Venres, Febreiro 7, 2025
ActualidadeXornada

CORREDOIRAS gana en Sanxenxo e Albino Veiga en Individual

O Campo de Billarda de Nantes, Sanxenxo, foi escenario do renacer dun xigante. Corredoiras (24 ptos de Charri, 20 ptos de Novas, 17 ptos de Beni e 14 ptos de Pena) ganou a xornada empatado a puntos con Gharaboto (22 Piru, 20 Álvaro, 19 Antía e 14 Luisgon), pero, o valor da maior puntuación de Charri deulle a vitoria. O equipo local Lúa de Forza (23 ptos Xan, 16 ptos Juanchi, 15 ptos Sergio, 15 ptos Lu) foi terceiro a 6 ptos dos dous primeiros. Valpaços (17 ptos Taxeiro, 17 ptos Guto, 15 pts Albino Veigas, 13 ptos Santiago) continúa co bo estado de forma e quedou cuarto. Quinto foi Armadiña (22 ptos Cho, 14 Jaime, 13 Gael, 10 Diego), e sexto Paquete Pinchas (22 ptos Salgue). A superficie do campo estaba impecable coa herba recentemente cortada. O sol daba de costas e a tarde deuse moi agradable. Iso si, co paso das horas e xa co crepúsculo no horizonte o vento do sur fixo presenza e houbo que tirar da roupa de abrigo. En Equipos F, continúa o dominio asoballante de Gharaboto F, segundo foi Valpaços F e terceiro Armadiña F. O equipo azulón de Marín ganou 7 das 8 xornadas disputadas ata o momento e non parece que vaia afroxar a marcha.

 

Nas puntuacións individuais, destacar que 7 xogadores acadaron ou superaron a vintena de puntos e Charri foi quen conseguiu a maior puntuación con 24 ptos. Na clasificación Feminina, a infantil Antía dominou con 19 ptos. Na Individual Infantil, por suposto, foi primeira Antía e só tivo a Gael cerca con 13 ptos.

Ben, unha cousa son as puntuacións e outra filosofía é o asunto do ganador da xornada. Pois, nos cruces eliminatorios, onde xa non se xogan puntos, si a satisfacción de seguir xogando e o pracer de dar máis golpes, as circunstancias e a precisión quixeron que o podio da Xornada quedara con Albino Veiga de Valpaços Terra Quente de Vigo como ganador da xornada, segundo Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo e terceiro Álvaro Otero de Gharaboto de Marín. En categoría Feminina, venceu Antía Balea de Gharaboto, segundo foi Lu Torres de Lúa de Forza e terceira Chefa Ruíz de Corredoiras Bueu. En Categoría Infantil, ganou Gael Solla de Armadiña de Combarro, segunda Sofía Montero de Gharaboto e terceira Gabri Sanchez de Valpaços.

1º-Gael Solla 2ª-Sofía Montero 3ª-Gabri Sánchez

1º- Albino Veiga 2º Xan Rodiño 3º- Álvaro Otero

Sumados os puntos da xornada nas clasificacións xerais non houbo moitos cambios salientables. Se acaso, o ascenso de Charri ata a terceira praza pode ser o máis destacado. O de Corredoiras xa está a 6 ptos da segunda posición que ocupa Álvaro e continúa coa súa intención de acercarse ao liderado. Xan segue distanciándose de Álvaro, paseniñamente, agora ten 19 ptos de vantaxe. Novas supera a Juanchi e xa está cuarto. Piru tamén sube posicións e agora é sexto. Albino Veiga no sétimo posto ten a amaeza de Salgue que se lle acerca. Beni é noveno e Bego cerra a Z-10.

