Regresa o Rei Vilas, APB resucita e a Marco da Historia ninguén o quita.
ACTAS DA XORNADA 7
(A LARACHA)
A sétima xornada da Conferencia Noroeste disputouse a cuberto, no pavillón do IES Agra de Leborís (A Laracha). O tempo estaba inestable e o terreo do Campo do Sal mollado e a mercede do nordés. Entón, o equipo local Campo da Feira, con bo criterio, decidiu xogar a cuberto e rezar para que San Varado lle botase unha man ou dúas, pois xa se sabe e coñece que a pista do pavillón de Leborís é caprichosa e xenerosa ao mesmo tempo. Tanto pode axudar a que a billarda rode durante 30 metros para embocar no varal, como pode causar unha crise nerviosa. Sobre todo, se a billarda colle camiño Cuenca en vez de axustarse ás dimensións do varal. Tampouco é tan estreito (3 m e 60 cm).
Vaia, dito e feito. Houbo quen rezou e lle foi dereita a billarda e houbo paláns ateos que nin lle deron ás billardas. Tamén, algunha que outra billarda pinchou para a parede máis próxima á liña de saída. Si, hai que ter precisión para pinchar na punta, de maneira que a billarda salte ao aire e quede diante dos pés e non detrás, para poder golpeala con comodidade. Ben, son cuestións técnicas que non veñen ao caso.
Ademais, nesta xornada debutou o xogador de Campo da Feira residente en Lanzarote máis coñecido polo Moreno de Mozaga. Un xogador mediático que ten medio millón de seguidoras nas redes sociais e que provén da liga canaria de billarda. Non tivo tempo de adaptarse ao xogo galego, moito máis dinámico e agresivo que o das Illas Afortunadas. Non conseguiu meter ningunha billarda no varal. Todo o máis que fixo foi bater cunha bilarda nunha vara do varal. De todas as maneiras, vai botar 3 semanas en Galicia e promete estar á altura na próxima xornada. Ao mesmo tempo, vai servir de contacto para que Campo da Feira poida viaxar ata Fuerteventura a disputar encontro amistoso cun equipo Canario de billarda na próxima pretemporada. Teñen pensado cubrir os gastos do desprazamento co premio da lotería de Nadal que aseguran lle vai tocar.
En fin, todo estaba preparado para o comezo da xornada, mais ninguén estaba preparado nin preparada para presenciar a fazaña deportiva que aconteceu. Si, o nunca visto antes e que probablemente non teñamos ocasión de ver de novo, polo menos, ata o século XXII ou plus ultra. Un fito deportivo ao alcance de poucas persoas, tan poucas como ningunha ata o día de hoxe. Si, facer o pleno de ptos nunha xornada. Facer 30 ptos en total, ou sexa, meter a billarda nas 5 carreiras no primeiro golpe. Isto é, dar o golpe perfecto no primeiro golpe e así durante as 5 carreiras. “Á hora de golpear unha billarda a perfección non existe.” Esta frase tantas veces oída nun campo de billarda saltou polos aires ou mellor dito pasou á historia como fixo Marco Antonio Losada Presedo, MARCO, o Campión Galego 2024. Marco é un xogador que non tivera resultados espectaculares ata que se proclamou Campión Galego no mes de maio de 2024. Título que foi toda unha sorpresa. Pois ben, desde aquel momento empezou a súa progresión na escala salarial de Cochiqueiros. Pero, aínda estaba por detrás das Panteiras Sagradas do equipo, Berdi, Viqueira e Abel. Cousa que debe cambiar despois desta proeza. Sabemos que a súa representante ten concertada unha entrevista co CEO de Cochiqueiros (Alberte S.R.) para esta semana. Sabemos que Marco quere comer na mesa das Panteiras Sagradas, comer e beber. Desta maneira vai pedir unha revisión á alza do seu contrato que remata en xuño de 2025. Ben merecido o ten.
Ademais, outras circunstancias particulares que se deron por vez primeira foron as seguintes. Por primeira vez 5 equipos superan os 80 ptos nunha mesma xornada. Así, houbo só 4 ptos de diferenza entre o ganador da xornada APB e o quinto Filloas de Sangue, que obtiveron 86 e 82 ptos respectivamente. Polo medio, quedaron Campo da Feira con 85, Cochiqueiros con 84 e Foucellas cos mesmos 84 ptos. Non é fácil pasar dos 80 ptos, pois supón ter a 4 xogadores ou xogadoras na vintena de puntos. Sucedeu desta vez porque se xuntaron dobres actuacións magníficas en cada un deses 5 equipos. En Foucellas, Lito e Collazo con 24 ptos, en Filloas de Sangue, Miranda e Playa con 24 ptos, en APB Añón 24 ptos e Roi 23 ptos, en Campo da Feira, Óscar Ponte 23 ptos e Xulio 22 ptos e en Cochiqueiros Marco 30 ptos e Abel Regueiro 21 ptos. Despois, as outras dúas puntuacións necesarias para obter o total do equipo achegárona secundarios de nivel que ou ben chegaron aos 20 ptos ou quedaron moi perto. O caso particular das Panteiras de Cerceda foi que as puntuacións terceira e cuarta do equipo foron 16 e 17 ptos, pero claro, o pleno de Marco mantivo ao equipo moi cerquiña da vitoria na xornada.
O resucitado APB ganou a súa primeira xornada da temporada. Está claro que o equipo necesitaba recuperar o norte e co regreso do Rei Vilas todo volveu ao seu rumbo. A proa cara adiante e a popa mirando para atrás, a tripulación ordenada por estaturas, o motor mellor prendido e no timón o Rei. Así funciona un equipo. Claro está que a presencia de Ricardo Torres e Añón, sumado coa ausencia de Cotelo foi outro dos factores do éxito dos Glóbulos Vermellos da Laracha.
Tamén se bateu a marca de número de varados nunha xornada de liga. Estaba en 29 varados desde a temporada 2022-23. Pois ben, fixéronse 32 varados nesta xornada. Evidentemente, os 5 varados de Marco axudaron e excitaron aos demais competidores e competidoras a buscar ese obxectivo cobizado de meter a billarda no varal cun só golpe e desde a liña de saída. Ben que se notou a sobreexcitación no golpe, xa que, incluso Xulio e Miranda fixeron varado.
A xornada ganouna Xan de Lúa de Forza Sanxenxo, segundo foi Edu de Campo da Feira e terceiro Riveiro de APB. Na Categoría Feminina venceu Esther de Cochiqueiros de Cerceda, segunda foi Mercedes de Campo da Feira de Paiosaco e terceira Chus de Cochiqueiros. En Categoría Infantil foi primeiro Anxo, segundo Roy Torres e terceiro Kevin Torres os tres de APB A Laracha. En Equipos ganou APB, segundo foi Campo da Feira e terceiro Cochiqueiros.
Agora as clasificacións xerais quedan desta maneira nas súas primerias posicións.
Bonxe comerá o turrón como líder e non dá mostras de debilidade. Abel Regueiro e Abel Ponte saen vivos dunha xornada máis en pavillón, lugar que non aprecian demasiado. O seu xogo adáptase mellor ao exterior. Aínda así, nestas dúas xornadas consecutivas en pavillón non se distanciaron moito do primeiro posto. Agora quedan a 11 e 14 ptos do líder sólido e consistente. Por detrás destas posicións de podio acércase Marco a velocidade de Panteira esfameada. O de Cochiqueiros ten ao alcance de 7 ptos a Abel Ponte e iso que Marco faltou a unha xornada. Desde a quinta posición ata a décima sitúanse 6 xogadores en tan só 5 ptos. Xan, Moñas, Berdi, Xulio, Óscar Ponte e Riveiro. Estes todos a menos de 20 ptos da terceira praza do podio, pero demasiado lonxe do líder. En Categoría infantil hai un triplo empate na cabeza da xeral entre Aleixo, Adrián e Noa. Aleixo é líder por mellor puntuación nunha xornada. En Categoría Feminina, a ausencia de Irene fixo que se lle acercaran Chus e Mercedes. Agora, Irene ten 7 ptos de marxe sobre Chus e 10 sobre Mercedes. Outra xogadora que aproveitou a ausencia de Delia e Merche foi Esther quen agora está sexta a 8 ptos da terceira posición de podio.
FOTOS