Campo da Feira en Zas, deixou a todos detrás
As magníficas instalacións deportivas de Zas foron escenario da 13 xornada da LGB Noroeste. Foi no campo exterior de terra ao lado do polideportivo. Unha superficie perfecta para a práctica da billarda e unha temperatura ideal. Nada podía impedir o espectáculo. O terreo de xogo é lugar habitual de adestramento de Valentín e Miranda. Cochiqueiros chegou coa intención de tapar esa hemorraxia de puntos que sufriu na xornada anterior con relación a Campo da Feira. Pero, non puido ser e ademais, pensamos que despois dos resultados de Zas o Título xa está nas mans do equipo de Paiosaco, unha temporada máis. Así son as cousas, media temporada liderando a xeral e no tramo definitivo, as Panteiras entran en crise. As puntuacións foron as normais para este tipo de superficie. Só 5 xogadores estiveron na vintena de puntos.
Curiosamente, como sucede en billarda, ningún destes xogadores vintepuntistas conseguiu subir ao podio da Xornada. Diremos máis, ningún chegou á final. Os seis finalistas foron Collazo, Roi, Alberte, Kiko, Viqueira e Juan Carlos. Foi o cochiqueiro Viqueira o máis desperto de todos e ganou a xornada no golpe de desempata contra Kiko de Río Miño. Terceiro foi Alberte de Cochiqueiros. Na Categoría Feminina ganou Merche de APB, segunda foi Irene de Cochiqueiros e terceira Esther do mesmo equipo. En Infantil, venceu Adri de Río Miño e segunda quedou Noa de Campo da Feira.
Ben, Cochiqueiros chegaba entre dúbidas, malas sensacións e meigallos varios. Os acontecementos, circunstancias e feitos moitas veces semellan estar xa preparados fóra das decisións humanas. Non obstante, outras veces, o sucedido pódese resumir cunha frase moi coñecida e usada “eu xa cho dixen”. Vale, en certas comarcas tamén se usa “eu xa cho dicía”. En definitiva, as Panteiras de Cerceda chegaban entre malos presaxios, moito sono e nada de ansia mañaneira. Ademais, Campo da Feira presentouse co equipo ao completo. Non somos quen para dar consellos, pero si para ofrecer análises profundas e minuciosas do que sucede e por que sucede nos campos de billarda. Pois ben, cada vez que hai comida colectiva despois da xornada, Campo da Feira preséntase co equipo ao completo. Cousa que non sucede noutras xornadas. Claro está, así non hai quen lle faga sombra ao equipo de Paiosaco.
Filloas de Sangue tivo unha sensacional actuación a pesar das baixas de última hora de Josecho e Insua. Río Miño e Foucellas empataron na cuarta e quinta praza e APB quedou sexto, pero non a moita distancia deste grupo de equipos que teñen que xogarse a última praza de Finalista. Está claro que o Título é cousa de 2 ou case que diríamos de 1, Campo da Feira. Cochiqueiros debe pensar en buscar reforzos para a recta final. Despois, a terceira e cuarta praza de Finalista está moi disputada. Río Miño ten lixeira vantaxe de 21 ptos sobre Foucellas. E a cuarta e última praza de Fase Final LGB 2025 está en mans de Foucellas de momento, pois Filloas está a 4 ptos. APB vai ter que remontar 30 ptos, cousa que cando teña ao equipo completo estará ao seu alcance. A cuestión é se vai ter o equipo completo en algunha xornada. Están esperando a xornada de Narón para coller impulso.
As clasificacións xerais marcan os obxectivos aos que aspiran os xogadores e xogadoras de cara ao final de liga. Así, na T-1 zona de título, podemos considerar que ata 7 xogadores estarían con opcións. Certo que Juan Carlos a 29 ptos do liderado é o que menos posibilidades ten, pero non se pode descartar nada en billarda. Desta maneira, Abel Regueiro mantense firme como líder, despois de marcar a mellor puntuación da xornada. Xan, Lito, Abel Ponte e Moñas son os que teñen aínda o Título no horizonte do posible. A Bonxe retirámolo da ecuación, pois vai faltar a varias xornadas. A T-2 está integrada por Collazo, Riveiro, David, Viqueira, Edu e Miranda. Zona Tranquila da xeral, sen apuros de clasificación para a Fase Final. E chega a T-3, zona de Turbulencias. Desde Berdillo ata Roi hai 8 xogadores de moito nivel que só dispoñen de 4 prazas de finalista. Así a cousa, de momento Marco ocupa esa última posición empatado con Miranda, que estaría fóra. Claro, están fóra tamén, palanadores dun potencial absoluto para ser finalista, entón, todos non caben. Valentín, Óscar Ponte, Toni e Roi teñen en mente esas posicións. Daquela, Berdi, Enrique, Xulio e Marco van ter que andar con ollo, e se puidese ser con dous ollos moito mellor.
Na Categoría Feminina, a ausencia de Delia fixo que Merche e Mercedes se lle acercaran. Aínda que a de Río Miño mantén 12 ptos de marxe sobre Merche e 16 sobre Mercedes. Todo vai depender de se Delia acude a todas as xornadas ou non. Entre elas tres estará a Campiona 2024-25. Na T-2 están Chus e Esther, pois están tranquilas cos postos de finalistas asegurados, pois teñen máis de 20 ptos sobre Pili que está fóra desas prazas. Na T-3 navega Irene, quen resiste as Turbulencias desa última praza e aínda que ten bastante distancia sobre Pili non debe descoidarse. De momento esta praza pertence ao Noroeste, mais vai depender da porcentaxe de participación que haxa na Categoría Feminina nas xornadas que restan. En categoría Infantil, Adri de Río Miño ten a Liga moi de cara.
Nesta xornada tamén se xogaban os postos para participar na Super Copa de Billarda do día 26 de abril na Coruña, televisado pola TVG2. Finalmente, as prazas foron para Abel Regueiro de Cochiqueiros, Edu de Campo da Feira e Valentín de Filloas en absoluta, para Merche de APB en Feminina e para Adri de Río Miño en Infantil. Estes cinco xunto con Abel Ponte de Campo da Feira, Irene de de Cochiqueiros e Kevin Torres de APB forman os 8 integrantes do Noroeste.
Nesta xornada de Zas tivemos a presenza dun baloncestista famoso da NBA e que foi convidado polo equipo APB A Laracha.
FOTOS
SUPER COPA DE BILLARDA
26 ABRIL
A CORUÑA