Na Individual Feminina é onde máis cambio de posicións houbo. Antía acércouse moito, moitísimo a Bego. Ademais, tendo en conta que a xogadora de Gharaboto faltou a unha xornada, podemos pensar e pensamos que esta temporada a super campioa Bego vai ter ter moitas curvas no camiño ao Título. Tamén, Lu aproveito esta xornada para ascender ata a terceira praza e agora Ainhoa é cuarta. Tania quinta e Chefa sexta son as únicas que superaron os 100 ptos despois de 8 xornadas. Despois, Machi, Yolanda e Mónica están nos noventa e cerrando a Z-10 Vanessa con 89 ptos.

Na individual Infantil, a ausencia do Raio Verde e a grande actuación de Antía pon á da Adina con moita vantaxe no liderado da categoría e vai ter que fender moita leña o Raio se quere repetir Título esta temporada. Sofía continúa terceira e Gael meteuse en cuarta posición, despois dunha xornada moi boa pola súa parte.

Na Categoría de Equipos, Corredoiras reivindicou o seu papel de candidato a todo e acércase a 6 ptos de Lúa e a 13 do líder Gharaboto. O equipo de Bueu que desde a terceira xornada ocupa a terceira posición estivo sempre a menos de 5 ptos da segunda posición, menos a xornada pasada, na que tocara fondo cunha distancia de 12 ptos. Pois ben, sen dous dos seus referentes deportivos, Fari e Ricar, o equipo soubo repoñerse e vencer en Sanxenxo. O Título é cousa de 3, Gharaboto non cede e continúa líder como foi durante 7 das 8 xornadas. Agora a distancia co segundo son 7 ptos. Valpaços Terra Quente mantén a progresión e o nivel que demostra desde comezo de temporada. O equipo de Vigo está moi cerca dos tres grandes e en calquera momento que se xunten boas actuacións de Guto, Albino, Taxeiro, Santiago, Tania, Alfonso ou Belmira na mesma xornada pode optar a ganala. Perder a un xogador do nivel de Salgue para esta temporada parecía que debilitaría ao equipo de Vigo, cousa que non sucedeu co paso adiante de Guto, que a temporada pasada ocupaba postos medios da táboa, máis alá do posto 20. Así, esta temporada Guto ocupa posicións de privilexio cerca da Z-10, exactamente na posición trece a 6 ptos da posición dez. Armadiña ocupa a quinta posición a moita distancia de Valpaços, desta maneira o seu obxectivo é que a súa tropa infantil, o equipo con máis xogadores nesta categoría da competición, vaia collendo anos e nutrición nos seus corpos. En 5-10 anos o equipo estará armado para maiores xestas. De momento, ten que buscar o equilibrio e regularidade para que coincidan as boas actuacións de todos os elementos. Porque cando Cho ten unha actuación magnífica, que é case sempre que xoga, e agora que Jaime conseguiu a regularidade cunha media de máis de 15 ptos por xornada, pois resulta que as puntuacións de Ainhoa e Machi foron decrecendo nas 2 últimas xornadas. En fin, todo é organizarse e poñerse de acordo para coincidir todos e todas na mesma xornada. Paquete Pinchas precisa que os seus xogadores acudan con máis regularidade a xogar, xa que, fialo todo ao palán de Salgue é demasiado arriscado e iso que o de Pontellas está na zona noble da clasificación en oitava posición e mirando para arriba.

Na sección de Equipos F, non hai nada que facer contra Gharaboto F. Domina a clasificación e domina as xornadas con insultante superioridade. Valpaços F que é, de momento, a única alternativa está moi lonxe e Armadiña ten un bloque feminino xa consolidado que está loitando na terceira posición, mais non ten suficiente fondo de armario para disputarlle o Título. Veremos se é quen o equipo de Combarro de acercarse e, por que non, alcanzar a segunda posición de Valpaços F. Lúa de Forza e Corredoiras, pois, teñen unha bonita carreira para ver que será cuarto clasificado e para ver que dos dous equipos se reforza antes fichando a novo talento feminino que reforce o seu cadro de xogadoras bastante minguado.

FOTOS

ACTAS

PRÓXIMA XORNADA

1 Febreiro

POIO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *