GHARABOTO ganou en equipos, Guto venceu en individual e Fari regresou.
“A cuberto que ben entra a billarda no varal / escoitábase por todo Beluso este clamor
non é que en exterior eu xogue mal / é que polo pavillón sinto verdadeiro amor“.
Unha das novas ledas da xornada foi o regreso de Fari, despois de moitos meses de recuperación o remeiro de Corredoiras volveu sentir o peso do palán no seu poderoso e musculado brazo dereito. Sobre o caucho do pavillón desenvolveuse cunha inusual soltura e precisión. Tendo en conta o tempo de inactividade e o longo proceso de reabilitación. Vaia, que volve o mellor Fari e co seu característico golpe sempre seguro e firme. Comezou algo impreciso na dirección das billardas e tirou varias por fóra na primeira carreira. Nas 4 seguintes xa afinou e entrou en todas elas. Fixo 17 ptos. Outra boa noticia foi a presenza de ata 4 xogadores en idade infantil no equipo de Bueu. Fantástico traballo de canteira.
Si, o pobo quere unha liga de billarda baixo teito xa. Que satisfacción, que ledicia, que ardor, cando a billarda escorrega sen obstáculos que lle dificulten o avance cara ao varal. Vaia, que a xornada de Bueu baixo teito foi un éxito de participación (81) a máis alta desde que existe a Liga de Billarda federada. E o mesmo sucedeu coa participación infantil (19). Este logro coincidiu cunha xornada disputada en interior coa limitación do espazo que permite facer só 2 campos.
A pesar de todo, a pista do pavillón de Beluso é de caucho, polo tanto, as billardas non esvaran tanto como se fose de cemento pulido. Ben, xogar en pavillón favorece a primeira fase do xogo, que é o momento de pinchar a billarda para que se eleve. Tamén mellora a colocación do corpo para golpear, pois, a superficie lisa permite mover os pés sen as irregularidades dos terreos de herba ou terra.
Destacar nesta xornada varias actuacións sobresaíntes na Categoría Feminina. Así Antía, Sofía, Lu e Analía chegaron á vintena de ptos. As dúas xogadoras infantís de Gharaboto chegaron a 22 ptos, Lu a 21 ptos e Analía a 20 ptos. Fenomenal rendemento.
Na Categoría Absoluta os primeiros clasificados todos chegaron á vintena e quen non chegou, como Bego, Albino Veiga e Ricardo Lois quedaron ás portas con 19 ptos. Por outra parte, algo esperado, dado que os primeiras prazas están ocupadas por méritos deportivos por xogadores e xogadoras que chegan a eses puntos con facilidade, sobre todo, cando é en pavillón. Daquela, non houbo sorpresas. Mais, onde encontramos dúas sorpresas, unha de signo positivo e outra negativo, é en xogadores que ocupan posicións por debaixo do posto 20. Pena tivo unha excelente actuación con 22 puntazos e facendo 1 varado. Como se notou que xogaba na casa. O de Corredoiras deu golpes fabulosos.
Outro logro importante dun xogador que ocupa posicións medias da xeral foi o de Santiago quen fixo 2 varados, cousa non doada neste pavillón de chan de caucho, no que a billarda salta moito cando golpea o chan e que vaia dereita custa moito.
Caso aparte é o da actuación de Guto. O palanador de Valpaços xa levaba varias xornadas apuntando maneiras de zona 10 da clasificación. Tivo un baixón importante na anterior xornada e chegaba con dúbidas. Na fase de grupos non estivo excelente, mais fixo 15 ptos para salvar o pelexo. Ben, despois todo cambiou para o de Vigo. Nos cruces eliminatorios foi un lóstrego, visto e non visto. Ganou a súa primeira xornada de LGB Rías Baixas e con solvencia. Fenomenal Guto. E iso que na final tivo que verse as caras con grandes xogadores, pero a camiseta morada pesou moito e fíxose coa súa primeira vitoria por diante de dous grandes como Piru e Álvaro. Na Categoría Feminina ganou Antía de Gharaboto, segunda foi Sofía do mesmo equipo e terceira Lu de Lúa de Forza. En Infantil ganou Gael de Armadiña de Combarro, por diante de Xián de Lúa e de Ían de Armadiña. En equipos foi primeiro Gharaboto, segundo Lúa de Forza e terceiro Corredoiras. En Equipos F, venceu Gharaboto F, segundo foi Valpaços F e terceiro Armadiña F.
Despois, podemos considerar unha sorpresa negativa que o Raio Verde Xián só conseguira 11 ptos. Certo que ten 12 anos e a irregularidade non debería sorprender. Non obstante, o talento deste neno é tan grande que a todos e todas estrañou o seu comportamento. Golpes que case nunca falla, pois desta vez fallou. Incluso xornadas en exterior nas que a billarda avanza con máis dificultade o Raio sempre pasou dos 15 ptos. Vaia, inexplicable. Sabemos de boa fonte que ao rapaz cambiáronlle os exercicios de forza dos adestramentos. Antes o Xián facía regos tirando do arado primeiro cun brazo e despois co outro, nunha leira que ten a súa familia. Leira que ten unha inclinación de 45 graos e agora seica xa o fai nun terreo plano e… tirando coas dúas mans do arado.
O gran triunfador da tarde foi Gharaboto, tanto co Equipo A como co Equipo F. A distancia cos outros dous grandes da Conferencia non foi moita, apenas 3 ptos, polo tanto, as forzas continúan igualadas. Agora, o equipo de Marín ten 4 ptos máis ca Lúa de Forza e 8 máis que Corredoiras. Distancias mínimas e que na próxima xornada xa poderían dan unha viravolta.
Destacar a bo momento dos tres equipos con puntuacións magníficas en todas as xornadas e de momento ningún deles tivo unha mala xornada. Por certo, que chegará algunha desas xornadas, pois, manterse sempre por enriba dos 60 ptos non vai ser doado para ninguén. De momento esta situación fai moito máis actractiva a competición. E ollo que Valpaços está chegando cerca dos tres grandes. Parecía que pronto se distanciarían, pero aí está o equipo olívico. Armadiña está máis lonxe e esta temporada está centrado no seu Equipo F.
Equipo que non perde a estela dos dous grandes Equipos F da Conferencia e de Galicia, Gharaboto F e Valpaços F. Veremos ata onde aguanta o equipo de Combarro o desafío de buscar eses 50 ptos de media en cada xornada.
En definitiva, sempre é un pracer cando se consegue chegar a superar a liña do varal coa billarda e neste tipo de campos hai máis probabilidades de que suceda. Polo tanto, foi unha xornada de ledicia para moitas e moitos xogadores.
As primeiras 10 posicións da xeral Absoluta quedan con Xan (141 ptos) e Álvaro (128 ptos) disputándose o primeiro posto, xa que, Juanchi (121 ptos) distanciouse un pouco e agora ten que estar pendente que non o superen as gacelas que veñen por detrás. Así, acércanse perigosamente ao de Lúa de Forza, Novas (120 ptos), Charri (119 ptos), Albino Veiga (113 ptos), Salgue (110 ptos), Piru (109 ptos), Bego (109 ptos) e Ricardo Lois (108 ptos).
Falta unha xornada antes de rematar o ano e as posicións de podio, sobre todo a terceira posición pode cambiar pois os ptos que separan esas prazas son moi poucos. Salgue e Piru están ascendendo, pois empezaron bastante abaixo para o que se supón deles.
Na Categoría Feminina, regresou Antía despois da súa ausencia na anterior xornada e volveu para apertar máis os postos de podio. Ademais, foi a que máis puntos fixo co cal recuperou posicións. Xa se sitúa segunda a 9 ptos de Bego. Certo que ten pegadas detras a Ainhoa, a 1 ptos de distancia, a Tania a 4 a Lu a 4, Chefa a 9 e Yolanda a 10 ptos. Esta espectacular a clasificación Feminina, como nunca antes.
Pois, o dominio de Bego foi absoluto durante as anteriores temporadas. O que sucede é que cada temporada que pasa as xogadoras evolucionan o seu xogo e cada vez se iguala máis o nivel. Así, a día de hoxe calquera desas xogadoras pode facerlle fronte a Bego. Por suposto, o potencial de Bego está máis que demostrado e quen queira ganarlle vai ter que estar a un nivel supremo. Ademais, das novas perlas que emanan da categoría infantil, como Antía, Sofía e Aldara, hai xogadoras que melloraron moito e ben, como Ainhoa e Yolanda. Despois están as sempre candidatas a ganar a Conferencia e o Título Galego, Tania, Lu e Chefa.
En definitiva, precisoa loita a que se contempla en cada campo de billarda. Gran nivel e marxe de evolución dos talentos novos na Categoría F.
ACTAS
FOTOS