Venres, Febreiro 7, 2025
ActualidadeXornada

Primeira xornada en pavillón e CHARRI foi o campión

Primeira xornada en pavillón e as cousas deron un pinchacarneiro en canto á Clasificación Xeral de Equipos. Lúa de Forza ganou a xornada con 95 ptos, seguido de Gharaboto con 91 ptos e terceiro foi Valpaços Terra Quente con 87 ptos. Así, Corredoiras, ata hoxe no liderado, pasa á terceira posición, Lúa que era terceiro alcanza o segundo posto e Gharaboto que estaba segundo sitúase como novo líder. De momento, 3 xornadas e houbo cambio de líder en todas elas, primeiro foi Gharaboto, despois foi Corredoiras e agora de novo Gharaboto. As distancias son mínimas e a emoción alta. Agora, separan 7 ptos ao líder do terceiro clasificado.

A xornada de pavillón volvou a demostrar que o equipo da Lúa continúa forte cando se xoga nesta superficie. Desta vez, non foi o Raio o que máis brillou, non obstante, Gerardo e Carolo tomaron o relevo e con 24 ptos e 21 ptos respectivamente foron os secundarios de luxo para que o equipo verde conseguira a vitoria na xornada. Xan con 27 ptos e Juanchi con 23 ptos completaron o cuarteto que sumou para Lúa. Lúa F non tivo unha das mellores tardes de competición. Sumaron Lu 18 ptos, Marisa 7 ptos e Mari 5 ptos. Deberá loitar pola cuarta posición xeral con Corredoiras F. Pensamos que esta temporada a terceira praza vai estar fóra do alcance do equipo verde.

Gharaboto mantén o nivel tanto en exterior como en pavillón e con Álvaro e Antía como xogadores referencia neste comezo de temporada lograron recuperar o liderado. Desta vez, o equipo de Marín sumou os 23 ptos de Álvaro, Antía e Luís Camiña, xunto cos 22 ptos de Gelín. Polo tanto, os xogadores de procedencia marinense contribuíron de xeito abondoso e sen que sirva de precedente, pois, habitualmente o equipo de Gharaboto nútrese dos puntos das xogadoras e xogadores procedentes do Salnés. Gharaboto F volveu esnaquizar aos rivais. En 3 xornadas ten 32 ptos máis que o segundo clasificado Valpaços F. En fin, coa infantil Antía nun estado de forma extraordinario o equipo azul non ten rival e iso que está tendo a ausencia de María Caride. Sumaron para o equipo F, Antía 23 ptos, Vanessa 20 ptos, Mónica Padín 19 ptos e os 16 ptos, tanto de Elena como de Marga.

Valpaços Terra Quente continúa sendo o equipo revelación e atrevesuse a discutirlle o podio da xornada a Corredoiras. O equipo de Vigo reforzouse moito para acercarse aos 3 grandes equipos das Rías Baixas. Estao conseguindo e coas incorporacións recentes completou un cadro de 19 xogadores, cun sensacional equilibrio, posto que son 10 xogadores e 9 xogadoras. Nesta xornada sumaron para o equipo Tania 23 ptos, Guto e Alfonso 22 ptos cada un e Albino Veiga 21 ptos. Valpaços F mostrouse forte en pavillón, certo que non estivo á altura de Gharaboto F, pero o seu obxectivo é asegurar o segundo posto das acometidas de Armadiña F e, en algunha xornada que se xunten todos os planetas, cometas, estrelas e aquelarres, superar ao equipo de Marín.

Corredoiras non tivo unha actuación excelente para o que se supón do supercampión de Bueu, mais e todo, Beni con 23 ptos, Bego con 21 ptos e Charri con 20 ptos, conseguiron chegar a esa barreira da vintena de puntos que marca unha actuación boa en pavillón. Facer menos de 20 puntos en pavillón é motivo de preocupación e de seguro vanse perder postos nas clasificacións xerais. Isto foi o que lle posou ao equipo de Bueu, pois a cuarta puntuación que sumou foron os 19 ptos que lograron, tanto Ricar como Outeiro. Corredoiras F defendeu a terceira posición da xeral con solvencia grazas aos 21 ptos de Bego e os 19 ptos de Chefa.

Armadiña quedou moi lonxe dos catro primeiros postos. Tan lonxe como a máis de 20 ptos. De novo, Ainhoa sustentou o equipo con 17 ptos. Sumaron tamén, Jaime 16 ptos, Rial 14 ptos e Machi 13 ptos. Para ser en pavillón, esperábase algo máis do equipo celeste. A xornada puido ser peor, menos mal, que a incorporación de Rial e Pili nesta última semana foi decisiva para non ter unha hecatombe clasificatoria. Armadiña F perdeu a segunda posición na Xeral e agora queda na terceira posición. Veremos se o equipo de Combarro ten enerxía F suficiente para non deixar escapar a Valpaços F. A vindeira xornada será no Campo de Billarda de Poio, campo local para o equipo celeste. Ademais, para esa xornada poderá contar con todo o seu cadro de xogadoras, pois para esta xornada de Marín, tivo as moi sensibles ausencias de Sanny e Rosana.

Os outros 2 equipos, Paquete Pinchas e Rinoceronte, fixeron o que puideron coa limitación das baixas. Así, Salgue conseguiu 19 ptos para o equipo escuro do Porriño. Gonzalo fixo 13 para o equipo laranxa de Rinoceronte.

As puntuacións foron elevadas como sempre que se xoga en pavillón. De todas as maneiras e sorpresivamente, non houbo demasiados varados. Vaia, nin demasiados, nin bastantes, porque só se chegou a 11 varados. Todo o mundo dicía que foi o efecto das liñas Curry e Hartmann que atravesaban o pavillón, ou sexa, as enerxías telúricas e cósmicas que interactúan formando unha rede xeomagnética, o que repercutiu no comportamento biomecánico e psicomental do xogador e da xogadora de billarda, alterando o sosego e precisión necesarios para golpear e mandar a billarda dereitiña en situacións de alta necesidade. Vaia !

Sumados os puntos as Clasificacións Individuais quedan nas súas primeiras posicións da maneira que aparece nas imaxes de abaixo.

ACTAS

Charri de Corredoiras Bueu ganou a xornada en Categoría Individual Absoluta, segundo foi Carolo de Lúa de Forza Sanxenxo e terceiro quedou Albino Veiga de Valpaços Terra Quente de Vigo. En Categoría Individual Feminina, foi primeira Bego de Corredoiras, segunda Antía de Gharaboto de Marín e terceira Tania de Valpaços. En Categoría Individual Infantil, ganou o Raio Verde Xián, segunda foi Aldara e terceira Sofía, as dúas de Gharaboto. Segunda vitoria consecutiva do mexicano que mellor fala galego de toda Europa, Charri. Amais de por falar correctamente o galego e ganar estas dúas xornadas consecutivas da Liga Galega de Billarda, Rías Baixas, o mexicano Charri é famoso e célebre porque Risto Mejide lle dixo, hai uns cantos anos: “Para mi es un No“. Grande Charri !

 

 

FOTOS

VINDEIRA XORNADA

19 OUTUBRO

CAMPO DE BILLARDA

POIO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *