Mércores, Marzo 26, 2025
ActualidadeXornada

As Panteiras de Cerceda, Óscar Ponte, Delia e Roy Torres venceron en Arteixo

A mañá de outono tiña ganas de madrugar e levantouse sen as lagañas no ceo da última semana. As borrascas estaban xa lonxe e en Meicende o domingo levaba o dorsal 13 na camiseta de outubro. A terceira xornada da Liga Galega de Billarda, Conferencia Noroeste, ía comenzar ás 11 horas e comezou. Unha xornada de LGB non ten prognóstico fiable ata que os equipos presentan as súas cartas en forma de nomes na folla de inscrición, pois, case sempre hai baixas de algún xogador clave ou a presenza de xogadoras que non xogaran a xornada anterior.

Ben, desta vez, a aliñación de Campo da Feira e de Cochiqueiros aventuraba a vitoria dalgún destes equipos, sen esquecer que APB presentou a 4 xogadores de nivel máximo e podía discutir o triunfo da xornada aos dous primeiros equipos da Xeral. Iso si, non podía fallar ningún deses 4 glóbulos vermellos.

As Mandarinas Ácidas de Foucellas da Billarda tamén presentou o equipo ao completo. Un sexteto de luces e sombras, xa que, algunha das novas incorporacións non acaba de encontrar o sabor cítrico de maduración ideal, mentres outras mandarinas están nun momento doce.

Filloas de Sangue tiña que sobrevivir sen Gándara, sen Ínsua e co ex-infantil Valentín asumindo galóns de xogador referente. Mentres tanto a Canariña de Billarda Río Miño chegaba cun sexteto moi equilibrado e perfectamente combinado, no que se xuntaba a sabiduría de Kiko coa fortaleza de Bonxe e Nolo, a ilusión de Adrián e a templanza de Mucha e Delia. Vaia e despois tamén estaba Luís Ares e as súas reflexións sobre o deterioro das facultades físicas co paso dos anos e o efecto do mal de ollo sobre o golpe correcto na billarda.

Con este cocido de deportistas notables había que facer un bo xantar, e así foi. En resume, as predicións, coma de costume, unhas veces non se cumpren e outras case que tampouco, aínda que desta vez, foron exactas. A vitoria foi para as Panteiras de Cerceda 76 ptos, seguidas moi de perto por Campo da Feira, 75 ptos. APB foi terceiro, 66 ptos, e as demais puntuacións quedan resumidas no cadro de puntos de abaixo. Río Miño 61 ptos, Foucellas 55 ptos, Filloas 53 ptos.

No plano individual, na Categoría Absoluta hai que salientar a varios xogadores que estiveron na vintena de ptos, Abel Ponte, Abel Regueiro, Marco e Xan, mais por enriba de todos e todas estivo Bonxe que rabuñou a perfección, posto que entrou nas 5 carreiras en 2 golpes, ou sexa, 25 puntazos. Non obstante, a vitoria da xornada foi para Óscar Ponte, segundo quedou Abel Ponte e terceiro Bonxe. Na Categoría Feminina, Irene e Delia continuaron co seu duelo particular empatando a 13 ptos. A Canariña Delia levouse a vitoria da xornada, segunda foi Irene e terceira Merche 11 ptos. Na Categoría Infantil, Roy Torres ganou con 7 ptos, os mesmos que Kevin Blanco quen quedou segundo e terceiro foi Izan con 5 ptos.

Sumadas as puntuacións da xornada, as clasificacións xerais quedan como seguen nas táboas de aquí abaixo, nas súas primeiras posicións. As clasificacións completas están na etiqueta LIGA GALEGA DE BILLARDA, 2024-25 Noroeste.

Agora, as posicións na Xeral quedan con Bonxe como líder, empatado con Abel Regueiro e coa sombra alongada de Berdi e de Abel Ponte aos seus pés. As panteiras Abel Regueiro e Berdi están nun momento fabuloso de xogo e co cremento deportivo do Equipo en claro pico alcista. O glóbulo vermello Riveiro mantén unha regularidade manifesta e podemos incluílo dentro dos candidatos ao Título. Xulio, Viqueira, Roi, Enrique, David e Edu están a tiro de ser candidatos ao podio e incluso ao Título.Entre estes xogadores hai unha distancia de 12 ptos nada máis. Transcurridas só 3 xornadas das 18 que compoñen a temporada 2024-25 non podemos aventurar nin descartar a ningún xogador, pero si dicir que case con total seguridade o campión estará entre algún deles, salvo milagre ou maleficio lunar.

Ademais, hai que esperar ao inverno, momento estacional moi favorable para xogar en pavillón e marcar unha clara tendencia a superar os 20 ptos de moitos xogadores especialistas do xogo rasante. O frío e a humidade tamén vai poñer a proba os dous conxuntos de xogadores e xogadoras, aqueles con temperatura corporal caribeña e os outros con temperatura de réptil no seu sangue.

Na Individual Feminina, a carreira continúa para ver se Irene revalidará o título ou se Delia dará conta da Panteira. Con Mercedes, Chus e Merche sempre esperando a súa oportunidade. Claro está que Irene parte coa vantaxe de estar nun equipo moi crecido e medrado que a alimenta cunhas condicións de adestramento e tecnificación deportiva magníficas.

O único que pode desestabilizar a Irene é o horario nocturno no que adoitan adestrar as Panteiras, amais do ritmo infernal da preparación física do equipo de Cerceda. Tamén, non se debe esquecer que os obxectivos para esta temporada son os máximos. Obxectivos que se marcaron desde comezo de temporada as Panteiras de Cerceda, lograr o Título en todas as categorías Individuais e por suposto o Título de Equipos. De momento, todo vai ben encamiñado. A Categoría que teñen máis lonxe é a Infantil, con Aleixo na cuarta posición, mais “todo está controlado e medido científicamente. A partir de xaneiro Aleixo vai pegar o estirón e despois non vai ter rival“, dicía o CEO do club, Abel Regueiro.

Na Categoría de Equipos, por terceira xornada consecutiva e sentando ou deitando un precedente inédito, Cochiqueiros gana a xornada e afianza o seu liderado, agora con 12 ptos de distancia sobre Campo da Feira. APB queda lonxe, pero non descartado de todo para loitar polo título. Foucellas deberá medirse con Río Miño para obter esa última praza de finalista da LIGA GALEGA DE BILLARDA 2025. Filloas tampouco renuncia a esa praza e cando cheguen tixolas quentes das superficies engraxadas dos pavillóns vanse encontrar no seu aceite. Despois veremos ata onde pode chegar o equipo da Coruña.

ACTAS

PODIOS

 

FOTOS

FINALISTAS DA XORNADA

Óscar Ponte, Xulio Ponte, Abel Ponte de Campo da Feira Paiosaco, Bonxe e Delia de Billarda Río Miño e Viqueira de Cochiqueiros da Billarda de Cerceda. 3 homes de Gris, 2 Canariñas e 1 Panteira.

PRÓXIMA CITA

4ª XORNADA

PAIOSACO

27 de Outubro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *