Bonxe queimou a Tilla e a Río Miño foille de marabilla
A Festa de Tilla en Leiloio, parroquia de Malpica, celébrase no mes de San Xoán e as patacas asadas á tilla están de morte. Pois ben, na xornada 11 da LGB Conferencia Noroeste tamén houbo lume e algún equipo saiu escaldado. Si, un equipo da Laracha que chegou cos efectivos xustiños para puntuar e eses efectivos non tiveron o día e… vaia, houbo hecatombe deportiva. Unha desfeita comprensible polas ausencias de xogadores referenciais do equipo hemorráxico da Laracha.
Ademais, ninguén esperaba que Riveiro, o seu mellor xogador, non encontrara en toda a mañá a efectividade do seu magnífico golpe. Pasouse toda a xornada en loita contra a herba do campo. Deixou o cespede do campo de fútbol de Leiloio con máis buracos que unha rede de pesca de arrastre. As billardas no canto de voar, espichábanselle moi cerca dos pés. Salvou as uñas das dedas por centímetros. “Drama, traxedia, desfeita“, eran as palabras que saían da boca de Riveiro mentres recollía o material de xogo despois da última carreira. Así, APB, deixou nesta xornada moitas das súas opcións de podio e incluso vai ter que loitar moito para entrar en zona de finalista LGB.
Aproveitaron moi ben esta nefasta actuación de APB tanto Río Miño, como Foucellas, como Filloas, como… en fin, todos os demais equipos déronse un banquete de puntos de vantaxe sobre o equipo da Laracha. Os puntos son os que son e non podemos ocultalos. Río Miño ganou a xornada beneficiándose da vitoria individual de Bonxe e desfacendo un triplo empate a 61 puntos. Segundo quedou Foucellas, pola maior puntuación individual de Toni e terceiro foi Cochiqueiros. Filloas de Sangue quedou moi perto da zona de podio con 59 puntos e defendendo como puido o resultado ante a ausencia de Lois Fontán e de Gándara. De novo Miranda e Valentín mostraron o camiño recto e Josecho e Morís seguíronos. O único que non estivo acertado foi Playa, quen se laiaba de que nunca na vida lle sucedera tal cousa. Só entrou nunha carreira, na última. Campo da Feira con 58 puntos foi quinto e iso que Edu non chegou aos 10 ptos. Esta actuación de EGASA confirma que na súa visita a Castro de Rei a semana pasada non tocara aínda fondo con aqueles 4 puntiños en 35 golpes. Pode ir a peor con un pouco de interese que lle poña.
A clasificación xeral mantén a tensión para o título, pois Campo da Feira non cedeu máis ca 3 puntos en relación a Cochiqueiros. Agora son 5 ptos de diferenza. Na zona da terceira praza que completa o podio e da cuarta praza que dá dereito a ser Finalista LGB está montado o belén. Río Miño deu unha crecida importante e deixa a quinta posición a 18 puntos, mentres que Foucellas deu un fouciñazo importante e devastador para alzarse por vez primeira na temporada a esa privilexiada posición de finalista. Certo que cunha vantaxe paupérrima sobre APB e Filloas, 3 puntos. En definitiva, esas dúas loitas deportivas están no seu cénit. Faltan 7 xornadas e son demasiadas para facer prognósticos fiables. O único que se pode afirmar é que o campión vai vestir de Panteira ou de gris feirante. O resto, está por ver, oír e narrar.
ACTAS
En Categoría Individual Absoluta, Bonxe continúa cunha xeira de vitorias que non ten parangón na histórica da Liga de Billarda. 7 vitorias nunha mesma temporada e olliño que faltan 7 xornadas. Unha bestialidade deportiva. Ademais de encabezar a xeral de maneira cómoda, de momento, Bonxe mostra unha efectividade nas finais ao alcance de moi poucos xogadores de billarda, tan poucos como ningún. Veremos onde deixa o xogador de Río Miño o record de vitorias. Aínda que non ganase máis xornadas, vai ser moi difícil superar esa marca nos próximos 20 ou 30 anos. Vaia, superala ou iguala ou acercarse a ela. Cando o Raio Verde alcance a madurez competitiva, que na billarda chega pasados os 40 anos, veremos se é quen de acercarse a ese número de vitorias.
A final a 6 foi grandiosa, sobre todo polo que se xogaban os equipos. Despois de sumados os puntos feitos en grupos había 3 equipos empatados a 61 ptos, Río Miño, Foucellas e Cochiqueiros. Pois ben, nestes casos o primeiro criterio que se utiliza para desempatar é o xogador ganador na xornada, segundo criterio o xogador que máis puntos fixese e terceiro criterio o segundo xogador con máis puntos, o terceiro se continúa o empate e así sucesivamente, ata desempatar. Daquela, a maior puntuación estaba en poder de Pepe Outeiro xogador de Río Miño, polo tanto ao equipo canariño chegáballe con que non ganase nin Toni de Foucellas, nin Viqueira, nin Abel de Cochiqueiros. Tamén, valíalle que ganase a xornada Bonxe. A Foucellas só lle valía que ganase Toni, e a Cochiqueiros que ganase ou Abel ou Viqueira.
Toni chegaba á final por segunda vez na temporada despois de facer un varado na semifinal e con 19 ptos conseguidos, a puntuación máis alta de todos os finalistas. Viqueira chegaba con 18 ptos, Moris e Abel Regueiro con 14 ptos, Bonxe con 13 ptos e Roi con 10 ptos ganando a semifinal cun desempate a puro nervio contra Collazo. O de APB mandou a billarda polo menos a 5 metros da liña de saída e… chegoulle para pasar.
Todo quedou simplificado despois do primeiro golpe. Golpazos de saída de Viqueira e de Bonxe que deixaron as billardas a menos de 5 metros da entrada do varal. Deu o segundo golpe Viqueira e como “era visto” entroulle o mal da Panteira que tanto sufren os xogadores de Cerceda. Si, ese golpe funesto a escasos centímetros ou metros da entrada que tanto lle gusta a el como a Abel Regueiro, como a Berdi e incluso a David. Bonxe non fallou e o resto de finalistas quedaran coa billarda bastante lonxe do varal no seus primeiros golpes. A billarda sempre ten razóns que a razón non comprente, ganou o xogador coa segunda puntuación máis baixa dos finalistas, en segunda posición o xogador coa puntuación máis baixa dos finalistas e terceiro quedou o xogador coa terceira máis baixa. Case se cumpre a regra de ouro que creou Óscar Ponte, que di que tes que dar pena na fase de grupos se queres triunfar na final. Non é fiable ao 100% esta regra, só anda polo 75% de fiabilidade.
Ganou a xornada Bonxe de Río Miño, segundo foi Roi de APB e terceiro Viqueira de Cochiqueiros. En Individual Feminina, venceu Mercedes de Campo da Feira, por diante de Sonia de Cochiqueiros e terceira quedou Delia de Río Miño. En Individual Infantil, ganou Adri de Río Miño e segundo foi Aleixo de Cochiqueiros. En Equipos venceu Río Miño, segundo foi Foucellas e terceiro Cochiqueiros.
Resumindo, xornada gloriosa para o equipo Billarda Río Miño de Castro de Rei, venceu en tres das catro categorías e ascendeu ata a terceira posición da Xeral. Foucellas sae moi reforzado e cunha clara tendencia alcista nas súas puntuacións e no seu xogo. Ademais, dos seus xogadores referencia Lito e Collazo, semella que Toni xa acadou o estatus de terceiro xogador que sempre suma para o equipo. Agora falta que Miguel, Alberte e Manuel se matriculen no I Curso de Tecnificación Deportiva ou Como Golpear a Billarda sen Baixar o Lombo, que vai impartir Lito Pena na Coruña. Vaia, e que Roberto recupere a mobilidade na perna dereita. Aínda que, desde que o Mouriño da Billarda está de baixa e dirixe aos seus compañeiros desde o banquiño todo vai moito mellor.
