Lúa de Forza vence en Soutomaior. Cho, Tania e Xián ganan as categorías individuais
Vitoria de Lúa de Forza para situarse líder antes de xogar a definitiva última xornada en Sanxenxo. Esta frase precisa bastantes aclaracións e comentarios, xa que, pode dar lugar a interpretacións demasiado optimistas para o equipo da Lúa. En efecto, Corredoiras agora é segundo na xeral, mais, un segundo posto que ten aroma de primeiro. Os dous equipos están empatados a puntos e só o maior número de vitorias en xornadas de liga lle dá o momentáneo liderado ao equipo de Sanxenxo. Así que, na última xornada e incluso pode que, no último golpe da última carreira, se decida o Título. Corredoiras presentouse en Soutomaior sabendo que podía aumentar eses 5 ptos de marxe cos que chegaba. Así, esta semana incorporou a un xogador talentoso e cun futuro magnífico. Despois de reforzar a sección feminina coa incorporación de Laura, agora chegoulle a vez ao equipo Absoluto. Yahaya Diaby debutou con Corredoiras para ser o primeiro xogador nacido en África que xoga na Liga Galega de Billarda. O traballo de base do Club Corredoiras Bueu é modélico desde hai moitos anos na súa sección de Atletismo, e agora está usando o mesmo modelo para fortalecer a sección de Billarda. O método consiste en espallar e difundir na base escolar a práctica deste deporte marabilloso e a captación de talento entre mozas e mozos que viven no concello ou arredores e que non coñece a cachiza. Grande Corredoiras.
En equipos femininos a vitoria incontestable foi para Valpaços F quen ganou a súa primeira xornada da temporada. Despois de moitos segundos postos, por fin, o equipo vigués puido con Gharaboto. Ademais, o equipo da Lúa F foi quen de superar ao todo poderoso equipo azul de Marín. Si, por vez primeira na temporada Gharaboto F baixa ao terceiro chanzo do podio. Circunstancia que fala da temporada fantástica do equipo Gharaboto F, que xa ten o Título no seu poder desde hai varias xornadas.
Nesta xornada de Soutomaior venceu Lúa con 5 ptos máis que Corredoiras, terceiro foi Gharaboto. En Equipos F ganou Valpaços Terra Quente F, por diante de Lúa F e Gharaboto F. En Individual Absoluto venceu Cho de Armadiña, segundo foi Xan de Lúa e terceiro Luís Camiña de Gharaboto. En Individual Feminina ganou Tania de Valpaços F, segunda foi Lu de Lúa F e terceira Machi de Armadiña F. En Infantil foi primeiro Xián de Lúa, segundo Gael de Armadiña e terceira Antía de Gharaboto.
As puntuacións non estiveron moi alá, pois só dous xogadores pasaron da vintena de ptos, Xan e Charri. O caucho do campo de Arcade é moi farruco e non deixa saltar con comodidade as billardas. Certo que as propulsa con entusiasmo, sendo este entusiasmo esaxerado ás veces, polo tanto, non hai maneira de controlar ese salto. Que salta moito para adiante, que salta para o lado, que se me escapa do palán. En fin, acontecementos aleatorios dificilmente agradables cando o brazo e os ollos non están ao seu.
Esta penúltima xornada de Soutomaior aclarou os Títulos Individuais tanto Absoluto como Feminino e case o Infantil. O Campión Absoluto de forma matemática é Xan de Lúa de Forza. A Campioa virtual, pois, para non selo tería que suceder un milagre en forma de 3 varados e un total de 28 ptos sobre 30 para Bego e que Lu non puntuase en ningunha das 5 carreiras. Ou sexa, unha proeza inimaxinable, sobre todo, tendo en conta que o campo de billarda de Nantes (Sanxenxo) non é dos que permite este tipo de portento. En fin, Lu de Lúa de Forza vai ser a nova Campioa Rías Baixas dentro de 14 días. O Título Individual Infantil está moi definido para Antía. Xián está a 11 ptos e só unha puntuación de 25 ptos na última xornada podería darlle algunha posibilidade de superar a Antía. De todas as maneiras, conseguir 15 ptos para Antía é algo que pode obter facilmente, cousa que poñería imposible a remonta de Xián.
As prazas de podio na Categoría Absoluta están definidas. Charri será segundo, sempre que Novas non recupere os 12 ptos que lle leva o seu compañeiro de equipo. As últimas prazas de Finalista están no aire. De momento están en poder de Martín Caneda, Luís Gon e Xián. Por detrás están Ainhoa, Sergio, Elena e Guto.
Na Categoría Feminina, a última praza de podio está empatada entre Antía e Chefa. Decidirase na última xornada. A última praza de Finalista está en poder de Tania, quen terá que confirmala en Nantes, xa que Casilda e Lita están a tiro de billarda desa posición.
FOTOS