Luns, Outubro 7, 2024
ActualidadeXornada

Cochiqueiros, Bonxe, Delia e Izan vencedores en Laxe

En Laxe o vento foi actor principal ou secundario, iso xa dependeu das circunstancias azarosas que xuntaron o voo da billarda co refacho ou dos acontecementos aleatorios que permitiron que a ventada esperara respectuosamente ao aterraxe do anaco de madeira con puntas sen alterar a súa traxectoria. En fin, que houbo dificultades co vento e o chimpo das billardas. Isto fixo que as puntuacións foran algo máis baixas do esperado para unha superficie de herba artificial. Ao mesmo tempo, este feito climatolóxico engadiu ese ingrediente heroico necesario para que unha acción humana ordinaria se converta en histórica, cando non lendaria.

O concello de Laxe colaborou coa Federación Galega de Deporte Autóctono un ano máis cedendo as fenomenais instalacións do Campo de Fútbol Municipal Rogelio Martínez e, ademais, desta vez coa celeridade e presteza que o caso precisou. Pois, houbo que realizar un cambio de lugar no calendario e o concello en pouco tempo resolveu a situación para poder usar as instalacións deportivas do concello, campo de fútbol ou pavillón deportivo. Estiveron na entrega de premios Francisco Charlín Orons, Alcalde de Laxe, Begoña Gegundez Allo, Concelleria de Deportes e Pesca, Raquel Lema Allo Concelleira de Comercio, Hostalaria, Turismo e Cultura.

En Equipos as Panteiras están intratables. Conseguiron a segunda vitoria en dúas xornadas con 77 ptos. Certo que Campo da Feira con 73 ptos estivo cerca e agora mantense na xeral a 11 ptos do liderado. A sorpresa da xornada pensamos que a deu Foucellas, os Mandarina quedaron no podio da xornada con 61 ptos e acceden ao cuarto posto da Xeral. APB presentou un equipo de circunstancias, de circunstancias pouco favorables, xa que, tivo que aguantar a xornada co mínimo de 4 xogadores. Aínda así logrou sumar 56 ptos. Menos mal que Riveiro aguantou o carro con esa vintena de puntos e Jorge tivo unha xornada magnífica con 14 ptos e chegando a disputar a final a 6. Filloas de Sangue con 51 ptos notou a ausencia de Gándara. Ademais, Josecho perdeu a efectividade no seu golpe de dereita e non sabe ben onde. El di que tiña ese golpe gardado na mochila e que da noite para a mañá desapareceulle. Desta maneira o da Coruña continúa En Busca do Golpe Perdido. Río Miño conseguiu 40 ptos. Non son moitos, non obstante, de 4 xogadores que presentou o equipo conseguiron subir ao podio 3. Bonxe e Delia ganaron na Categoría Absoluta e Feminina, respectivamente, e Adrian foi segundo en Infantil. A Canariña da Terra Chá sabe cantar e competir cando se acercan os cruces eliminatorios.

Agora a táboa clasificatoria ten ás panteiras de Cerceda no máis alto da mesma. O rendemento do equipo de Cerceda está sendo extraordinario. Despois dun final de temporada pasada absolutamente excelso e sublime, no que o equipo rosado se alzou co Título Galego e o Subcampionato Noroeste, parece que o estado de forma das panteiras fala dun obxectivo máis ambicioso e preciado, o Título de Conferencia. Xa que, este título supón unha regularidade que habería que manter durante 10 meses de competición, cousa que de momento as panteiras non conseguiron.

A xornada ganouna Bonxe de Río Miño, dúas vitoria en dúas xornadas, segundo foi Xan de Lúa de Forza Sanxenxo e terceiro Toni de Foucellas da Coruña. En Feminina foi primeira Delia de Río Miño, segunda Mercedes de Campo da Feira de Paiosaco e terceira Merche de APB A Laracha. En Infantil venceu Izan de Filloas de Sangue da Coruña, segundo foi Adrián de Río Miño e terceiro Braulio de Campo da Feira.

 

Así, 5 xogadores obtiveron 20 ou máis puntos. Foi Abel Regueiro con 22 ptos quen obtivo a maior puntuación da xornada, seguido de Lito con 21 ptos. Xulio, Riveiro e Enrique con 20 ptos foron os outros 3 xogadores que acadaron a vintena. Durante a xornada houbo 2 varados, 1 de Lito e outro de Roi.

Sumados os ptos da xornada, Berdi resiste no liderado cunha diferenza mínima. Abel Regueiro busca con firmeza ese lugar de privilexio que nunca saboreou e que tampouco nunca tivo tan perto. De momento as distancias son mínimas. Entre o líder e o posto 11 hai 10 ptos. Abel Ponte continúa a media carreira do primeiro posto e Riverio a 3 cuartos de carreira. Viqueira e Bonxe tamén poden asaltar o liderado na vindeira xornada. Os demais teñan máis difícil dar o salto. De todas as maneiras, co frío e a humidade de novembro e decembro os pavillóns van marcar o rumbo de cada quen.

BERDI continúa en estado de santidade. O Amado Líder non fallou ningunha carreira desde que se fixera co liderado na primeira xornada. 5 carreiras na primeira xornada e 5 carreiras nesta segunda xornada de Laxe entrando en todas. E se contamos as 5 carreiras que disputou durante a Copa Galicia de Billarda en Bueu serían 15 carreiras puntuando en todas. Canto tempo aguantará este estado de perfección? Amais, sabemos que a súa situación dentro do equipo non é a máis recomendable, xa que, varios compañeiros están intentando desestabilizar o seu equilibrio mental con mensaxes de whatsapp intimidatorios. A cobiza e envexa é unha das propiedades da natureza das Panteiras, que lle imos facer !

 

Outra figura destacada na xornada de Laxe foi a de Toni, a nova fichaxe dos Mandarinas de Foucellas. O novo xogador que se incorporou esta temporada está en progresión meteórica. A primeira xornada acadou 11 ptos e nesta xa se foi aos 17 ptos. Ademais de meterse na Final a 6 e subir ao terceiro chanzo do podio. A humildade e profundidade filosófica deste xogador quedou patente nas súas palabras ao finalizar a xornada, “hai días“. Grande Toni.

FOTOS

 

PRÓXIMA XORNADA

13 OUTUBRO

Meicende – ARTEIXO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *