Venres, Setembro 20, 2024
ActualidadeXornada

CAMPIONATO DE SELECCIÓNS

O 3º Campionato de Seleccións de Billarda disputouse na praza do concello de Carballo. Era aproximadamente despois do xantar, ese momento chamado a tarde. O serán quedaba lonxe e o sábado estaba mediado. Non parecía xullo, pois, esas 16 horas da tarde tiñan auga nos pés e na roupa. Esta circunstancia non foi inconveniente, obstáculo, impedimento nin atranco para que as seleccións Norte e Sur resolveran as súas contas sobre as baldosas do campo de xogo. A partir das 16:30 a TVG conectaría en directo a través da súa web. Chovía miúdo e persistente. Pareceu cousa de encantamento, xa que, a partir das 16:30 o ceo aguantou as ganas de mollar e o Campionato desenvolveuse con normalidade. Os 2 Campionatos anteriores daban un saldo de empate a un. No ano 2022 ganara a Selección Sur o no 2023 fora a Selección Norte a que se levara o triunfo. Daquela, estaba claro e meridiano que o desempate ía desaparecer ao remate do Campionato e así foi, para sorpresa daquelas persoas antisistema, antisistema numérico decimal.

4 grupos con 2 compoñentes do Sur e 2 compoñentes do Norte en cada un deses 4 grupos. 4 Carreiras a xogar e 3 golpes para entrar no varal. Entrar no 1º golpe eran 3 ptos, entrar no 2º eran 2 ptos e entrar no 3º sería 1 pto.

O comezo do SUR foi un presaxio do que ía acontecer no enfrontamento. Así, unha vez finalizada a primeira carreira do primeiro grupo Piru e Antía poñían un 5-0 no marcador a favor do SUR, pois Mercedes e Miranda non conseguiron subir puntos ao peto do NORTE. A partir de aí, o NORTE xa non podería dar alcance na puntuación ao SUR. Todo o máis cerca que estivo o NORTE de alcanzar ao SUR foi despois de xogarse a sétima carreira, momento no que a distancia do SUR era só dun punto. Todo resultou ser un querer e non poder. O resultado final deixa poucas lagoas interpretativas e menos dúbidas razonables.

Unha análise profunda das puntuacións achéganos unha pintura mural do sucedido sobre o campo de xogo. A Selección SUR ganou co pragmatismo de entrar no último golpe en 9 das carreiras, ganou coa solvencia de entrar no segundo golpe en 6 das carreiras e ganou coa excelencia de entrar no primeiro golpe en 3 carreiras. E incluso ganou coa decepción de non entrar en 14 carreiras dun total de 32. Isto significa que ganou puntuando no 56% das carreiras xogadas. Pola contra, os números do NORTE son algo peores. Desta maneira, o NORTE entrou no último golpe en 7 das carreiras, entrou no segundo golpe en 4 das carreiras e entrou no primeiro golpe en 2 carreiras. En 19 das carreiras non puntuou. Así, perdeu cun 41% de carreiras puntuadas.

Esmigallando máis os resultados, e para que tomen nota os cadros técnicos das seleccións para corrixir posibles deficiencias na súa estratexia de xogo e tamén, obviamente, no proceso de selección das xogadoras e dos xogadores, imos dar números por categorías e xogadoras/es. Os representantes da Categoría Absoluta do NORTE achegaron 15 ptos e os do SUR 20 ptos. A Categoría Feminina do SUR fixo 3 ptos por 1 pto das representantes do NORTE. Na Categoría Infantil, o NORTE conseguiu 5 ptos e o SUR 7 ptos. Resumindo, a vitoria do SUR foi rotunda.

Agora, queda un ano por diante para que o seleccionador do NORTE Fuentes, reflexione, analice, sintetice e finalmente, non lle trema o pulso á hora tomar decisións difíciles, mais necesarias. No SUR, pola contra, a seleccionadora Marisa está vivindo un dos momentos máis felices da súa traxectoria. Despois de coller á Selección SUR tras a derrota humillante do Campionato 2023, Marisa revitalizou unha selección decaída. Grande Marisa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *