Venres, Xaneiro 16, 2026
ActualidadeXornada

RÍO MIÑO en equipos, Óscar Ponte, Merche e Adrian en individual vencedores en Narón

O pavillón da parroquia de Sedes en Narón acolleu a xornada 15 da LGB Noroeste. Río Miño levou por diante a todos os equipos coa forza descomunal do seu caudal. 95 puntos fixo a Canariña de Castro de Rei para establecer a puntuación máis elevada de toda a temporada. Esta xornada estaba marcada no calendario amarelo do equipo da Chaira. Presentou 11 integrantes e coa mentalidade para ganar a xornada e asegurarse a clasificación para a Fase Final LGB 24-25. Pensamos que o obxectivo está conseguido, pois son 52 ptos máis que Foucellas que é o primeiro equipo que está fóra dos postos de Finalista. Claro, tanto Lucho, como Bonxe, como Pepe Outeiro, como Kiko, incluso Nolo son xogadores que golpean forte e a ninguén lle sorprendería que superasen os 20 ptos, como así sucedeu con moitos deles. O que si é algo estraño e que está baixo investigación é o rendemento de Luís Ares, 25 puntazos. Brillábanlle moito os ollos, non paraba de rir, mentres non xogaba estaba andando dun lado para outro, en fin, algo sospeitoso. Ademais, Luís Merlín Ares chegou moi cedo a Narón e entrou no bar que hai ao lado do pavillón de Sedes cunha caixiña chega de pastillas azuis, vermellas, amarelas, vaia, un arco da vella farmacéutico.

 

Campo da Feira continúa con paso firme para revalidar o Título da temporada pasada. Ata metade de temporada parecía que Cochiqueiros podía, por fin, romper a hexemonía do equipo de Paiosaco, mais, a realidade é que unha temporada é molto longa e os feirantes están habituados a resistir ata altas horas da madrugada co corpo en tensión.

As panteiras de Cerceda, Cochiqueiros, continúan en caída libre. Cuarto posto na xornada e sétima xornada consecutiva na que perden puntos con relación a Campo da Feira. O segundo posto da xeral téñeno asegurado e o Título semella inalcanzable, polo tanto, o equipo baixou os brazos e os paláns e agora cada xogador vai pola súa conta. Unha anarquía desorganizada e sen temón. Aínda así, poden centrarse en dous obxectivos claros de aquí a final de temporada. Primeiro, conseguir o primeiro título na Categoría Equipos F.

Si, hai unha nova Categoría Equipos F e con carácter retroactivo, unha demanda histórica que por fin logra ser recoñecida. Nas Rías Baixas a Categoría Equipos F leva existindo desde hai 5 temporadas con normalidade. No Noroeste non había suficiente número de mulleres competindo con regularidade, cousa que esta temporada cambiou e de que maneira. Hai 4 equipos que teñen xogando a 2 ou máis mulleres con regularidade, entón, a Categoría está consolidada e chegou para quedarse. De momento, as Panteiras teñen un potencial que non ten ningún outro equipo, de momento. Así e todo, tanto Río Miño F, Campo da Feira F e APB F contan con xogadoras de nivel para disputarlle algunha xornada, só lles falta que asistan a todas as xornadas. APB F, se Rosi e Yaiza complementan a Merche, pode ser competitivo. Campo da Feira F con Mercedes, Tamara e cando medre Noa tamén vai ter potencial e con algunha fichaxe máis xa sería potencia. Río Miño F é a día de hoxe o equipo que lle pode facer fronte a Cochiqueir@s F. O segundo obxectivo é que o seu neolíder Abel Regueiro logre o Título Individual. O primeiro obxectivo é doado de conseguir, o segundo, vai depender do traballo de coaching do equipo, xa que, Abel R. acabou moi afectado e repetindo, ” Que merda, que merda! Este Berdi estanos contaxiando a todos! “. En referencia ao estado de forma do exlíder do equipo Berdillo.

Desta maneira, a cuarta praza e última de finalista está agora ocupada por Filloas que cando presenta aos 6 magníficos, Miranda, Gándara, Josecho, Morís, Lois e Valentín é un rival de moito nivel para calquera. Nesta xornada tiveron tamén a participación de Corral. Foucellas tivo unha actuación inesperada e por debaixo do esperado, xa que, só Lito superou os 20 ptos, cousa que debería ser normal para o resto dos seus compañeiros. Agora, o equipo Mandarina deberá xogarse a praza de finalista nas 3 últimas xornadas. Certo que esa praza ocupada por Filloas está a tan só 5 puntos e todo está no aire aínda. Sobre todo, coñecendo o potencial de golpes en exterior de Lito, Collazo, Toni, Alberte, Roberto e Manu.

APB que semellaba sen opcións a entrar nas prazas de finalista tivo unha actuación excelente e agora, quen sabe se nas 3 xornadas que faltan non é capaz de recortarlle 26 ptos a Filloas. Vaia, a presenza de Asier funcionou como combustible para o resto de compañeiros. Chegou o Doctor Pereiro con tanta enerxía que na entrada do pavillón meteuse unha cuada que lle puxo os glúteos a temperatura caribeña. En fin, sen maiores contratempos para Asier que unhas marcas marróns no Pantalón Casual. Un programa sen prelavado ao chegar a casa e todo listo. Ao mesmo tempo, a fenomenal actuación de Merche e o trío Iván, Riveiro e Roi logrou o milagre.

Os finalistas foron Lucho e Pepe Outeiro de Río Miño, Iván de APB, Edu, Eladio e Óscar Ponte de Campo da Feira.

A vitoria foi para Óscar Ponte de Campo da Feira, segundo Lucho de Río Miño e terceiro Iván de APB. En Categoría Feminina ganou Merche de APB, seguida de Irene e Silvia as dúas de Cochiqueiros. En Infantil foi primeiro Adrián de APB e segunda Noa de Campo da Feira.

FOTOS

PRÓXIMA XORNADA

1 XUÑO

SADA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *