CAMPO DA FEIRA encerrou a panteira e Daniel, billardeiro musical, ganou en individual
O pavillón de Castro de Rei e a súa superficie de cemento foi un obstáculo insuperable para Cochiqueiros. Un baño de realidade, que se adoita dicir en contextos deportivos, para as Panteiras. O equipo de Cerceda estaba no liderado desde a primeira xornada de liga e chegaba coa intención de aumentar a súa vantaxe. Pois ben, a humidade da Terra Chá, a proximidade do cuartel da Garda Civil, o madrugón, os quilómetros de condución, quen sabe? O que si temos claro é que as panteiras están feridas e esperemos que nesta xornada non se lles escapara o Título 24-25. Foron nada máis e nada menos que 20 ptos os que lle sacou de vantaxe Campo da Feira a Cochiqueiros, 20 puntazos. Agora na xeral, o equipo de Paiosaco ten 15 ptos máis que o de Cerceda.
ACTAS
As puntuacións foron as habituais cando se xoga en pavillón. Bastantes vintenas de puntos e algún que outro palanador que pasou a xornada a mirar para as verzas e a contar ovelliñas. Dar nomes ? Para que? Con deixar unha imaxe a veces é suficiente e neste caso é SOBRESAÍNTE. O alcumado Club dos 5 contou nesta ocasión con dous célebres xogadores. Os únicos dous xogadores de todos e todas as participantes que non deron puntuado en ningunha das 5 carreiras foron… Si, parece difícil conseguir esta fazaña, mais o ser humano non ten teito e empresas que noutra época semellaban inalcanzables hoxe son límites xa superados. Sen máis retórica nin prosa poética aquí queda a imaxe para a historia destes dous socios de honor do CLUB dos 5.
Evidentemente, ter a dous xogadores coa máxima puntuación da xornda, 24 ptos, como foi o caso de Campo da Feira con Óscar Ponte e Moñas, é unha vitamina para o equipo. Ademais, resulta que de Cochiqueiros ningún xogador chegou á vintena de ptos. Entón, xuntadas estas dúas variables e contando que outros dous xogadores de Campo da Feira, Abel Ponte e Eladio, superaron os 20 ptos, o coctel explosivo está servido.
O equipo local Río Miño obtivo unha moi meritoria segunda posición e afianza a súa terceira praza de podio na xeral. Foucellas continúa coa súa progresión e volve a subir ao podio da xornada e mantén intactas as opcións desa cuarta praza que dá dereito a participar na Fase Final LGB 2024-25. Billardeiros Musicais con 73 ptos quedou a 2 ptos do podio. Cos xogadores xustos para puntuar, que son catro, o equipo de Ribadeo estivo loitando polo podio da xornada. Daniel fíxose coa vitoria da xornada en Individual Absoluta e Geni terceira en Individual Feminina. Filloas mantivo o tipo e non cedeu máis ca 4 ptos en relación a Foucellas, na loita por esa cuarta praza. A volta de Gándara, que nunca se fora, pero estaba coa enerxía en repouso. 22 puntazos fixo o de Anido e ademais subiu ao podio na Categoría Individual Absoluta. Chaínzos-Cadaval tivo unha notable actuación e quedou moi cerca dos 70 ptos. Paula con 20 pts foi a xogadora máis destacada do equipo. APB defendeu como puido o honor dun equipo Campión de Conferencia e con 4 elementos químicos fixo máis de 50 ptos para non perder o fío desa cuarta praza de finalista. Agora, son 27 ptos os que separan ao equipo Emoglobina da cuarta posición, polo tanto, nada está perdido de momento. Son puntos recuperables se o equipo recupera as Vacas e Bois sagrados cos que non puido contar nas últimas xornadas.
PODIOS
Nas Categorías Individuais houbo un cambio significativo, moi significativo, como foi o do líder na Individual Absoluta. Si, a ausencia de Bonxe, que desde a terceira xornada estaba nesa posición de privilexio, aproveitouna Abel Regueiro. Vaia, que non foi xogar por motivos que o director deportivo do equipo non quixo aclarar. Luís Ares manifestou que son cousas internas e que asume todas as consecuencias da súa decisión. Na Individual Feminina Delia recolleu un feixe de puntos que a acercan ao Título. Agora son 23 ptos de marxe sobre Merche e Mercedes. Na Individual Infantil, Adrián fixo o meso e xa son 19 puntos máis que Aleixo.
“No último adestramento vin a Bonxe moi cansado fisicamente e decidín non convocalo. Sei que foi unha decisión moi impopular, pero eu só penso no ben do equipo. Ademais, fixen cálculos e segue tendo opcións de Título Individual. Xa faremos o posible para que o líder actual teña algunha infección respiratoria ou proceso gripal incompatible coa práctica deportiva”, foron as declaracións contundentes a pé de mesa e sobremesa de Merlín Ares.
Agora, Abel Regueiro, quen saboreara brevemente o liderado despois da 2ª xornada, pode desfrutar durante un par de semanas do liderado. Despois, veremos se aguanta a presión de todas as bestas que veñen por detrás. Pois, estar en segunda posición detrás de Bonxe e incluso en terceira posición soubo facelo moi ben.
Ao remate da xornada os equipos tiveron unha comida colectiva e repartíronse os alimentos de maneira máis equitativa que os puntos de liga. Ao comezo todo parecía animado e con entusiasmo de ter que repartirse as proteínas, lípidos e hidratos de maneira frugal, cousa que moitas bocas conseguiron outras non tanto.
Ao final, as circunstancias puxeron a cada quen no seu lugar. Corpos derrotados pola carga de osíxeno que houbo que carrexar cara ás células e repartir entre todos e cada un dos órganos do corpo. Alegría espiritosa para quen acompañaron ese traballo cunha hidratación correcta.
E entre todas e todos, os máis felices, Julio Fuentes e Marcedes Veiga, quen hoxe mesmo celebran o 57 aniversario da súa voda. Daquela, brillaban as súas caras e a súa vestimenta branca e, agora, brillan os seus ollos e a súa roupa azul, cousas das modas cromáticas e da luz.
FOTOS