Disputada a metada da temporada as prazas de finalistas en Categorías Individuais que se calculan pola porcentaxe de participación en cada unha das dúas conferencias están da maneira que aparece abaixo no gráfico. En resume en Absoluta, a día de hoxe serían 20 prazas para Rías Baixas e 16 para o Noroeste. En Feminina, serían 13 prazas para Rías e 5 prazas para Noroeste. O número definitivo de prazas calcúlase ao finalizar as 18 xornadas de cada conferencia.
Polo tanto, a Clasificación Xeral Individual Absoluta ten moito ou todo por decidir, tanto nas posicións de privilexio como nas posicións de Finalista LGB 2025. Sabemos que na billarda calquera imprevisto altera posicións de maneira abrupta, tendo en conta que cada xornada pódense conseguir entre 15 e 25 ptos no mellor dos casos. Cousa que xunto cunha mala xornada doutros xogadores ou xogadoras que non cheguen a dobres díxitos ou unha ausencia por lesión, viaxe co IMSERSO, boda, bautizo, confirmación ou festas parroquias, pode trocar a orde da clasificación de maneira asombrosa.
Na primeira zona de título e podio final, Bonxe mantense como líder desde a terceira xornada e cunha vantaxe que foi en aumento chegando ata 11 ptos sobre o segundo clasificado Abel Regueiro. Nunca estivo a máis distancia, chegando a ser de só 3 ptos despois da oitava xornada. Isto indica que calquera descoido do de Outeiro de Rei pode dar oportunidade á Panteira Regueiro para botarlle a gadoupa enriba. Despois, xa están palanadores que deberán facelo moi ben e esperar o fallo dos dous grandes candidatos. Así, Xan está a 17 ptos do liderado e a 6 da segunda praza. Lito chega con forza a 5 ptos da terceira praza e a 22 do liderado. Abel Ponte sería a última baza para optar ao podio ou ao título. O de Camo da Feira está a 25 ptos de Bonxe e a 8 ptos da terceira praza de podio.
Despois chega a zona onde máis lea pode haber, xa que están implicados maior número de palanadores. A última praza de Finalista LGB tena neste momento Xulio con 160 ptos. Fóra desas prazas están Valentín con 152 ptos, Toni que chega como atleta de velocidade con 148 ptos, Roi con 145 ptos, Óscar Ponte con 141 ptos, Luís Ares con 133 ptos os mesmos que Josecho, Playa con 132 ptos e Nolo con 127 ptos. Pensamos que estes xogadores son os teñen aínda posibilidades de acceder a esa praza de Xulio, e quen sabe se á de Enrique 166 ptos ou á de Edu 171 ptos. En fin, calquera lesión ou ausencia a unha xornada pode dar pábulo a calquera deses aspirantes a finalista LGB.
Na Clasificación Individual Feminina a cousa está entre Delia Mercedes e Merche, pois Chus xa queda un pouco lonxe para optar ao título de Conferencia. Delia está de líder de maneira máis ou menos cómoda, pois ten 13 ptos máis que Mercedes. De todas as maneiras a xogadora de Campo da Feira é un valor seguro e puntuou por enriba dos 5 ptos en 10 das 11 xornadas disputadas, polo tanto, Delia non pode fallar nungunha xornada. Merche tamén está ao axexo. Son 5 ptos menos que Mercedes e en calquera xornada pode consolidar máis de 10 ptos e acercarse. Chus e Esther ocupan prazas de finalista e con bastante cunha vantaxe suficiente sobre Tamara. Irene está de baixa indefinida cousa que deixa aberta a clasificación para Pili e Tamara, considerando que a Conferencia Noroeste ten a sexta praza de finalista ao alcance. Vai depender da porcentaxe de participación nestas 7 xornadas que restan. Incluso Sonia e Silvia terían posibilidades se finalmente a sexta praza vai para o Noroeste.