Xoves, Novembro 7, 2024
ActualidadeXornada

Para Cochiqueiros todo foron alegrías, pois ganou en todas as categorías

Campo da Feira foi unha presa inocente que caeu entre as gadoupas das Panteiras de Cerceda, como o foron Río Miño, APB, Filloas e Foucellas. O campo enchoupado de Paiosaco podía supoñerse unha trampa para estes felinos rosados, mais souberon sacar as uñas para espichalas no mollado chan e non perder agarre. Outra xornada máis en rosa.

Si, o equipo local non puido frear o irresistible ataque do equipo máis en forma do Noroeste. Por cuarta xornada consecutiva o equipo de Cerceda venceu. Sumaron, David 20 ptos, Viqueira 17 ptos, Marco e Abel Regueiro 15 ptos cada un, para un total de 67. Campo da Feira estivo moi cerquiña das Panteiras. Sumou Abel Ponte 20 ptos, 17 ptos Moñas, Juan Carlos 16 ptos e Enrique 12 ptos para o total de 65. O terreo de xogo de Paiosaco semellaba que favorecería o xogo máis atlético e bravío do equipo local e que prexudicaría aos equipos máis técnicos e virtuosos. Non obstante, quen contaba coas baixas puntuacións de Xulio e Óscar Ponte, que non sumaron para o equipo. Está máis que comprobado que facer un esforzo desmedido e previo a comezar a xogar ten eses resultados. Xulio e Óscar sufriron a fatiga de marcar os campos. Espichar os 67 cm das puntas metálicas que fixan as bases dos varais ao chan e carrexar esas mesmas bases de ferro fundido que pesan como rodas de muíño, non é recomendable nin saudable para as vértebras lumbares e cervicais. Mentres, Moñas e Edu facéndose os enfermos. Seica non podían facer esforzos por prescripción facultativa. Este equipo, outrora invencible ten que facer análise e reflexión. A ver se aproveitan os de Paiosaco durante o Samaín para encontrar solucións á crise de resultados. Todo apunta a unha nova incorporación, a dunha psicoterapeuta deportiva que estivo tratando tamén a Ilia Topuria.

Río Miño obtivo o terceiro chanzo do podio, sobre todo, grazas á actuación de Bonxe que mantén a velocidade de cruceiro. Sumaron, ademais dos 21 ptos de Bonxe, Javier 14, Nolo e Delia 8 cada un. Luís Ares continúa buscando remedio a un mal de ollo que o consume por dentro e o desvela de madrugada. Agora está probando un escapulario coa imaxe de San Pancracio mártir.

APB bastante fixo con conseguir 2 puntos menos que a Canariña de Castro de Rei. Albiscamos esta temporada un obxectivo máis modesto para APB, o de defender a praza de podio da marea Amarela que lle vén por detrás. Riveiro sumou 15 ptos, Roi 14, Merche 12 e Cotelo 10 ptos. Os glóbulos vermellos da Laracha non encontran osíxeno para recuperar o alento. Certo que nesta xornada tiveron as ausencias dos Torres e de Iván, e a incorporación de Cotelo non tivo o efecto esperado.

Filloas continúa coa súa regularidade e acércase a Foucellas na Xeral. Estes dous equipos disputaranse o posto de pechacancelas sen descartar esa tan perseguida cuarta praza que dará pasaporte para a Fase Final da LGB 2025.  Teñen que esperar a volta de Gándara e o baixón físico de Río Miño. O equipo herculino espera con ansia a chegada do inverno cos seus portentososos sabañóns á Terra Chá. En Filloas sumaron Valentín 13 ptos, Playa 12 ptos, Morís e Miranda 9 ptos cada un.

Por Foucellas, sumaron Collazo 15 ptos, Lito 10 ptos, Toni e Roberto 7 ptos ámbolos dous. As mandarinas atlánticas non estiveron todo o lustrosas que se podía esperar. Por suposto que se esperaba máis, moito máis de Lito, pero, caeu nas redes dos feirantes que estreitaron os campos todo o que o regulamento permite e, ben sabido que Lito precisa campos anchas como Castela. En fin, que mandaba as billardas a Malpica.

No plano individual, Bonxe afianza o liderado. Non houbo puntuacións moi elevadas, poi só 3 xogadores estiveron na vintena de ptos. Estes foron Bonxe 21 ptos, Abel Ponte e David 20 ptos. Desta maneira, o ritmo de Bonxe está máis aló dos 20 ptos de media por xornada, cousa que pon difícil que alguén o alcance. Así, de momento, o único que se mantén cerca del é Abel Ponte, cunha media exacta de 20 ptos por xornada.

Os dous xogadores de Cochiqueiros que ocupaban a segunda e terceira praza, Abel e Berdi, tiveron unha xornada regular con 15 e 13 ptos respectivamente e agora sitúanse terceiro e cuarto. Riveiro aguanta na quinta praza e xa se lle acerca como un lóstrego, David na sexta posición empatado con Viqueira. Roi é oitavo e Moñas ascendeu á novena posición coa mesma puntuación que o de APB. Xulio baixa ata a décima praza e mantense na zona DEZ.

Na Categoría Individual Feminina, Irene mantén o primeiro posto, agora cunha marxe de 9 ptos sobre Delia. Esta xornada foi moi positiva para Merche, quen con 12 ptos métese no terceiro paso do podio cunha vantaxe de 5 ptos sobre Chus. Delia defendeu ben a segunda posición, aínda que o seu obxectivo é optar ao Título. Mercedes, aínda que xogaba na casa, non encontrou o seu golpe, case sempre seguro e eficaz.

Desde logo que a loita entre estas 5 palanadoras vai continuar ata que o corpo aguante. Entre elas repartiranse os postos de podio e o Título. Resultaría sorprendente que calquera outra muller as poida ameazar. Por suposto, coa chegada do inverno, as choivas e as xornadas en pavillón a competición poñerase entretida e disputada, pois calquera destas 5 xogadoras ten potencial para superar os 15 ptos en pavillón.

ACTAS

 

Agora ben, as puntuacións acadadas son unha cousa e os podios da xornada son outra cousa… do demo. Desta maneira, Berdi de Cochiqueiros de Cerceda ganou a xornada despois dunha fase de grupos… como definila sen ofender ao interesado… paupérrima, penosa, pobre e, para non repetir o “p”, lamentable !  Non entrou en 2 das 5 carreiras e con 13 ptos avanzou ata a final sen ruborizarse nin avergonzarse. Iso si, a partir dos cruces eliminatorios sacou da manga o Berdillazo e xa foi imparable. Segundo foi Collazo de Foucellas da Coruña e terceiro Abel Ponte de Campo da Feira de Paiosaco. En categoría Feminina ganou Irene seguida de Merche de APB A Laracha e de Delia de Río Miño de Castro de Rei. En categoría Infantil foi primeiro Aleixo de Cochiqueiros, segundo Adrián de Río Miño e terceiro Izan de Filloas de Sangue da Coruña.

FOTOS

VINDEIRA XORNADA

10 NOVEMBRO

A SILVA

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *