Venres, Decembro 13, 2024
ActualidadeXornada

COMEZA A TEMPORADA 2024-25

Os Calendarios están nesta web dentro da etiqueta Liga Galega de Billarda 2024-2025 para consultar durante todo o ano de competición. Todo preparado na Liga Galega de Billarda para comezar a nova temporada 2024-2025. Os equipos apuran as últimas fichaxes. Nesta nova temporada inscribíronse 15 equipos distribuídos en 2 conferencias: Noroeste e Rías Baixas. A temporada comeza nas Rías Baixas o sábado 7 de setembro.

Na Conferencia Rías Baixas a temporada iníciase coa novidade dun novo equipo. Paquete Pinchas (4 licenzas) foi un equipo histórico da desaparecida Conferencia Sur, un equipo que conseguiu ser campión LNB en maio de 2009 e dominar a Conferencia durante moitos anos. Un equipo que tiña como referente ao máis grande palanador do Sur, Chupi, desagrazadamente xa desaparecido. Pois ben, Salgue, como homenaxe ao seu irmán, recuperou o equipo para competir esta temporada, coas mesmas camisetas negras e o mesmo escudo dos míticos Paquete Pinchas. Despois, teremos aos únicos 3 equipos que foron campións das Rías Baixas, encabezados por Corredoiras (10 licenzas) con 9 títutos e que volve ser o gran candidato a o triunfo final. Gharaboto (27 licenzas) con 2 títulos volve ser un candidato moi serio e co cadro máis numeroso de toda a Liga Galega. Lúa de Forza (14 licenzas) ten 1 título de conferencia e vai intentar estar á altura dos 2 equipos do Morrazo, mais cremos que non ten o potencial deles e vai ter que esperar que O Raio Verde ilumine o camiño ao podio. Valpaços Terra Quente (16 licenzas) reforzou o cadro con xogadores e xogadoras inexpertos que van necesitar tempo para poder achegar puntos ao equipo. De todas as maneiras o equipo morado está facendo ben as cousas para garantir o crecemento do equipo. Armadiña (20 licenzas) volve con forza e coa sección infantil máis poderosa de toda a Liga Galega de Billarda. Ata 9 licenzas infantís presentou o equipo celeste. Está claro que fortalecer o equipo desde a base é o plan estratéxico do equipo de Combarro, ademais de apostar pola presenza feminina. Estes ingredientes son garantía de éxito, presente e futuro. Rinoceronte (4 licenzas) é un equipo incombustible e feroz. Aberto a novas incorporacións agora están buscando xogadores no mercado da quimbumbia cubana.

 

No Noroeste comeza a Liga Galega de Billarda o domingo 8 de setembro en Arteixo, Pastoriza. Campo de herba artificial que vai soportar o peso dos corpos e das billarda.

De novo no Noroeste Campo da Feira parte como principal candidato a revalidar o Título. Cochiqueiros formou unha escuadra que vai a por todo. A temporada pasada deu a sorpresa facéndose co Título de Equipos na Fase Final e agora busca un Título que nunca tivo tan cerca o da Conferencia. Este título é máis difícil que o que acadou o equipo de Cerceda a temporada pasada. Xa que, a Fase Final permite que calquera equipo teña opcións, pois un día bo teno calquera. Outra cousa é manter unha regularidade en 18 xornadas. Veremos se as Panteiras conseguen manter o tipo durante 10 meses. APB mantén a estrutura da temporada pasada case ao completo, pois perde a Collazo que se foi a Foucellas. Así, o equipo hemorráxico se consegue presentar a cada xornada aos seus xogadores máis valiosos vai ter opcións de título, senón vai penar nos postos do fondo na táboa e terá que sufrir para acceder á Fase Final. Filloas de Sangue conta de novo co seu equipo de luxo e veteranía complementado con indomable Valentín quen xa non é infantil e seica neste verán pegou un estirón importante e a camiseta quedou pequena de máis. Foucellas da Billarda reforzaron o cadro de xogadores coa fichaxe estelar de Collazo. Veremos se o impulso dun dos xogadores máis laureados do Noroeste axuda a dar un salto de calidade ao equipo. O obxectivo dos foucellas é entrar nesas 4 prazas que dan acceso á Fase Final da Liga Galega de Billarda. Río Miño é o equipo que máis se reforzou. O investimento da Canariña da Terra Chá pretende consolidar un proxecto e porque non dar a sorpresa. Non se vai contentar con triunfos parciais, aspirará ao máis alto do podio final. Isto é, o Título Noroeste. Sempre que acuda a todas as xornadas cun mínimo de 5-6 xogadores pensamos que pode estar na loita do podio, conseguir o Título é un obxectivo complicado, mais verase e contarase se a cor amarela tinguirá o Noroeste ou non. Billardeiros Musicais está na mesma situación que Río Miño, ten un potencial para disputar o Título de Equipos, non obstante, dependerá se son quen de presentarse a todas as xornadas cun número suficiente de xogadores/as para puntuar en todas as xornadas de maneira suficiente. O terceiro equipo da provincia de Lugo, Chaínzos-Cadaval ten o inconveniente que non van presentarse a todas as xornadas, entón, non van ter alternativa para optar ás primeiras posicións da xeral.

En fin, unha nova temporada que comeza marcada polo auxe das Panteiras, polo debilitamento de APB, pola fortaleza e resistencia de Campo da Feira, polo aguante e solidez de Filloas, pola alternativa sólida e de futuro de Río Miño, pola incógnita do rendemento de Foucellas e polo efecto que terán as aparacións puntuais de Billardeiros e Chaínzos-Cadaval.

APB incribiu 13 licenzas adultas e 4 infantís, BMU incribiu 13 licenzas adultas e 1 infantil, CAV inscribiu 8 licenzas adultas e 1 infantil, COQ 21 adultas e 4 infantil, FEI 18 adultas e 4 infantil, FILL 14 adultas e 5 infantil, FOU 6 adultas, MIÑ 17 adultas e 6 infantil.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *