OS EQUIPOS DA LIGA GALEGA DE BILLARDA 2024-25
Xa está todo a punto para comezar a voar as billardas. A primeira estación será mañá sábado no Grove. O campo de fútbol Monte da Vila será escenario da inauguración da nova temporada da LIGAL (Liga Galega de Billarda) na Conferencia Rías Baixas.
LGB NOROESTE
Nesta nova temporada competirán 15 equipos distribuídos en 2 conferencias, Noroeste e Rías Baixas. Serán 18 xornadas en cada unha delas. Esas 18 xornadas xogaranse en 13 concellos, 12 concellos da provincia da Coruña e 1 concello da provincia de Lugo. Pertencentes ás comarcas da Coruña, Bergantiños, Ordes, Terra de Soneira, Ferrolterra, Eume e Terra Chá. Serán 8 equipos os que formen a Conferencia Noroeste co obxectivo de buscar o Campionato e tamén o Título da LGB que se disputará na Fase Final o último sábado de xuño de 2025.
O actual campión Noroeste, Campo da Feira, terá un rival de altura esta temporada nas Panteiras de Cerceda que o ano pasado deron a sorpresa na Fase Final levándose o Título. Ao mesmo tempo, a Canariña da Terra Chá, Billarda Río Miño, como actual campión galego por equipos tamén opta a discutirlle o Título ao equipo da Feira, dominador absoluto do Noroeste. APB A Laracha, o único equipo que lle que quitou un título ao equipo de Paiosaco na temporada 2022-23, xa non ten o mesmo nivel daquela temporada. Aínda así, se consegue xuntar aos seus milenials coas vacas sagradas e que todos acudan a xogar nese horario de domingo pola mañá, pois, o equipo larachés será capaz de estar moi arriba na xeral. Os demais equipos farán o que poidan ou máis. Estes son os equipo NOROESTE co seu cadro completo de xogadores e xogadoras.
LGB RÍAS BAIXAS
As 18 xornadas de LGB nas Rías Baixas disputaranse en 12 concellos da provincia de Pontevedra, das Comarcas de Vigo, Pontevedra, O Morrazo e O Salnés. Un total de 6 equipo competirán polo Título. A primeira xornada será mañá sábado ás 17 horas no Grove.
Na Conferencia Rías Baixas, Gharaboto parte de novo como gran favorito para rivalidar o Título da temporada pasada. Corredoiras e Lúa de Forza parecen as outras opcións para ocupar o pódio. Non obstante, Valpaços rematou a temporada pasada moi forte e veremos se cos reforzos deste ano conseguen acercarse aos 3 grandes da categoría. Armadiña, Rinoceronte e Paquete Pinchas son equipos máis modestos que xa se verá ata onde poden chegar.