Saltar ao contidoComeza outra fin de semana cun pleno de billarda. A Liga Galega ten xornada na Conferencia Rías Baixas, sábado 23 en Bueu e ten xornada na Conferencia Noroeste, domingo 24 na Laracha. Pois ben, os equipos teñen uns obxectivos claros e definidos. Nas Rías Baixas, calquera dos tres primeiros podería saír líder de Bueu, posto que a distancia entre eles é de apenas 5 ptos. Gharaboto ten unha vantaxe insignificante, sobre todo, tendo en conta que detrás respiran dous equipos que levan unha cantas xornadas axexando ese posto. De todas os modos, levan así varias xornadas estes 3 equipos, moi cerquiña, moi perto, mais o equipo azul de Marín, mantén o liderado.
Nas 5 xornadas disputadas só na xornada 2 Gharaboto abandonou o liderado, cando Corredoiras o superou por un só punto. Entón, todo fai pensar que o primeiro posto estará de novo ameazado e durante o transcurso da xornada igual temos cambio de líder. Veremos se Corredoiras aproveita o efecto de xogar de local para alzarse ao liderado ou se a responsabilidade lle supón un peso adicional. Lúa tamén pode aproveitar o rendemento excelente que está mantendo cando se xoga en interior e esta sexta xornada vaise disputar no pavillón de Beluso.
Ollo aos equipos máis modestos da zona media da táboa. Valpaços leva 3 xornadas magníficas estando por enriba dos 70 ptos e cando se xogou en interior fixo 92 ptos e 87 ptos, daquela, pode estar á altura dos 3 grandes. Armadiña apostou todo pola súa sección F e volverá estar disputando con Gharaboto F e Valpaços F o podio da Categoría F. Paquete Pinchas e Rinoceronte van estan pendentes de con cantos xogadores van poder contar. Cousa que condicionará o seu rendemento.
O pavillón de Beluso ten a superficie de caucho, circunstancia que non favorece a consecución de varados. Polo tanto, non se van ver tantos como nas dúas xornadas anteriores de Marín e Poio, nas que a superficie era de cemento pulido. Iso si, o equipo que queira ganar vai ter que sumar 4 puntuacións por enriba dos 20 ptos.
En canto ás clasificacións individuais a situación é a seguinte nas dez primeiras posicións. Na Absoluta, pode haber cambios significativos? Quen sabe, aínda que neste pavillón de caucho non se esperan grandes nin pequenas sorpresas, polo tanto, o marxe é pequeno para ganar posicións.
Non obstante, a diferenza de ptos desde a segunda posición de Álvaro ata a quinta de Novas son de 7 ptos e polo medio están Juanchi e Charri. Non se descarta algún cambio de posición. O liderado de Xan semella estar protexido por eses 10 ptos de distancia aos que está Álvaro. Vaia, unha mala tarde, unha ducia de golpes malos, varias billardas mal guiadas, tenas calquera. Entón, sempre, sempre, hai que deixar espazo para que o palán decida.
Na Feminina, Bego xa tomou a cabeza da clasificación aproveitando a ausencia de Antía. Incluso Ainhoa se beneficiou desa ausencia e agora é segunda. A partir da terceira posición que ocupa Antía ata a oitava de Yolanda son 8 ptos a distancia que hai. Así, tanto Tania, como Chefa, como Lu, como Mónica Padín van ter ocasión algunhas de ascender posicións e outras de descender. Ademais, esta superficie de caucho que premia a precisión e efectividade do golpe máis que a potencia e forza do golpe, vai ter a mulleres con puntuacións por enriba dos 20 ptos ou moi perto deles.
O que significa que algunha igual está na final a 6 e incluso no podio Absoluto. Espérase unha participación infantil moi numerosa, pois o equipo local estivo cultivando a semente da billarda polos colexios do Concello e da Comarca do Morrazo. Seica hai talento e xa ficharon de momento a 5 nen@ de entre 8 e 10 anos. O futuro ten presente.
No Noroeste as clasificacións teñen o seu, tamén. Cochiqueiros que ganaron as primeiras 4 xornadas e só cederon na quinta ante Campo da Feira non está cómodo na primeira posición, xa que, o equipo de Paiosaco acercouse a 8 ptos e xogando na casa, igual muda por vez primeira na temporada o primeiro posto. Certo que este ano As Panteiras de Cerceda teñen aprendida a lección e van a por todas. Incluso cambiaron o horario do último adestramento antes da xornada de liga. Agora rematan de adestrar ás 3 da madrugada para chegar con boas pernas e mellores mans e ollos a xogar. Os demais equipos están noutra galaxia competitiva. Deberán disputarse as dúas prazas de acceso á Fase Final da LGB. APB mantén unha terceira posición que parecía cómoda, pero a Canariña xa está a 12 puntiños e cun ritmo de samba que non hai cadeira que o soporte. Filloas está esperando o regreso de Gándara, quen esixe camiseta de seda con dobre forro ou non volve xogar. Foucellas é un equipo con xente que acaba de chegar, como quen di, e con outra de moito nivel como Lito e Collazo, entón hai que deixar madurar a cousa. Foucellas non está descartado para esa cuarta posición e co inverno o equipo Mandarina madurará, como bo cítrico.
As posicións de podio na categoría Absoluta están fortalecidas cunha distancia considerable co resto. Deste xeito, Bonxe avantaxa a Abel Ponte en 7 ptos e a Abel Regueiro en 9 ptos. As previsións son optimistas para quen gusta da billarda de interior, pois prevese choiva na Laracha o domingo pola mañá.
Entón, non se espera cambio significativo. Abel Regueiro en pavillón vai ter dificultades, como sempre as tivo, para acercarse aos 20 ptos. Non peligra a terceira posición, ou quen sabe. Bonxe ten marxe para manter o liderado e Abel Ponte depende moito da altura que a empresa construtura lle deu ao teito do pavillón.
Despois, desde a cuarta praza de Viqueira ata a novena de Moñas pode haber e vai haber moitos cambios de posicións. Berdi está a 1 pto de Viqueira, Juan Carlos a 2 ptos, Xulio e Riveiro a 3 ptos e Moñas a 4 ptos.
Na Feminina Irene teno feito para manter o liderado. Son 14 pto máis que Delia os que ten na xeral. Ademais, o seu xogo en pavillón é moi seguro, polo que, pensamos que pode aumentar a vantaxe con respecto a Delia e Merche. Estas dúas xogadoras tamén teñen bo golpe para esta superficie e poden estar á altura de Irene, o mesmo que Chus e Mercedes. Entre elas vai estar o podio da xornada. Hai que contar con Sonia e Pili que están abaixo na clasificación por faltar a algunha xornada, pois teñen suficiente golpe de billarda para conseguir 15 ou máis ptos en pavillón. Veremos que sucede.
No caso probable que se xogue no pavillón do IES Leborei a pista é das rápidas, polo tanto, haberá varados e bastantes, cousa que fará inflar a clasificación
AQUÍ QUEDAN DATOS ESTATÍSTICOS DOS EQUIPOS MÁIS LAUREADOS
Desde que a Billarda foi recoñecida como Modalidade Deportiva e se creou a Federación de Deporte Autóctono non hai quen teña tantos títulos como CORREDOIRAS BUEU.
Considerando as vitorias en xornadas de liga CAMPO DA FEIRA supera a todos con moita comodidade. Está claro que o equipo de Paiosaco dominou a Conferencia Noroeste con insolente superioridade. Tanta que entre todos os outros equipos suman a metade de vitorias que ten Campo da Feira. Esta temporada xa ten máis dificultades para ganar, xa que, Cochiqueiros fortaleceu o equipo e xa lle disputan as xornadas de ti a ti. Outra cousa diferente é nas Rías Baixas, pois hai 3 equipos que se reparten as vitorias case de maneira equilibrada. Apenas Lúa de Forza Sanxenxo ten 1 vitoria máis que Gharaboto e 4 máis que Corredoiras.