Vitorias de Álvaro, Ainhoa, Xián, Lúa de Forza e Armadiña F
Tarde con nubes, algunha raiola e orballo para rematar a xornada. Un combinado excelente para o tempo do San Martiño e para levar as billardas ao camiño. O Campo do Lexio é ideal para pinchar as billardas pola súa terra areosa e superficie lisa e plana. Nada de vento e temperatura outonal. Empezaron a zoar as billardas e todo cambiou. O que parecía doado no quencemento resultaba imposible cando comezou a competición. Que me pasa agora? Esta era unha frase moi repetida.
Lúa de Forza vía unha oportunidade para dar o salto ao liderado. Corredoiras pensaba na ocasión perfecta para adiantar pola esquerda aos dous primeiros. Gharaboto tiña ausencias importantes e quería amarrar o resultado. Valpaços chegaba con Guto nun estado de forma deslumbrante. Armadiña presentou o maior número de xogadores e xogadoras de todos os equipos (18). Paquete Pinchas e Rinoceronte a dalo todo ou máis.
Por outra beira, Charri podía conseguir a cuarta vitoria consecutiva nunha xornada, unha marca que sería moi difícil de superar por alguén neste século e no próximo. Ademais, había outras dúas marcas de xornadas consecutivas entrando no varal que podían aumentar ou polo contrario quedarse cortadas en seco. Xan levaba 65 carreiras consecutivas entrando, desde a 1ª carreira da xornada 10 da temporada 2023-24 e Charri levaba 22 carreiras consecutivas.
Pois ben, Charri non ganou a súa cuarta xornada consecutiva e na primeira carreira rematou a xeira de Xan. Así queda a mellor marca das Rías Baixas en 65 carreiras. Charri, pola súa conta, chegou a 24 carreiras e aí tamén rematou a súa xeira. Agora, Charri empata na segunda posición con Álvaro. Polo demais, as cousas sucederon de maneira esperada, máis ou menos. Moi pouca diferenza entre os equipos do alto da táboa e poucas desfeitas individuais.
ACTAS
Sumados os ptos da xornada as clasificacións arden en todas as categorías. Os cambios máis significativos producíronse nas categorías Feminina e Infantil, provocados pola ausencia de Antía, que lideraba ambas Categorías. As perseguidoras da xogadora de Gharaboto aproveitaron o momento para darlle alcance. En cambio, o Raio Verde Xián, non foi quen de superar á da Adina no liderado da Categoría Infantil. Agora, Xián está a 4 ptos de Antía. O demais continúa con poucos cambios, se acaso, algunha permuta de posicións dentro da Zona 10.
Está claro que acadar a vintena de puntos nunha xornada en exterior sempre é sinal de ascender na clasificación xeral. Foi o que sucedeu con varios xogadores que sobrepasaron esa vintena de ptos. Agora na Táboa Absoluta, as prazas de podio están separadas por 13 ptos nada máis. Xan 114 ptos, Álvaro 104 ptos e Juanchi 101 ptos son os 3 únicos xogadores cunha media superior aos 20 ptos por xornada.
Despois, Charri e Novas están rabuñando os 20 ptos de media, pois en 5 xornadas fixeron 97 ptos. Albino Veiga tivo unha excepcional xornada coa segunda mellor puntuación 22 ptos, cousa que lle permitiu subir ata a sexta posición.
Beni baixa ao sétimo posto e Bego ao oitavo. Ricardo Lois mantén a novena posición. Cerrando a Zona 10 está Salgue, outro dos mellor parados nesta xornada, xa que conseguiu 22 ptos.Salientar a mellor actuación desta tirada na Armenteira que foi a de Piru, quen sumou 23 ptos para poñerse a tiro da Zona 10.
A Clasificación Feminina sufriu un campio de líder. Bego aproveitou a ausencia de Antía para superala na Xeral. O mesmo fixo Ainhoa cunha puntuación fabulosa de 19 ptos. Agora, Antía sitúase en terceira posición empatada con Tania. Chefa e Lu xa a teñen tamén a tiro de carreira. O mesmo que Mónica Padín e Yolanda.
Entre o terceiro posto que ocupa Antía 78 ptos e o oitavo de Yolanda 72 ptos, están Tania cos mesmos puntos 78, Chefa 76 ptos e Lu 75 ptos. En definitiva, esta temporada subiron o nivel varias xogadoras e pode haber e hai unha Liga F marabillosa. E o título, con permiso de Bego, pode ter máis candidatas.
Na xornada de hoxe hai que destacar as actuacións de Ainhoa con 19 ptos, Chefa 16 ptos e Marisa con 15 ptos. As dúas primeiras xogadoras están en boa forma e non sorprenden as súas actuacións, mentres que os 15 ptos de Marisa son a sorpresa agradable para o seu equipo. Había ben de tempo, ben de meses e incluso varias temporadas que a bolilleira do Casal non chegaba a 15 ptos. “Que lle imos facer, hai días que nin querendo lle dás mal á billarda, e este foi un deses días. Igual tivo algo que ver o colchón de qulatex que comprei”. Estas foron as declaracións de Marisa unha vez rematada a xornada.
En canto ás Categorías de Equipos, o asunto está máis e máis disputado. A vitoria de Lúa de Forza foi máis espectacular que efectiva, dado que optivo os mesmos puntos que Corredoiras e tan só 4 máis que Gharaboto. Polo tanto, non houbo cambios na zona de podio, pero si que se acurtaron as distancias entre os 3 primeiros.
Continúa de líder Gharaboto cun punto de marxe sobre Lúa e 5 sobre Corredoiras. Valpaços Terra Quente continúa coa súa boa marcha e acadou podio nesta xornada. O equipo de Vigo non está aínda para manterlle o pulso durante toda unha temporada aos 3 grandes equipos das Rías. Non obstante, pensamos que está para subir a máis podios durante a temporada.
En canto á Categoría de Equipos F podemos considerar unha gran sorpresa a vitoria de Armadiña F, pois superaron aos dous equipos máis laureados da Conferencia, Gharaboto F e Valpaços F. Dous equipos que son os referentes a nivel galego. Pois ben, Armadiña F superounos. Xa viña dando mostras o equipo de Combarro de que esta temporada tiña suficiente nivel para optar ao podio. Tal vez non está para disputar o Título, pero si para afianzarse na terceira posición e esperar a debilidade de Valpaços F.
Gharaboto F é claro favorito para o Título e sería unha sorpresa maiúscula que algún outro equipo fose o campión.
PODIOS
A xornada ganouna Álvaro de Gharaboto de Marín, segundo foi Papi de Armadiña de Combarro, terceiro Xan de Lúa de Forza Sanxenxo. En Categoría F venceu Ainhoa de Armadiña, segunda quedou Mónica Padín de Gharaboto e terceira Sanny de Armadiña. En Categoría Infantil foi primeiro Xián de Lúa de Forza, segundo Brais de Valpaços Terra Quente de Vigo e terceiro Marco de Armadiña. En Categoría de Equipos A ganou Lúa de Forza, segundo cos mesmos puntos quedou Corredoiras e terceiro Valpaços. En Categoría Equipos F venceu Armadiña F, segundo foi Gharaboto F e terceiro Valpaços F.
FOTOS