En Cambados a LÚA foi de forza e Moñas comeu moita zorza
A Praza de Fefiñáns estaba chea de turistas, visitantes, camiñantes e, sobre todo, de xogadoras e xogadores de billarda. Disputouse neste marco arquitectónico fastuoso a xornada da LGB (Liga Galega de Billarda) Rías Baixas. Varios equipos da provincia da Coruña, Cochiqueir@s de Cerceda, Campo da Feira de Paiosaco, Filloas de Sangue da Coruña e Foucellas da Coruña aproveitaron o día de temperatura canicular para facer turismo enogastronómico pola Comarca do Salnés. Vaia, tamén disputaron a xornada cuns resultados magníficos e impensables sen a hidratación previa na D.O. Rías Baixas. Era o sábado 24 de maio e as pedras centenarias de Fefiñáns resoaban ao ritmo de percusión da madeira contra a pedra.
Pois ben, os resultados foron os que aparecen nas gráficas de abaixo. Na Categoría de Equipos A, Lúa aproveitou para superar a todos os rivais e só Campo da Feira estivo cerca de discutirlle o triunfo. Corredoiras, con ausencias sensibles, defendeu os 23 puntos que tiña de vantaxe na xeral para continuar líder. Iso si, agora a distancia co segundo clasificado, Lúa, é de 7 ptos. O obxectivo do equipo de Bueu era saír vivo de Cambados, pois, a próxima xornada disputaraa como equipo local. Campo da Feira de Paiosaco estivo a piques de dar a sorpresa e quedou a 7 ptos da vitoria. A actuación estelar de Moñas sostivo as esperanzas de triunfo ata a última carreira. A pena foi que Abel Ponte e Edu afroxaron un pouco na última carreira. Cousas das dixestións pesadas. Gharaboto tivo a ausencia de Piru, cousa que penalizou moito ao equipo de Marín, ademais, xuntouse que os outros referentes do equipo, Álvaro e Antía non tiveron unha boa xornada. En fin, agora o equipo azul queda a 22 ptos da segunda praza e a 29 do líderado. Non está todo dito aínda. Quedan 3 xornadas e moitos puntos por disputar. Filloas da Coruña quedou cuarto na xornada. O equipo herculino tivo en Playa, con 24 ptos, ao xogador máis destacado. Dicía o sabio Playa ao finalizar que non estaría de máis que os campos oficiais de billarda tivesen superficie de pedra, sempre. Valpaços Terra Quente ocupou a sexta posición da xornada con Albino Veiga como referencia, secundado por Taxeiro, Santiago e Guto. Cochiqueir@s de Cerceda foi sétimo e, por que non dicilo, defraudou un pouco o equipo Campión Galego. Certo que despois de coñecer o menú que as panteiras de Cerceda se meteron entre as paredes intestinais antes de afrontar a xornada de liga, os resultados deportivos acadado teñen unha lóxica absoluta. Rinoceronte tivo unha boa actuación, pois o seu obxectivo está en superar a Paquete Pinchas e evitar esa última praza da xeral. Desta vez, sacáronlle 20 ptos ao equipo de Pontellas.
En Categoría Equipos F, a vitoria de Gharaboto F é o triunfo 13 nas 15 xornadas disputadas. Nesta xornada non estiveron lonxe nin Valpaços F nin Armadiña F do equipo de Marín, os outros dous equipos do podio da Xeral. Cuarto posto para Lúa F e quinto para Cochiqueir@s F. Corredoiras F foi último, debido a que Chefa non puido ter o respaldo de dúas das súas compañeiras de equipo, Bego e Laura, que causaron baixa.
A clasificación xeral está moi definida e de aquí ao final de liga poucos ou ningún cambio de posición se vai producir. Gharaboto F é a día de hoxe o mellor equipo da LGB e demóstrao en cada xornada. Antía, Elena, Sofía, Vanessa, Lita, Casilda, Mónica Padín, Marga e Aldara forman o equipo F máis poderosa de toda a LGB. Actualmente, só Valpaços está cerca de poder inquietar este dominio, sempre que coincida un día excelente para o equipo de Vigo e un día nefasto para o equipo Gharaboto F. Circunstancia que sucede raramente ou poucas veces. Tendo en conta que Valpaços ten un cadro de xogadoras menos amplio con Tania, Yolanda, Belmira, Lucía, Analía, Gabri e Rosa non é moi complicado que nunha liga onde se premia a regularidade poida o equipo morado ter algunha posibilidade de título. Agora si, na Fase Final pode pasar calquera cousa, pois hai que ter o bo día e os bos golpes nesas precisas e contadas 5 carreiras. Despois, Armadiña F estase acercando ao nivel de Valpaços F. Con Ainhoa, Machi, Rosana, Mónica Moreira, Catu, Lau e Pili o equipo de Combarro é temible en pavillón e en exterior baixa un pouco as prestacións. Na Fase Final pode optar ao podio o equipo celeste. Cochiquer@s F é o equipo referencia do Noroeste e tamén optará a entrar en podio na Fase Final. Nesta xornada presentou a 3 xogadoras nada máis, por iso o resultado non foi espectacular.
En canto ás puntuacións individuais, Moñas estivo imperial con 25 ptos incluído 1 varado ganou a xornada. Despois, houbo varios xogadores con 24 ptos, Carolo, Xan, Xián e Plaza. Xián foi segunda da xornada e Playa terceiro. Novas e Edu fixeron 21 ptos. Estes foron os xogadores que superaron a vintena de ptos. As pedras da praza de Fefiñáns son difíciles de encarar. Cando a billarda afociña contra o chan pode saír rebotada en calquera dirección. En Individual Feminina chegaron á quincena de ptos, Lu con 18, Ainhoa con 16 e Sofía con 15.
FOTOS
PRÓXIMA XORNADA
31 maio
BUEU