Campo da Feira cómese as Panteiras e Bonxe xa ten máis distancia
Ponte do Sal foi escenario dunha xornada fantástica desde o aspecto competitivo, xa que, nunca antes sucedera unha distancia de puntos tan curta entre os 6 equipos. Así, desde os 64 ptos de Filloas ata os 75 de Campo da Feira houbo 11 ptos. Tamén, hai que dicir que os equipos presentáronse case ao completo. Se acaso, dos xogadores habituais faltaron Óscar Ponte de Campo da Feira, Morís de Filloas e Roberto de Foucellas.
Campo da Feira non notou a ausencia de Óscar, sobre todo porque Juan Carlos estivo estelar con 24 ptos, sumaron tamén 18 ptos Moñas, 17 Abel e 16 Edu. APB tivo aos 4 magníficos en boa forma, 18 ptos Cotelo e Ricardo e 17 ptos Roi e Riveiro. Río Miño contou coa actuación excepcional do líder Bonxe 23 ptos, e sumou 17 ptos unha espectacular Delia, 14 ptos Caski e 13 ptos Pepe Outeiro. Foucellas estivo a piques de, de… vaia, que sumando os 25 ptos de Lito (e 2 varados) e de Collazo (e 1 varado), parecía que podían ganar a xornada, pero, cando os dous Foucellas foron supervisar as actas para saber as puntuacións dos seus compañeiros, a ilusión que levaban borróuselles inmediatamente. Ningún dos outros xogadores chegara sequera a dobres díxitos. Isto pasa por ter dúas superfiguras que se levan o 95% do orzamento do equipo. O resto do cadro de xogadores foi contratado con fantas e mirindas. Cochiqueiros está soportando o frío do inverno como ben pode. Sábese por estudos zoolóxicos que a Panteira non é moi amiga da humidade que molla e do frío que acatarra, polo tanto, vai padecer un par de meses máis. Finalmente, Filloas xa empeza a notar a volta de Gándara. A pesar de que Valentín está nun momento baixo de rendemento co equipo da Coruña sempre hai que contar. Cando non é Miranda é Josecho ou Playa, cando non Lois, Morís ou Ínsua.
Agora a xeral de Equipos queda a lume de carozo nas dúas zonas de interese. A primeira zona é a do Título que é cousa de Cochiqueiros e Campo da Feira. Nas dúas últimas xornadas o equipo feirante de Paiosaco foi quen de comerlle 12 ptos da vantaxe que tiñan as Panteiras de Cerceda. Desta maneira, son 2 ptos a distancia e nada fai pensar que nas 8 xornadas que faltan por disputarse algún dos dous equipos se distancie moito. A outra zona de emerxencia está nas prazas que dan dereito a ser Finalista LGB 2025. Semella que APB cando acude co equipo ben estruturado, ou sexa, cando son máis de 4 xogando, pois ten un potencial enorme. Riveiro está nun momento de madurez deportiva e intelectual que o leva a ser o xogador máis sólido do equipo. Tanto é así que na clasificación Individual está loitando polas prazas de podio. Así, APB ten unha vantaxe cómoda sobre os outros candidatos á esas 4 posicións de Fase Final. Río Miño, Foucellas e Filloas non ceden no empeño nin no obxectivo de meterse nesa cuarta posición. Tamén, están esperando que Riveiro sufra algunha lesión muscular por acumulación de esforzos, cousa que poñería a APB en problemas.
ACTAS
Ganou a xornada Carlos Pardo “Bonxe” de Río Miño, segundo foi Abel Regueiro e terceiro José Mato “Playa” de Filloas. En Feminina venceu Delia Basanta de Río Miño, segunda quedou Mercedes Veiga de Campo da Feira e terceira Merche Castro de APB. En Infantil ganou Migui Engroba de Río Miño, segundo Kevin Torres de APB e terceiro Adri Darriba de Río Miño.
As clasificacións Individuais despois de 10 xornadas e faltando 8 xornadas teñen a Bonxe como líder na Absoluta cunha vantaxe de 12 ptos sobre Abel Regueiro. Todo indica que entre eles dous vai estar o campión desta temporada. Despois está un grupo de 4 xogadores que optan a entrar en podio, pois, o título quédalles moi lonxe. Así, entre Xan que é cuarto e Riveiro que é sexto hai 4 ptos. No medio deles están Lito Pena e Abel Ponte a dous puntos de Xan e con dous puntos máis que Riveiro. Tampouco hai que descartar a Marco e Moñas que están a oito e nove ptos da terceira posición. Juan Carlos e Collazo cerran a Zona-10.
Na Individual Feminina, Delia deu un golpe, mellor dito deu varios golpes para facer os 17 ptos que a disparan na xeral. Agora ten 14 ptos de marxe sobre Mercedes e 15 ptos sobre Merche. Chus e Esther aínda poden loitar por entrar en podio, xa que están a 9 e 12 ptos respectivamente de Merche. Despois están Irene, Tamara, Pili, Sonia e Noa que cerran a Z-10.
En Individual Infantil, Adrián sitúase líder un punto por enriba de Aleixo. Noa terceira está moi lonxe, exactamente a 11 ptos de Aleixo.
FOTOS