúa tiña proxección de máis de 20 ptos e Outeiro de parte de Corredoiras levaba o mesmo camiño. Finalmente, Xan chegou aos 23 ptos mentres Outeiro, nunha actuación case perfecta, fixo 24 ptos. Agora a tortilla quedaba en mans de Chicho, Xián, Lu e Sergio, por parte do equipo de Sanxenxo e de Charri, Novas, Ricar, Bego e Fari por parte do equipo de Bueu. Nada estaba decidido, e ata a última carreira habería que golpear con tensión e precisión. Charri e Novas non estiveron precisos nos momentos decisivos, certo que Charri xogou con problemas físicos e non estivo ao seu nivel habitual de superar a vintena de ptos, quedouse en 17. Novas non tivo o punto de mira demasiado preciso e os seus potentes golpes marchaban fóra dos límites do campo, o mesmo lle pasou a Ricar, os dous con 16 ptos. Bego mantivo ao equipo con opcións de Título ata a última carreira, na que conseguiu 5 ptos para un total de 17. Non puido ser para Corredoiras Bueu. Posto que, pola outra beira da Ría, Chicho estivo excelente na última carreira na que case fai un varado e acadou 19 ptos totais. Xián fixo 18, a pesar de non entrar na última carreira, e Lu con 17 ptos confirmou o Título de Lúa de Forza. Finalmente, foron 3 ptos de diferenza de Lúa sobre Corredoiras. Así, o equipo lunático conseguiu a vitoria na xornada e o Campionato LGB RÍAS BAIXAS 2024-2025.

Outra das Categorías que faltaba por definir era a Individual Infantil. O certo é que chegaba Antía con 11 ptos máis que Xián. Entón, antollábase complicado que houbese cambio de líder. Xa que, Antía ten un potencial enorme e sería raro, moi raro, que non chegase a superar os 10 ptos, cousa que obrigaría a Xián a irse máis alá dos 21 ptos.  A cousa empezou con Xián movéndose coma un coello que escapa do raposo e facía 5 ptos na primeira carreira e 5 ptos na segunda. Antía pola contra facía 1 ptos na primeira e 1 punto na segunda. Na terceira carreira os dous fixeron 3 ptos. Daquela, con dúas carreiras por diante, Xián estaba a 3 ptos do liderado. Aínda así, a vantaxe de Antía parecía suficiente, pero claro, os astros e as mareas xuntáronse para formar unha mestura explosiva. Antía non entrou en ningunha das dúas últimas carreiras e a Xián chegoulle con entrar na cuarta carreira con 4 ptos, incluso se permitiu non entrar na última. En fin, cousas da billarda e os maleficios e meigallos desta terra planetaria galaica.

 

Vitoria de Xan, segundo Charri e terceiro Albino Veiga. En Categoría Feminina venceu Casilda, segunda foi Ainhoa e terceira Lu. En Categoría Infantil ganou Xián, segundo foi Marco e terceira Sofía. En Equipos Absolutos venceu Lúa de Forza, segundo Corredoiras e terceiro Gharaboto. En Equipos Femininos ganou Gharaboto F, segundo Valpaços F e terceiro Corredoiras F.

Ao remate da xornada, proclamáronse as Campioas e Campións nas respectivas categorías da LGB RÍAS BAIXAS 2024-2025

Ademais, xa hai clasificadas e clasificados para disputar a Fase Final LGB 2025 o vindeiro sábado no campo de Santeles-A Estrada. Nas Categorías Individuais son 20 representantes das Rías en Absoluta e 12 en Feminina e 16 representantes do Noroeste en Absoluta e 6 en feminina.

SISTEMA DE COMPETICIÓN E HORARIOS FASE FINAL 28 XUÑO A ESTRADA

FOTOS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *