Venres, Decembro 13, 2024
ActualidadeXornada

San Martiño, billardas ao camiño

Fin de semana deportivo no Noroeste e nas Rías Baixas nas vésperas do “San Martiño, billardas ao camiño“. O sábado será na Armenteira, Meis e o domingo na Silva, Cerceda. Todo indica, parece e semella que o tempo vai permitir xogar en exterior. Pois ben, falando de circunstancias climatolóxicas aproveitamos para mostrar algunhas das estatísticas da Liga Galega de Billarda desde a temporada 2020-2021 na que a billarda foi recoñecida como modalidade deportiva e posteriormente creouse a Federación Galega de Deporte Autóctono. Si, o terreo de xogo e as condicións atmosféricas teñen unha influencia sobre o avance da anaco de madeira.

Desta maneira, cando se xoga en exterior os campos de terra, herba natural, pedra ou herba artificial dificultan o avance das billardas polo chan e o aire e o vento condicionan o voo das billardas.  Cando se xoga a cuberto, tanto en pavillón como en pista, o terreo de cemento pulido ou materiais sintéticos favorecen o deslizamento das billardas, así como, a ausencia de vento e aire en movemento axuda a que o voo das billardas sexa máis cómodo. En resume, cando se xoga a cuberto as puntuacións e varados aumentan e cando se fai en exterior, pola mesma lei de causa efecto, eses varados e puntos escasean. No campo de fútbol do Leixo (terra) da Armenteira chegar aos 20 ptos vai ser tarefa de poucos ou ningún. Entrar en todas as carreiras vai ser empresa delicada e obxectivo de todas as xogadoras. O Campo da Feira da Silva é de baldosas de cemento, cousa que vai favorecer tanto o pinche da billarda, cousa que sempre beneficia o posterior golpe de desprazamento.

Con estas observacións e abrindo o debate da posibilidade dunha futura especialidade de Billarda Sala que se adaptaría mellor a persoas de maior idade e a persoas principiantes, deixamos unha serie de estatísticas referidas ao número de vitorias en xornadas, tanto individuais como de equipos, ao número de varados, tanto en exterior como en interior, individuais e de equipos. Tamén aparecen datos das mellores marcas de carreiras consecutivas entrando no varal. E finalmente, o número de Títulos de Conferencia e de Títulos Galegos, en todas as categorías.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *