Campo da Feira conquistou a Silva e Bonxe vai a polo título de Liga
O líder Cochiqueiros xogaba na casa e a vitoria estaba case asegurada. Ademais, as panteiras de Cerceda estreaban equipación de inverno e caixa de material de recente adquisición. As carpetas rosadas puxeron a guinda do pastel cromático do club. Que podía saír mal? Incluso, a choiva obrigou a xogar en pavillón, lugar que non ofrece moitas posibilidades para as sorpresas. Ben certo que, as cousas comezaron a revirarse e retorcerse, a partir do momento no que un xogador do equipo chegou tarde. Circunstancia ou detalle sen maior importancia, atendendo á sobrada capacidade histórica das panteiras para chegar aos lugares e horas de comezo unhas décimas de segundo antes do inicio. Entón, a case ninguén lle podía estrañar que este xogador rosado chegara de maneira prodixiosa antes das 11 h. Vaia, non chegou tarde para xogar, pois, aínda faltaban, polo menos, 2 minutos. Pero, pero, si chegou tarde con relación á hora á que fora convocado polo equipo. Non fai falta dar nomes, xa que temos a imaxe da chegada dese anónimo xogador. Arribaba sen apuro ningún e con pouca ansia ou inexistente. Non fai falta escribir máis palabras, vós mesmas, vós mesmos podedes xulgar a cara do individuo e as maneiras.
Estes pequenos detalles son os que orixinan as grandes catástrofes e as admirables caídas de todos os imperios. O efecto volvoreta ocasionou a derrota incontestable de Cochiqueiros. Se a semana pasada fixérase coa vitoria en terreo do seu máximo rival, Campo da Feira, nesta ocasión recibiron unha carta de resposta, e vaia co acuse de recibo. Campo da Feira con 81 ptos liquidou a xornada. Cochiqueiros con 75 foi segundo e terceiro quedou Río Miño con 73 ptos. Destacada actuación do equipo Canariño da Terra Chá que baila ao ritmo da Samba. Filloas foi cuarto con 63 ptos co estelar desempeño de Playa 21 ptos. APB con 52 pts e Foucellas con 51 cerraron os postos.
A imaxe de abaixo obtívose antes de comezar a primeira carreira. A elección da cor corporativa do Club foi un acerto pleno. Desde que Cochiqueiros se trasnformou nas Panteiras o equipo non para de medrar, tanto en número como en logros deportivos. O salto de calidade que deu o equipo o ano pasado procamándose campión da Fase Final da Liga, quere ser refrendado este ano co Título da Conferencia Noroeste. Empresa de máis regularidade e constancia, pois, teñen que manter durante 10 meses un xogo de moito nivel. Ben, o equipo de Cerceda, sabedor do éxito da súa equipación, continúa adquirindo novas prendas, desta vez, por un prezo de saldo, chegou aos seus corpos para quedarse un suadoiro de entretempo con carapucha. Isto é que tanto vale para mollarse no outono como para pasar frío no inverno.
Ao finalizar a xornada o equipo que posou para a foto xa non vestía de rosa. Este equipo lucía unha equipación máis “Vintage“, pero cun aprendido dominio da escena, un control da interpretación e uns movementos corporais fantásticos. A cámara non ten secretos para o equipo da Feira de Paiosaco. Campo da Feira convinou a súa cor oficial azul medianoite co gris perla da segunda equipación e coas prendas desenfadadas da infancia de Braulio e Noa.
Veña, imos coa xornada. Bonxe de Río Miño de Castro de Rei ganou, seguido por Moñas de Campo da Feira de Paiosaco e terceiro foi Pepe Vidal de Río Miño. En Categoría Feminina venceu Irene de Cochiqueiros de Cerceda, segunda foi Pili de Río Miño e terceira Chus de Cochiqueiros. En Categoría Infantil, foi primeiro Adrián de Río Miño, segundo Braulio de Campo da Feira e terceiro Santi de Filloas de Sangue da Coruña.
ACTAS
Sumados os puntos da xornada as clasificacións nas súas primeiras posicións quedan deste xeito:
Bonxe afianzou a súa posición de líder e agora supera en 7 puntos a Abel Ponte e en 9 ptos a Abel Regueiro. Por detrás veñen as Panteiras Viqueira 87 ptos e Berdi 86. Os dous nunha xeira de resultados ben diferente, mentres Berdi vai para abaixo, Viqueira mantén o pulso coa zona de Podio. Juan Carlos pegou un chimpo importante cos 23 ptos que sumou. Agora acada 85 pts e ponse a tiro dunha carreira de superar aos dous cochiqueiros. Xulio, Riveiro e Moñas mantéñense ao axexo das posicións de podio.
Irene 61 ptos continúa aumentando a distancia con Delia 47 ptos e con Merche 44 ptos. Chus tivo unha moi boa actuación e acércase a esa última praza de poido que ocupa Merche. Mercedes 39 ptos tamén acadou a decena de ptos na xornada e non está lonxe da loita polo podio. Destacar a actuación de Pili 17 ptos na xornada. O xogo de samba da canariña Pili adáptase perfectamente a lugares cun chan de caucho, o máis parecido ao sambódromo de Río, no cal pode efectuar sen limitacións o marabilloso movemento de cadeiras e ese xogo de pés particular. Nada que ver cos movemento máis ríxidos e descompasados do seu compañeiro de equipo Luís Ares. Ten atrofiadas as cadeiras o malandrín.
Adrián alzouse ao liderado e supera a Izan en 4 ptos. Vai ser unha contenda gratificante de ver. Os dous loitarán polo título, sempre e cando os Torres non acudan a xogar. E tamén, temos que meter na ecuación a Santi, que ten gran potencial e se consegue acudir a todas as xornadas vai estar na disputa do podio da Categoría.
En equipos, Campo da Feira mete presión ao líder Cochiqueiros e agora son 8 ptos de distancia entre os dous. APB e Río Miño teñen a súa particular competición para ver quen queda con esa terceira praza. Non lles dá esta temporada para acercarse ao liderado. Foucellas e Filloas forman parte da outra zona quente da táboa, a dos equipos que deberan evitar a última praza. Neste momento Filloas superou a Foucellas. Non obstante, son 8 ptos nada máis os que os separan. Entón, Tamén se prevé emocionante esta zona da clasificación.
FOTOS