CAMPO DA FEIRA deuse présa e Lito Pena dá a sorpresa
14 xornada LGB NOROESTE
Bastiagueiro-OLEIROS
O terreo de xogo de area non permitiu demasiados arabescos, adornos nin filigranas na execución dos golpes de billarda. Ademais, o contraluz das 11 da mañá estaba máis favorable para o golpe desde a sinistra que desde a destra. A marea cumpriu coa súa palabra e estaba de corpo enteiro en baixamar. A historia das xornadas disputadas en area estaba chea de puntuacións por debaixo dos 20 ptos e incluso bastante por debaixo dos 15 ptos. Nesta ocasión a aritmética pitagórica foi fiel ao pasado. Todo disposto e preparado, arrancou a 14 xornada da LGB Noroeste na praia de Bastiagueiro-Oleiros. Desde a ventá dunha vivenda con vistas a Bastiagueiro saudounos unha persoa de pelo máis ben canoso e atractiva vestimenta. Alguén dixo que era un actor de Hollywood no seu retiro galego. “Un tal Richard Gere“, dixían algunhas, outros aseguraban que non, “non fagades caso“. Vaia, que a cousa quedou en que podía ser el ou non, e que tamén, podía ser que fora el ou non.
PUNTUACIÓNS
Ningún palanador/a chegou á vintena de puntos e só 6 estiveron por enriba dos 15 ptos. Para ganar en Categoría de Equipos foron suficientes 66 ptos.
ACTAS DE GRUPO
Despois de superar a criba dos cruces eliminatorios a Final de 6 xogadores foi disputada por Moñas e Abel Ponte de Campo da Feira, Collazo e Lito de Foucellas, Anxo de Cochiqueiros e Xan de Lúa. Ganou a xornada Lito Pena, segundo foi Collazo, os dous de Foucellas, e terceiro quedou Xan.
PODIOS
CLASIFICACIÓNS
T-1 T-2
T-3
As posicións na Clasificación Xeral Individual Absoluta poderiamos dividilas en 3 zonas principais. A primeira é a T-1, na que están xogadores con opción de Título e podio. Abel Regueiro mantense como líder unha xornada máis, con Xan a 5 pts e Lito Pena a 13 ptos. Entre estes 3 vai estar o campión. Xa que, Abel Ponte cuarto clasificado, a 18 ptos do liderado, ten moi complicado loitar polo título, sobre todo, porque terían que fallar os 3 de arriba. Bonxe, Moñas e Juan Carlos poden disputarse entrar en podio.
Despois estaría a T-2 na que a tranquilidade reina desde Viqueira ata Berdi, pois, non teñen opcións de Podio e a T-3 onde tremen as perniñas quédalles lonxe tamén. Vaia, Berdi e David non deberían descoidarse.
A T-3, que comezaría en Enrique, é a zona dos Tremores de pernas e de brazos. As prazas para ser Finalista LGB 2024-25 rematarían a día de hoxe en Óscar Ponte e por detrás está Valentín a 1 pto, Marco a 2 ptos, Roi a 10 ptos e Toni a 14 ptos. Isto significa, que calquera ausencia, erro, tusido ou catarro pode supoñer unha calamidade clasificatoria para calquera deles.
Na Categoría Feminina as prazas de podio e de clasificación para ser finalista LGB 24-25 redúcese a 5 xogadoras. Delia ten moita vantaxe para proclamarse campioa, non obstante, se a de Río Miño non compite en algunha xornada das 4 que faltan para rematar a liga vai ter a Mercedes enriba do pescozo e a Merche. Esther e Chus teñen praza de finalista case asegurada, xa que Sonia e Irene están a máis de 20 ptos.
Na Categoría Infantil, Adrián ten o Título no peto. O de Río Miño creceu moito no seu golpe e pensamos que pode competir contra o poderío da Conferencia Rías Baixas na Fase Final LGB 24-25. O poderío infantil nas Rías Baixas é maior con Xián, Antía, Sofía, Aldara e Gael como referentes, mais na Fase Final hai que estar ben no momento preciso e na carreira adecuada e no golpe xusto.
En Categoría Equipos a cousa está tremenda. Polo Título, Campo da Feira está tensando a corda e Cochiqueiros aguanta a duras penas. Xa son 24 ptos de marxe entre os dous. Ademais, a tendencia positiva do equipo de Paiosaco mantense nas últimas 3 xornadas, nas que ganou de xeito consecutivo. As panteiras de Cerceda van ter que comer moitas gacelas e moito ñu para aguantarlle a carreira ao equipo feirante.
Despois está a disputa que teñen 3 equipos por dúas prazas de finalista. Río Miño mantén o pulso firme e nas dúas últimas xornadas fixolle unha marcaxe tal a Foucellas que empataron a puntos nas dúas xornadas. Esta marcaxe aproveitouna Filloas, o terceiro equipo que busca algunha das prazas, para acercarse a lume lento. O equipo da Coruña recortou 3 puntiños en cada unha desas xornadas e agora está a 1 ptos da cuarta praza e última de finalista. Praza que defende Foucellas. Río Miño ten unha cómoda vantaxe de 19 ptos, pero non debe durmirse. APB vaino apostar todo á xornada de Narón. Se nesa xornada consegue reducir distancias podería, podería ou non, ter algunha mínima posibilidade de meterse como finalista.
FOTOS
CAMPIONATO GALEGO DE BILLARDA
3 de maio
A ESTRADA