CORREDOIRAS impón a súa lei e en Sanxenxo Charri foi o Rei
O Campo Olímpico de Billarda de Nantes (Sanxenxo) estaba espectacular. A herba cortada recentemente e a choiva da mañá deixaron un terreo magnífico e inmellorable para a práctica da billarda. Este campo ten tradición de non ser xeneroso coas puntuacións e de novo cumpriuse a tradición. Só 4 xogadores conseguiron 20 ou máis ptos. Asi, Álvaro, Juanchi e Xan acadaron 20 ptos e Ricar 21 ptos.
Ademais, o ganador por equipos CORREDOIRAS BUEU chegou aos 71 ptos, cousa que non conseguiu nin LÚA DE FORZA SANXENXO 68 ptos nin GHARABOTO de Marín 66 ptos. Isto indica que a media das 4 mellores puntuacións de cada un destes equipos que ocuparon o podio da xornada estivo entre 17 e 18 ptos. Os demais equipos, VALPAÇOS TERRA QUENTE de Vigo con 62 ptos, ARMADIÑA de Combarro con 52 ptos, PAQUETE PINCHAS do Porriño 23 ptos e RINOCERONTE de Pontevedra 12 ptos baixaron dessa media.
O Grupo A foi liderado polo Raio Verde Xián (LÚA) con 16 ptos, segunda foi Mónica Padín de (GHA) con 14 ptos, terceiro Beni (COR) con 13 ptos e cuarta Casilda (GHA) con 12 ptos. Un grupo de puntuación baixa en xeral. Actuación magnífica de Casilda quen na primeira carreira entrou no segundo golpe con 5 ptos. Foi a única do grupo que conseguiu esta cifra de puntos en algunha das 5 carreiras. Todos e todas as demais participantes acadaron como puntuación máis elevada dunha carreira 4 ptos, nalgún dos casos. Neste primeiro grupo a puntuación de corte para acceder ás eliminatorias quedou en 12 ptos. 55 ptos fixo a suma das 4 mellores puntuación do grupo A. Nas semifinais quedaron eliminados todos os xogadores e xogadoras deste grupo que se clasificaran para os cruces eliminatorios.
O Grupo B foi dominado por Piru (GHA) con 17 ptos, segundo foi Taxeiro (VAL) con 16 ptos, terceira Yolanda (VAL) con 14 ptos e cuarto Martín Caneda (LÚA) con 12 ptos. Este grupo tivo puntuacións máis elevadas que o grupo A, aínda que non moito máis. A suma destas 4 mellores puntuacións fixo un total de 59 ptos. En 12 ptos quedou o corte para acceder aos cruces eliminatorios. Deste grupo, ningún xogador nin xogadora avanzou ata a Final.
No Grupo C, Novas (COR) foi o destacado vencedor con 19 ptos, segunda quedou Machi (ARM) con 15 ptos, os mesmos que Salgue (PAQ) que foi terceiro. Cuarta foi Chefa (COR) con 13 ptos e despois dun golpe de desempate contra a infantil Sofía (GHA). Ata catro veces se entrou no segundo golpe neste grupo e dúas destas veces foi o mesmo xogador, Salgue. Novas e Tania tamén entraron no segundo golpe nunha das carreiras. Para seguir coa analoxía das puntuacións nos grupos, dicir que as 4 mellores puntuacións de xogadores que se clasificaron para a fase eliminatoria de cruces deron un total de 62 ptos. De momento, o grupo máis potente en canto a puntuacións para clasificarse, pois foron 13 ptos os necesarios para pasar a semifinais. Chefa e Salgue lograron acceder a Final despois de ganar o cruce de semifinais. Ningún dos dous logrou subir ao Podio Final.
No Grupo D, Ricar (COR) non deu opción a ninguén e con 21 ptos foi primeiro, ademais de acadar a maior puntuación da xornada. Ainhoa (ARM) con 16 ptos foi segunda, Antía (GHA) con 15 ptos terceira e Vari (GHA) con 14 ptos cuarto. Ou sexa, 66 ptos conseguiron os catro clasificados para a seguinte fase e a puntuación de corte quedou en 14 ptos. Neste grupo Luís Gon e Ricar fixeron cada un 1 varado, os dous únicos varados de toda a tarde. De momento, os xogadores e xogadoras deste grupo optiñan as mellores puntuacións dos 4 primeiros grupos. Deste grupo, Antía logrou meterse na Final, aínda que non subiu ao podio.
O Grupo E estivo dominado por Xan (LÚA) con 20 ptos, segunda foi Bego (COR) con 14 ptos, terceiro Santiago (VAL) coa mesma puntuación e cuarto Albino Caneda (LÚA) con 11 ptos. Estes 4 clasificados sumaron 59 ptos. A puntuación de corte foron os 11 ptos de Albino. En fin, un grupo bastante mediocre en canto a puntuacións. Deste grupo, Bego conseguiu avanzar ata a Final e subir á segunda praza do podio.
No Grupo F foi primeiro Juanchi (LÚA) con 20 ptos, os mesmos que Álvaro (GHA) quen foi segundo, terceiro quedou Albino Veiga (VAL) con 18 ptos e cuarto Charri (COR) con 17 ptos. Claramente este Grupo foi o máis potente tanto nas puntuacións que sumaron os 4 clasificados para semis, 75 ptos, como pola puntuación de corte 17 ptos. Ademais, este nivel de grupo quedou reflectido nos cruces eliminatorios, pois 2 destes xogadores Charri e Álvaro metéronse na Final e mesmo ocuparon a primeira e terceira posición do podio Final. Curiosamente, Charri foi o vencedor final da xornada pasando de cuarto de grupo. Cousas da Billarda.
Despois dunhas semifinais esixentes, só 3 intrépidas palanadoras e 3 ousados palanadores accederon á Gran Final da Xornada. Álvaro e Antía de Gharaboto, Bego, Charri e Novas de Corredoiras e Salgue de Paquete Pinchas. A final foi digna de chamarse así, xa que os golpes foron moi bos.
Así, Bego e Charri entraron no segundo golpe. Álvaro tivo na man entrar tamén no segundo golpe, pero o do Vinquiño quixo esperar por Salgue e Antía que quedaran cerca do varal despois do segundo golpe e se tiñan opción de dar un terceiro golpe podían entrar facilmente. Chefa quedou a metade de campo co seu segundo golpe. Desta maneira, Álvaro fallou o seu golpe cando tiña a posibilidade de entrar no segundo e empatar con Charri e Bego. No terceiro golpe, Salgue tiña a billarda no ángulo de 90 graos que fai a liña de fondo coa liña de banda, posición moi difícil de resolver con éxito. O de Paquete Pinchas quixo resolver a ecuación dando un golpe que incluía unha pirueta con viravolta e pinchacarneiro que non saíu ben, vaia, que non rematou acertadamente o do Porriño. En fin, realizou o esforzo técnico de maneira maxistrar, mais a efectividade quedou polo camiño. Un golpe ao aire fascinante. Antía golpeaba para entrar no terceiro golpe. Estaba coa billarda a menos de 10 metros da entrada. Ben, tampouco puido ser. Volvían a deixar a Álvaro que decidise. Golpeou por terceira vez o de Gharaboto e desta vez entrou. Chefa tiña que golpear a última, pero desde medio campo. Non logrou entrar a de Bueu. Todo estaba decidido para a terceira posición do podio, sería para Álvaro.
Agora quedaba decidir entre Bego e Charri quen sería o vencedor/a. Bego golpeo primeiro e deixou a billarda a 10 metros do varal nunha posición inmellorable. Pois ben, o mexicano de Beluso despois de pedir o apio das afeccionadas e afeccionados que presenciaban a gran Final, foi quen de superar o gran golpe da súa compañeira de equipo. Espléndido.
Categoría Absoluta: 1º-CHARRI, 2ª-BEGO, 3º-ÁLVARO.
Categoría Feminina: 1ª-ANTÍA, 2ª CHEFA, 3ª-AINHOA.
Categoría Infantil: 1º-XIÁN, 2ª-SOFÍA, 3º-GAEL
As Clasificación xerais están de momento moi apertadas. Isto é, na Categoría Individual Absoluta, Ricar e Xan comparten o liderado con 41 ptos, seguidos por Álvaro e Novas con 39 ptos, con 37 Juanchi, con 36 Charri e Antía, Taxeiro con 34, Bego e Álbino Veiga con 32 cerran as dez primeiras posicións.
Na Categoría Individual Feminina, Antía vai primeira con 34 ptos, seguida de Bego con 32, Ainhoa e Sanny con 27, Mónica Padín e Chefa con 26, Lu e Tania con 25, Machi con 24 e Yolanda con 21 completan as dez primeiras prazas.
Na Categoría Individual Infantil, Antía 36 ptos, Aldara 20, Xián 16, Brais 14, Sofía 13, Gabriela 12, Gael 10, Ían 10 e Marco 8 ocupan as primeiras posicións da Xeral. Vai estar unha sensacional Liga nesta categoría, pois, Antía vaille poñer as cousas difíciles ao Raio, quen deberá remontar os ptos que lle sacou a de Gharaboto na primeira xornada na que o de Lúa non xogou. Ademais, Antía evolucionou o seu golpe e a día de hoxe está para disputar todos os Títulos aos que opta, tanto Feminino, Infantil como Absoluto. Está progresando de maneira prodixiosa e os seus límites… quen os coñece?
Na Categoría Equipos, Corredoiras 148 ptos alcanza o liderado despois de toda a temporada pasada sen ocupar esa posición. Regresou o equipo Vermello do tunel escuro de resultados que atravesou a temporada pasada. Ganou a xornada e agora supera nun punto a Gharaboto. Si, non é nada, pero o efecto psicolóxico é importante. Por vez primeira despois dun ano, o equipo de Bueu sitúase como líder e con xogadores clave en gran forma. Ricar comparte o liderado individual, Novas, Charri e Bego están dentro das dez primeiras prazas. En fin, esta temporada Corredoiras está en situación de acadar o Título de Liga Rías Baixas. Gharaboto con 147 ptos continúa en posición de privilexio, Lúa de Forza 141 mantense cerca dos dous grandes candidatos. Valpaços 123 ptos é un equipo reforzado e con intención de manterse o máis cerca posible do terceiro posto do podio. Armadiña 101 ptos ocupa a quinta posición e busca esa cuarta praza que dá dereito a disputar a Fase Final da Liga Galega de Billarda o último sábado de xuño 2025. Paquete Pinchas con 37 ptos e Rinoceronte con 33 ptos cerran a Xeral. O equipo negro dos Paquete é unha lenda do Sur e merece estar na loita polo podio, todo vai ser cuestión dos reforzos que incorporen de aquí a fin de ano.
Na Categoría Equipos F, Gharaboto F volveu ganar a xornada e confirma o seu liderado con 111 ptos. Armadiña F está sendo a gran sorpresa da categoría e ocupa a segunda posición empatado con Valpaços F con 92 ptos. Esta categoría, históricamente foi unha loita entre a escuadra morada de Vigo e o superequipo de Marín, Gharaboto F. Repártense os títulos Rías Baixas entre os dous equipos. Ningún outro equipo estivo cerca ou cando menos perto, a distancia sempre foi sideral entre estes dous equipos e o resto. Pois ben, semella que Armadiña F conseguiu armar un equipo F para ser alternativa a este binomio. As sete do equipo celeste de Combarro mete medo ou asusta, Ainhoa, Sanny, Machi, Catu, Rosana, Mónica Moreira e Laura. Quizais o Título son palabras maiúsculas, xa que, está Gharaboto F, non obstante, a segunda posición do podio pode disputarlla a Valpaços F. En definitiva, hai Liga e da boa.
FOTOS
VINDEIRA XORNADA
5 OUTUBRO
MARÍN