Martes, Decembro 10, 2024
ActualidadeXornada

CHARRI voa sobre o cemento, terceira vitoria consecutiva… de momento !

O pavillón do IES de POIO foi escenario dun feito histórico, dunha proeza heroica, dunha fazaña memorable no eido do deporte galego. Si, si, a terceira vitoria consecutiva, sucesiva e ininterrompida. Estaba no aire a posibilidade deste acontecemento, non obstante, semellaba complicado repetir a vitoria por terceira xornada por parte de Charri. Sobre todo, nesta pista do pavillón de Poio, pista superrápida e ultraescorregadiza, na cal, calquera podería facerse coa vitoria. Pois ben, o mexicano con mellor acento galego da Unión Europea, o Got Talent da Billarda, o habitante de Cabalo (Beluso), Salvador Santos Solla “Charri” logrouno.

Hai que situar e contextualizar este logro deportivo, desde que se creou a Conferencia Rías Baixas na temporada 2011-2012 (LNB) ata o día de hoxe 2024-2025 (LGB), ninguén conseguira ganar máis de 2 xornadas consecutivas. Cousa que demostra o complexo da empresa. En fin, o de Corredoiras xa entrou no Alboio da Fama da Liga Galega de Billarda. Tal foi a repercusión na comunidade mexicana europea do éxito de Charri que as homenaxes non paran. Temos unha imaxe (abaixo) da celebración de Charri con parte desta comunicada centro americana afincada en Madrid.

A xornada ganouna Charri de Corredoiras Bueu, segunda foi Yolanda de Valpaços Terra Quente de Vigo e terceiro foi Xan de Lúa de Forza Sanxenxo. En Categoría Feminina venceu Antía de Gharaboto de Marín, seguida de Elena do mesmo equipo e terceira foi Bego de Corredoiras. En Categoría Infantil, foi primeiro Xián de Lúa de Forza, segunda quedou Aldara de Gharaboto e terceira a súa compañeira de equipo Sofía. En Categoría de equipos venceu Gharaboto, segundo foi Corredoiras e terceiro Lúa de Forza. En Categoría Equipos F, Gharaboto F venceu por diante de Valpaços F e de Armadiña F.

A Clasificación Individual Absoluta non tivo cambios nas posicións de podio, Xan continúa líder, seguido de Álvaro e terceiro segue Juanchi, agora un puntiño máis cerca do liderado e respirando no cocote de Álvaro.

Salientar a subida meteórica de Guto, quen cos 28 ptos acadados na xornada sitúase na sexta posición. Ricardo Lois, sumando a segunda mellor puntuación da xornada, 27 ptos, alzouse ata o noveno posto.

Manolo Outeiro foi outro dos beneficiados da xornada. O de Corredoiras entra na zona Dez. Conseguiu a terceira maior puntuación da xornada, 26 ptos. Curiosamente, as 4 xornadas disputadas só coñeceron un triunfador do equipo Corredoiras Bueu. Na primeira xornada foi Beni e nas 3 seguintes Charri. O certo é que este dominio non se vé reflectido na Xeral de Equipos, pois o equipo vermello ocupa a terceira posición por detrás de Gharaboto e de Lúa de Forza.

As puntuación dos equipos nesta xornada foron moi elevadas e nunca antes nunha xornada os 4 primeiros equipos estiveran por enriba dos 90 ptos. Algo inédito e difícil de repetir. Gharaboto ganou con 2 ptos máis que Corredoiras, con 3 máis que Lúa de Forza e con 4 máis que Valpaços. Impresionante !

Xornada tras xornada o equipo de Vigo está demostrando que pode loitar polas prazas de podio e que ten unha marxe de mellora importante. Hai que contar con Valpaços a partir de agora. Claro está, estes resultados de pavillón hai que confirmalos en campos de terra e herba. De todas as maneiras, o que sempre foi cousa de 3 esta temporada pode ser cousa de 4.

Na Xeral Individual Feminina as posicións mantéñense, iso si, as distancias acúrtanse entre Antía e Bego. O prodixio da Adina, Antía, mantense firme no liderado, mais a supercampioa de Corredoiras ponse a 2 ptos dela. Tania cerra o podio e Ainhoa acércaselle a paso lento e seguro. A máis destacada puntuación feminina foi a de Elena con 24 ptos, cousa que lle vale para meterse na zona 10.

Destacamos a actuación de Yolanda, que ademais de conseguir 21 ptos e ascender ata a sexta posición da xeral, foi quen de disputarlle o triunfo da xornada ao mesmo Charri. O de Corredoiras tivo que ganar a xornada nun golpe de desempate contra Yolando, pois fixeran cadanseu varado na carreira da final.

A carreira final disputárona Beni e Charri de Corredoiras, Guto e Yolanda de Valpaços, Xan de Lúa de Forza e Antía de Gharaboto. Unha Carreira final que durou ben pouco. No primeiro golpe Charri fixo varado e Yolanda fixo varado. Tiñan que ir a un golpe de desempate para decidir a ganadora ou ganador. Neste golpe, Yolanda golpeou a billarda con tanto ímpeto que non acertou de todo ben co obxectivo da madeira. Fixo avanzar 1 metro a billarda. Charri, nunha demostración de malabarismo, habilidade, destreza e equilibrio mental golpeou a billarda unha primeria vez de maneira deficiente e, contemplando como a billarda non superaba a de Yolanda, tivo que facer un escorzo acrobático para golpear a billarda por segunda vez antes de que caese ao chan. Obxectivo cumprido para o de Beluso.

No segundo golpe entraron Beni e Xan. Os demais participantes non entraron nese segundo golpe. Así, tiñan que desempatar a un golpe para coñecer a terceira praza de podio, Beni e Xan. Xan deu un golpazo e fixo avanzar a billarda, polo menos, 30 centímetros. O levantador de pesos e de embarcacións a remo, Beni Resille, non sabe de medias tintas, meteulle un fungueirazo e sacou a billarda polo fondo do campo.

ACTAS

FOTOS

 

VINDEIRA XORNADA

9 NOVEMBRO

ARMENTEIRA – MEIS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *