Álvaro Otero ganou, as Panteiras non, en Sanxenxo, onde a billarda é canción
O equipo recentemente Campión da Liga Atlántica de Billarda 2023-24, Cochiqueiros da Billarda de Cerceda, foi o verdadeiro animador do Torneo Aberto de Billarda (TAB) de Sanxenxo. O equipo de Cerceda chegou pola mañá a Portonovo e pasou máis dunha hora asinando autógrafos no paseo de Baltar, antes de sentarse a comer nun restaurante de primeira liña de praia de Silgar. Centos de turistas rodearon o local de restauración ao recoñecer as camisetas das Panteiras. Desta vez viaxaron, Abel, Berdi, David, Silvia, Chus e Esther. Unha aliñación moi solvente, ilustre e destacada. Pois ben, xa pola tarde no campo de billarda de Nantes, nin a nova estrela dese primeiro título, que resplandece na Camiseta Rosada, foi quen de superar a media luz da Lúa nin a potencia do Raio.
As Panteiras quedaron en segunda posición, por detrás de Lúa de Forza Sanxenxo, e terceiro foi Valpaços Terra Quente de Vigo. Certo que os equipos utilizan estes torneos máis para planificar a nova temporada 2023-2024 que comezará en setembro que para buscar os mellores resultados. Non obstante, Cochiqueiros con esa primeira estrela na camiseta debe sempre competir para honrala e iso foi o que fixo en Sanxenxo. Por equipos quedou en segunda posición, só por detrás da escuadra local Lúa de Forza. E ademais meteu a 2 xogadores, Berdi e Abel Regueiro na Final a 6 da Categoría Individual Absoluta. Iso si, non puideron ocupar postos de podio.
Nas Categorías Individuais, os ganadores foron Álvaro Otero de Gharaboto de Marín en ABSOLUTA e Tania dos Reis de Valpaços en FEMININA. O podio Absoluto completouno Martín Caneda de Lúa en segunda posición e o Raio Verde Xián en terceira posición. Belmira de Valpaços foi segunda en Categoría Feminina e Lu Torres de Lúa quedou terceira.
FOTOS
PRÓXIMO EVENTO DE BILLARDA