Martes, Decembro 10, 2024
ActualidadeXornada

Comezou a Liga Galega de Billarda

O sábado 7 de setembro disputouse a primeira xornada na Conferencia Rías Baixas. A tarde magnífica e o terreo de herba artificial do campo de fútbol de Monte da Vila no Grove foron testemuñas do empuxe co que chegan as palanadoras e palanadores a esta nova temporada 2024-25. Si, un total de 7 equipos e 65 xogadores/as durante 2 horas e 15 minutos intentaron levar as billardas o máis dereitas posible cara ao varal, en voo rasante algunha das veces e en voo alto noutras das ocasións. Finalmente, estas foron as puntuacións acadadas.

O primeiro líder individual Absoluto é o Apalpador Luís Camiña de GHARABOTO con 22 ptos, a segunda e terceira posición son para Antía (GHA) e Xan de LÚA DE FORZA Sanxenxo, con 21 ptos. Despois, aparecen Novas e Ricar, os dous de CORREDOIRAS Bueu con 20 ptos e con 19 Álvaro (GHA), Charri (COR), Chichí (GHA), Malvido (COR) e Sergio (LÚA). A primeira líder Individual Feminina é Antía con 21 ptos seguida de Bego (COR) con 18 ptos, Sanny (ARM) sitúase despois con 16 ptos e con 14 ptos están Elena (GHA), Lu (LÚA) e Tania (VAL). Na Individual Infantil Antía (GHA) lidera con 21 ptos seguida de Aldara (GHA) 10 ptos, Brais (VAL) e Gabriela (VAL) con 7 ptos os dous. En equipos tanto na categoría A como na F, Gharaboto empezou dominando.

A distancia entre os grandes equipos da categoría non é moita, apenas 8 ptos entre o líder GHA e o terceiro LÚA. COR está a 3 ptos do equipo de Marín. Valpaços con 62 ptos parece o equipo destinado a obter a cuarta praza que dá dereito a participar na Fase Final da Liga Galega de Billarda que se disputará o último sábado de xuño en Compostela. Armadiña apostou esta temporada moi forte pola categoría de Equipos F e sitúase en terceira posición moi cerca de VAL F. Esta categoría está comandada por GHA F con 57 ptos, 49 ptos ten VAL F e 46 ARM F. Este ano veremos se algunha destas escuadras lle discute o Título a GHA F.

O podio da xornada quedou desta maneira: En Individual Absoluta 1º-BENI 2º-RICAR 3º-XAN En Individual Feminina 1ª-ANTÍA 2ª-BEGO 3ª-LU. En Individual Infantil 1ª-ALDARA 2ª-GABRIELA 3º-BRAIS.

FOTOS

PRÓXIMA XORNADA

21 SETEMBRO SANXENXO

Na Conferencia Noroeste a inauguración da Liga Galega tivo lugar no campo de fútbol de Pastoriza, Arteixo. Un total de 8 equipos e 63 xogadoras/es compareceron para xogar na herba sintética de Pastoriza. Ben, a cousa tivo un heroe inesperado. O Amado Líder Berdillo que atravesou a temporada pasada o calvario da moción de censura que puxo en dúbida o seu liderado no equipo, está de volta. Non é Berdi de manifestacións contundentes, aínda que desta vez, debido a tanta presión que sufriu aproveitou para desafogarse ben. Deixou esta mensaxe nas súas redes sociais, “Hoxe din co palán na mesa para que algún usurpador de liderados do equipo saiba quen é o líder dos cochiqueiros “. Mensaxe con carga de profundidade moi ben dirixida.  O Berdillazo volveu a sobrevoar os ceos galegos. Ademais de conseguir 25 puntazos a Panteira de Cerceda sacou da manga un dos seus famosos Berdillazos para conseguir un varado supersónico. Aí quedan as puntuacións.

Así queda a Xeral Individual Absoluta despois de sumar os puntos desta primeira xornada. Están palanadores que van loitar polo título. Non houbo ninguén que dera unha sorpresa extraordinaria, se acoso, sorprende a elevada puntuación de Berdi para unha xornada xogada en exterior. Xa non é tanta sorpresa que as Panteiras teñan 5 xogadores entre os 11 primeiros postos. APB comezou moi ben e sitúa a 3 xogadores nestas prazas de privilexio. FEI aínda cunha actuación normaliña, pois só sitúa a 2 xogadores nos primeiros postos, sitúase na Xeral de equipos a tan só 7 ptos de COQ e 1 ptos por diante de APB. Bonxe xa se sitúa nos postos de privilexio e se acude a todas as xornadas vai ser un dos firmes candidatos.

En canto á categoría feminina, Irene, a actual campioa Noroeste, volveu demostrar que é a xogadora a derrotar. Chus conseguiu os mesmos 11 ptos que Irene e as 2 panteiras encabezan a Xeral. Rosi de APB pode ser a sorpresa e con 10 ptos ocupa praza de podio. Veremos como evoluciona a xogadora da Laracha.

ACTAS

O podio da xornada quedou desta maneira: Individual Absoluta 1º-BONXE 2º-ANGEL 3º-RICARDO. En Individual Feminina: 1ª-IRENE 2ª-CHUS 3ª-ROSI. En Individual Infantil, 1º-Roy Torres 2º-Santi 3º-Aleixo.

FOTOS

PRÓXIMA XORNADA

29 setembro

PRÓXIMO EVENTO TELEVISADO POLA TVG2

Despois de disputarse as 2 xornadas a clasificación para a COPA XUNTA DE GALICIA DE BILLARDA que se xogará o vindeiro sábado 14 de setembro no Campo de fútbol municipal de Bueu, está completa. Así queda o cadro de competición da COPA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *