Lúa de Forza en Barro, encheu o carro
O Pazo da Crega presenciou unha xornada épica e de grande altura. Un terreo de xogo inédito e que resultou magnífico para o voo das billardas en busca das altas puntuacións. Houbo 12 xogadores e 2 xogadoras que fixeron puntuacións de 18 ptos ou máis, cousa que non é doado conseguir cando se xoga en terreos de terra como o desta xornada de Barro. Cinco destas puntuacións chegaron ou superaron a vintena de puntos.
Unha vez feita a inscrición e sorteados os grupos podíase pensar que a xornada estaría moi disputada e igualada, máis que nada porque Corredoiras e Lúa de Forza presentaron os seus equipos ao completo. O equipo de Bueu xogou con 8 xogadores e 3 xogadoras e o equipo de Sanxenxo con 3 xogadoras e 11 xogadores. Esta situación veu provocada polo resultado da xornada anterior de Poio, na que Gharaboto dera un estacazo importante na clasificación e situárase coa maior diferenza con respecto ao segundo clasificado, que eran 12 ptos. Ademais, Lúa pasara da segunda á terceira posición. En fin, os equipos que se miran fronte a fronte coa Ría de Pontevedra polo medio, sabían da importancia de non deixar a Gharaboto poñer máis terra por medio. Este equipo de Marín inciaba a xornada como líder e cun equipo moi completo, coma case sempre, apenas faltaban uns cantos diamantes con valor histórico como Luís Gon, Luís Camiña, Gelín e Suso. Con estas ausencias o equipo marinense presentou unha idade media moi por debaixo do habitual. Pois ben, o que parecía unha confrontación máis ou menos coma sempre, igualada e con diferenzas de pelos ou de patas de mosca, resultou un duro correctivo para Gharaboto. Si, Lúa superonou en 19 ptos e Corredoiras en 11 ptos. Esta circunstancia fixo que a clasificación dera un pinchacarneiro absoluto. Lúa ascendeu desde a terceira á primeira posición, Gharaboto descendeu do liderado ata a segunda praza e Corredoiras da segunda posición baixou ata a terceira.
Armadiña estivo moi cerca de subir ao podio, sobre todo pola actuación de Cho, 20 ptos. Ainhoa continúa sendo a líder do equipo celeste de Combarro e está situada nas prazas de finalista absoluta. Ocupa a posición 17 da xeral Absoluta e en Feminina está loitando polo podio. Valpaços Terra Quente con 54 ptos mantén a cuarta posición de finalista LGB e Armadiña está demasiado lonxe para aspirar a restarlle 57 ptos en 8 xornadas. Aínda que facendo as contas da vella, sería como sacarlle 8 ptos de diferenza en cada unha desas 8 xornadas. Visto así o asunto non parece tan complicado. Veremos.
Rinoceronte recuperou a José Manuel e a Lola e a súa volta aos campos foi exitosa, pois, Lola fixo 8 ptos para romper o maleficio. José Manuel chegou aos 11 ptos e non está mal para iniciar a remontada. Salgue segue tirando de Paquete, aínda que 11 ptos para un palanador do seu nivel non podemos consideralo aceptable; non tivo boa xornada o palanador de Pontellas.
En Categoría Equipos F, a cousa continúa igual, Gharaboto F non ten rival, Valpaços F volveu ao lugar que lle corresponde e Armadiña F cedeu un pouco. Estes son os tres equipos que ocupan o podio da categoría. Lúa F entrou en podio da xornada e na Xeral continúa loitando contra Corredoiras F por recuperar a cuarta posición. Vai ter que suar moitos elásticos e camisetas o equipo verde. Ademais, o equipo de Bueu incorporou a Laura, para axudar a Chefa e Bego no camiño cara ao podio F. Entón, a emoción vai estar en saber se Armadiña F será quen de alcanzar a Valpaços F e tamén haberá interese en ver se Lúa F pode superar a Corredoiras F. O Título está máis que asegurado para o equipo de Marín.
Agora, as clasificacións xerais individuais deixan delimitadas claramente unhas zonas nas que se decidirán, por un lado o Título e por outro as prazas de podio. Así, na Individual Absoluta Xan segue aumentando a distancia cos tres candidatos que poden disputarlle o título. Aínda que o van ter complicado, pois a diferenza é de máis de 20 ptos, non se pode descartar nada en billarda. Álvaro, Charri e Novas son eses candidatos, xa que, entre eles hai 1o ptos de marxe. Álvaro con 206 ptos é o máis cercano ao liderado, Charri con 200 ptos e Novas con 196 ptos sígueno e van ter que disputarse as prazas de poido se o de Lúa non cede na súa media de case 23 ptos por xornada. Albino Veiga, Juanchi, Piru, Salgue, Bego e Ricardo Lois están na zona do quinto ao décimo posto a moita distancia da loita polo podio. Tanta distancia como 19 ptos aos que está Albino, Juanchi a 22 ptos, Piru a 25 ptos, Salgue a 27 ptos, Bego a 30 ptos e Ricardo a 34 ptos.
Na Individual Feminina, Bego continúa líder sólida e Lu acercouse un pouquiño con esa colleita de 19 puntazos da xornada. Agora son 11 ptos os que separan ás dúas xogadoras. Antía caeu á terceira posición e por detrás Ainhoa acercouse a tan só 3 ptos da de Gharaboto. Chefa tamén saiu beneficiada cos 14 ptos que sumou nesta xornada. A de Corredoiras consolida a quinta posición e acércase a 10 puntos da terceira praza de podio. Tania e Yolanda quedan un pouco lonxe desa loita polo podio e ocupan a sexta e sétima posición. Machi é oitava, Sofía novena e Mónica Padín décima.
Na Individual Infantil, o Raio Verde volveu con enerxía e acercouse algo a Antía, pero, son 22 ptos os que debe recuperarlle á xogadora de Gharaboto. Vaino ter en arameo. Sofía é a terceira peza do podio e con potencial para poñer en apuros aos dous máis grandes talentos infantís da billarda galega.
ACTAS
Ganou a xornada Xan de Lúa de Forza, segundo foi Ainhoa de Armadiña e terceiro Sergio de Lúa. En categoría feminina venceu Lu de Lúa, segunda foi Sofía de Gharaboto e terceira Bego de Corredoiras. En Infantil foi primeiro o Raio Verde Xián de Lúa, segunda Antía de Gharaboto e terceira Aldara do mesmo equipo. En Equipos ganou Lúa, segundo Corredoiras e terceiro Gharaboto. En Equipos F, venceu Gharaboto F, segundo Valpaços F e terceiro Armadiña F.
PODIOS
FOTOS