O ruxido da Panteira, Berdillo levouse a Copa enteira
A Copa de Billarda celebrouse en Bueu cun tempo espléndido e nunhas instalacións magníficas, as do Campo Municipal de Fútbol de Bueu. A representación do Noroeste chegou coa ilusión renovada e sabendo que a Copa sempre tivo un ganador Noroeste. Pois ben, a tradición continúa e por terceiro ano consecutivo o campión foi un xogador chegado do Norte. Desta vez, a Panteira de Cerceda, Berdi, levouse a vitoria e dun xeito incontestable. Moitas veces, nesta arte deportiva da Billarda para ganar hai que contar co ingrediente da fortuna cando o golpe na billarda non é o mellor. Case sempre, cando non se dá un bo golpe, hai que rezar para que o contrario tampouco teña acerto. A miúdo, son demasiados momentos de tensión como para ter unha porcentaxe de acerto no golpe do 100%.
O relato está ben tirado, mais nesta ocasión, Berdi rachou con todas estas especulacións analíticas. O Amado Líder non fallou golpe, ou dito en modo positivo, deu 8 golpes perfectos. Os oito golpes que precisou para completar as 5 carreiras da Copa. 3 carreiras en fase de grupos con 2 varados, ou sexa metendo a billarda nun único golpe, e a última carreira entrando no segundo golpe. E ollo, nesta terceira carreira deixou a billarda a 1 metro da liña de varal. Nas dúas carreiras da Final a 4, Berdi volveu entrar en 2 golpes. Fantástico, portentoso, memorable e prodixioso o desempeño de Berdi. Algo imposible de superar, nin se acaso igualar ou acercárselle. Podemos afirmar que a perfección no golpe da billarda é algo similar ao que realizou Berdi o sábado na Final da Copa de Billarda.
O Grupo 1 foi dominado por Berdi desde o primeiro golpe ata o último. Así, a primeira carreira foi magnífica a nivel colectivo. Berdi entrou cun Berdillazo dos seus e Antía entrou en dous golpes. Ricar e Irene entraron no terceiro e último golpe. A cousa comezaba cun nivel elevado. Na segunda carreira, de novo un Berdillazo deixou a todos e a todas co asombro nas tripas e o abraio nas pernas. Antía e Irene quedaron confundidas pola desmostración de Berdi e non conseguiron entrar coa billarda no varal. Como Ricar entrou no segundo golpe aínda había posibilidades matemáticas para o xogador de Corredoiras de igualar a Berdi. Debería facer un varado na última carreira e rezar para que Berdi estragase os seus 3 golpes. Non sucedeu e os dous entraron no segungo golpe. Irene e Antía non entraron. Berdi metíase na Final con 8 ptos, Ricar foi segundo con 5, Antía quedou con 2 ptos e Irene cerrou o grupo cun punto.
O Grupo 2 estivo moi igualado e ata o último golpe da última carreira non se decidiu. Na primeira carreira tanto Xan como Bego e Novas entraron no segundo golpe. Na segunda carreira Xan volveu a entrar no segundo golpe e Novas conseguiu entrar no terceiro. Bego non entrou. Desta maneira quedaba todo por decidir para a terceira carreira. Xan estaba con 4 ptos, Novas tiña 3 ptos e Bego 1 pto. Isto indicaba a igualdade e que nesta terceira carreira calquera dos 3 podía pasar á final. Non deu opción Xan ao entrar no segundo golpe e Novas non ser quen de facer varado. Así, a cousa mantívose co xogador de Lúa de Forza Sanxenxo cun punto máis que o de Corredoiras Bueu. Entón, Xan accedía á Final.
No Grupo 3 Enrique empezou moi forte e meteu a billarda no segundo golpe. Bonxe non acertaba coa entrada do varal e mandaba a billarda fóra de fondo. Ainhoa e Aldara non deron entrado nesta primeira carreira. Na segunda carreira de novo Bonxe manda a billarda fóra de fondo, cousa que aproveitaron tanto Enrique como Ainhoa para facer 2 ptos. O xogador de Billarda Río Miño fixo 1 ptos e Aldara de Gharaboto tamén. Na última carreira tanto Bonxe como Aldara debían facer un varado para ter a posibilidade de empatar con Enrique, sempre que este non puntuase nesta terceira carreira. Ainhoa tiña máis cerca o pase á Final, debería facer 2 ptos máis que Enrique para empatar con el. Ben, Enrique e Ainhoa fixeron 1 ptos cada un e nin Aldara nin Bonxe conseguiron meter a billarda no varal. Enrique de Campo da Feira avanzou ata a Final.
No Grupo 4 Abel Regueiro comezou coma unha fera e conseguiu 2 ptos. Migui tamén levou puntos ao seu marcador nesta primeira carreira, concretamente 1 pto. Tanto Luís Camiña como Tania non deron entrado. Na segunda carreira Abel e Luís Camiña entraron no último golpe achegando 1 ptos aos seus marcadores. Deste modo, chegaban á última carreira Abel con 3 ptos, Migui 1 pto e Luís Camiña 1 ptos. Camiña e Migui tiñan que acadar 2 ptos máis que Abel para polo menos empatar con el. Vaia, e Tania tiña que facer a proeza de meter un varado. Tanto a de Valpaços como Migui e Camiña tamén debían rezar para que a Panteira Abel non entrara. Este última premisa cumpriuse, Abel non deu chegado en 3 golpes a meter a billarda no varal, pero nin Tania fixo varado, nin Camiña nin Migui conseguiron 2 ptos máis que Abel. Conclusión, Abel metíase na Final.
Na Final, Berdi continuou coa súa exhibición e entrou en 2 golpes nas 2 carreiras. Dos demais, só Xan foi quen de puntuar, 1 pto. Abel Regueiro e Enrique non deron puntuado. Desta maneira, na segunda e última carreira aínda estaba todo por decidir. Iso si, debía fraquear Berdi. Circunstancia que non sucedeu. Berdi estaba intratable e despois de que Xan entrara con 2 ptos só tiña que acertar co seu segundo golpe para proclamarse campión. Deixou a billarda tan cerca da entrada do varal no primeiro golpe que o triunfo estaba na súa man e no seu palán. Berdi rebentou a billarda contra a herba artificial para levarse a Copa 2024. Tanto a Abel como a Enrique treméronlle as perniñas e non deron puntuado. Daquela, o terceiro posto decidiríase nun golpe de desempate entre os dous. Abel foi máis efectivo e logrou subir ao podio.