Venres, Setembro 20, 2024
ActualidadeXornada

Liga Galega de Billarda 2024-2025 e Torneo Aberto Billarda de Marín

Esta fin de semana xogouse o Aberto de Billarda das festas de Marín no Campo de Fútbol de Seixo. A tarde quedou para usar protector solar e moita hidratación. As xogadoras mostraron o seu talento para pinchar as billardas e a súa resistencia á radiación UVA. As billardas pola súa parte, estiveron moi correctas, só se movían cando eran golpeadas, iso si, amosando sempre a vontade de voar cara ao varal se cadraba e coincidía ou se lle acaía ben.

Luís Camiña do equipo organizador Gharaboto fixo entrega, en nome da FG DEPAU Modalidade Billarda, dun recoñecemento ao presidente do Centro Recreativo, Cultural e Deportivo de Seixo, Vicente Iglesias, que sempre mostrou a súa disposición para que a Liga de billarda poida usar as instalacións do campo nas xornadas que xoga como local o equipo de Marín.

Agradecemos tamén a presenza de José Luís García Portela coa súa cámara para inmortalizar unha cronoloxía e unhas imaxes irrepetibles.

O podio final estivo ocupado por Salgue (que anunciou que formará parte do novo equipo PAQUETE PINCHAS que competirá na Conferencia Rías Baixas na temporada 2024-2025), que ganou o Torneo, segundo foi Luís Camiña do equipo local Gharaboto e terceira foi Lucía de Valpaços Terra Quente de Vigo.

 

O sucedido xa é historia e o que está por acontecer é futuro próximo cercano. Si, a nova LIGA GALEGA DE BILLARDA está en camiño. O Comité Técnico de Billarda, en reunión do pasado venres 26 de xullo, acordou o novo calendario e a nova denominación de LIGA GALEGA DE BILLARDA. Esta liga comezará a primeira fin de semana de setembro de 2024 e rematará o último sábado de xuño de 2025. As novidades para esta vindeira temporada son que participarán 13 clubs de billarda e 15 equipos, pois algún club presentará equipo filial. A LIGAL estará formada polas Conferencias Noroeste e Rías Baixas. Cada conferencia disputará 18 xornadas, ao remate das cales haberá Campións e Campioas de Conferencia. Despois, disputarase a Fase Final da LIGAL o último sábado de xuño, da cal sairán as Campioas e Campións da LIGAL 2024-2025 nas diferentes Categorías de Individual Absoluta, Individual Feminina, Individual Infantil, Individual Varados, Equipos A e Equipos F.

Ademais, están programados varios Torneos e Campionatos Oficiais durante a temporada. Así o 14 de setembro de 2024 en Bueu será o momento para a Copa Xunta de Galicia de Billarda televisada pola TVG2. Despois, o 5 de abril de 2025 celebrarase o Campionato Galego de Billarda. A finais de abril 2025 será o momento da Super Copa de Billarda televisado pola TVG2, e finalmente en xullo xogarase o Campionato de Seleccións de Billarda, tamén televisado pola TVG2.

Quen estea interesada e interesado en competir na LIGA GALEGA DE BILLARDA pode escribir a billarda@billarda.gal. Hai dúas maneiras de participar nesta liga, a primeira é crear un Club deportivo de billarda e solicitar a participación na LIGAL, a segunda forma é xogar con algún club de billarda xa existente. Entón, comunícate con nós que practicar billarda retrasa a oxidación celular e protexe contra o frío en verán e contra o calor no inverno e viceversa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *