LÚA gana en Meaño e GHARABOTO mantén o liderado
ACTAS
CRÓNICA
A xornada de final de outono na Liga Galega de Billarda Rías Baixas celebrouse en Meaño con temperatura agradable e diáfana luz solar. Certo que os eucaliptos do poñente que abeiran o campo da Toxa debuxaron sombras antes de que o lapiz do solpor chegara coas súas tonalidades louras, douradas e vermellas. A partir desas sombras houbo que abrigar os corpos. Os equipos presentábanse case ao completo, se acaso, Corredoiras tiña as baixas de Fari e Ricar. As puntuacións foron as normais para este tipo de superficies de herba artificial.
Así, 5 xogadores e unha xogadora chegaron á vintena de ptos, Cho e Xan con 22, Albino Veiga con 21, Sofía, Juanchi e Piru con 20 ptos. Salientar a actuación da xogadora infantil de Gharaboto, Sofía quen con 20 ptos estivo entre as 5 mellores puntuacións da xornada. A de Gharaboto está nun momento fantástico de forma. Xa se sitúa terceira na clasificación xeral na Categoría Infantil e convértese na alternativa ao tándem Antía-Xián.
Nesta xornada de Meaño participaron na categoría infantil, 4 xogadoras e 11 xogadores. O club con máis xogadores/as nesta idade é Armadiña de Combarro que presentou a 10 + 1, pois, Mara, a máis nova de toda a Liga Galega con 3 anos, estaba tan entretida enredando e fedellando polo campo que non se acordou de xogar á billarda ou simplemente esqueceuse. O equipo celeste de Combarro é un exemplo de traballo na difusión e expansión desta práctica deportiva marabillosa chamada billarda entre as cativas e cativos. Ten ata 12 xogadores/as con licenza federativa en idade infantil.
Desde logo que todas estas nenas e nenos practican outros deportes e teñen que compatibilizar a billarda con eses outros deportes. Normalmente, cando os horarios coinciden prevalece a asistencia a eses deportes maioritarios e cunha implantación social maior. Non importa, a billarda sempre estará esperando por elas e por eles cando queiran xogar e teñan tempo. O substancial é que teñan a oportunidade de aprender a xogar e que as súas familias teñan a vontade de dedicar un sábado pola tarde a que as mozas e mozos, os nenos e nenas compartan esta actividade deportiva con adultos de diferentes idades. Un deporte de competición no que ata 3 xeracións da mesma familia poden compartir terreo de xogo (de momento non houbo ningún caso de 4 xeracións, pero todo se andará).
Outro feito destacable foi a participación do equipo Campo da Feira de Paiosaco. Ademais de visitar os furanchos e bodegas da denominación Rías Baixas do Salnés o equipo feirante tivo unha presenza de peso na xornada. Presentou a 4 xogadores de nivel contrastado, Xulio, Edu, Moñas e tamén acudiu o Moreno de Mozaga (Lanzarote), un xogador galego-canario que fichou polo equipo de Paiosaco. Ben, as cousas foron como foron. Xulio e Edu superaron as expectativas e Moñas naufragou. O Moreno Luís, pois fixo o que puido que foi ben pouco.
A loita por remarar líder o ano 2024 estivo tan axustada que ao final Gharaboto salvou o primeiro posto por 1 punto. A xornada de Lúa de Forza foi moi boa e superou a Gharaboto en 3 ptos, puntos que non foron suficientes para destronar ao equipo de Marín, pois, tiña 4 ptos de marxe. Corredoiras tivo unha boa actuación e con 69 ptos quedou a só 5 de Gharaboto e a 8 de Lúa. Armadiña foi o outro equipo que superou os 60 ptos. O equipo de Combarro sustentouse, sobre todo nas enormes actuacións de Cho 22 ptos e de Jaime 19 ptos. Valpaços estivo moi perto dos 60 ptos e garda algunha esperanza de entrar no podio. Agora está a 49 ptos de Corredoiras. Tanto Valpaços como Armadiña teñen maior potencial na sección F. Así, son a única alternativa ao poderío F de Gharaboto. Armadiña F foi o único equipo que conseguiu ganar unha xornada por diante de Gharaboto F e mantén ese man a man con Valpaços F para ver se poden acceder á segunda praza da xeral, cousa moi complicada xa que as armadiñas están 34 ptos por detrás do equipo de Vigo.
Nas Clasificacións individuais as posicións de podio mantéñense e a loita polo título xa se vai perfilando. Desta maneira, na categoría absoluta parece que Xan e Álvaro serán os que loiten polo título, pois, aínda que Juanchi está cerca, o guitarrista de Lúa, vai faltar algunha xornada por compromisos musicais. Os demais deberán loitar polo podio, xa eu están a máis de 20 ptos do liderado. Na Individual Feminina, Bego mantén a distancia con Antía e tamén Ainhoa, Lu e Tania manteñen opcións de podio e por que non de Título. Na Individual Infantil a competición está emocionante. O Raio recortoulle 4 ptos a Antía e sitúase a 11 ptos. De todas as maneiras vaille custar caro recuperar o liderado, tendo en conta o nivel de Antía. Fascinante rivalidade de dous xogador@s que naceron nunha pista de billarda, mellor dito, que foron cigoto, embrión e feto, mentres súas nais xogaban a Liga de billarda. Que fermosa realidade poética!
Venceu a xornada na Categoría Absoluta, Piru de Gharaboto de Marín, segundo foi Cho de Armadiña de Combarro e terceiro o Raio Verde Xián de Lúa. En Categoría Feminina foi primeira Sofía de Gharaboto, segunda Bego de Corredoiras e terceira Lu de Lúa de Forza. En Categoría Infantil ganou Antía de Gharaboto por diante de Mateo e de Gael, os dous de Armadiña. En Equipos A, ganou a xornada Lúa 77 ptos (Xan 22, Juanchi 20, Xián 18 e Sergio 17). Gharaboto 74 ptos (Piru 20, Sofía 20 Álvaro 19 e Ricardo Lois 15). Corredoiras 69 ptos (Novas 19, Charri 18, Outeiro 16 e Malvido 16). Armadiña 61 ptos (Cho 22, Jaime 19, Machi 10 e Mateo 10). Valpaços 38 ptos (Albino 21, Taxeiro 14, Alfonso 13 e Lucía 10). Campo da Feira 51 ptos (Xulio 18, Edu 17, Moñas 11 e Luís 5). Paquete Pinchas 12 ptos de Salgue. Rinoceronte 15 ptos de Gonzalo.
En Equipos F, ganou Gharaboto F con 54 ptos (Sofía 20, Antía 14, Elena 10 e Lita 10). Armadiña F 34 ptos (Machi 10, Ainhoa 8, Catu 8 e Pili 8). Valpaços F 32 ptos (Lucía 10, Rosa 8, Tania 7 e Yolanda 7). Corredoiras F 23 ptos (Bego 14 e Chefa 9). Lúa F 20 ptos (LU 10, Marisa 5 e Mari 5).
FOTOS