Xoves, Outubro 3, 2024
ActualidadeXornada

No Torneo Aberto de Billarda de Paiosaco, o Raio Verde meteu as cereixas no saco

Novena edición do Torneo Aberto das Cereixas e apoteósica irrupción da rapazada. Non hai límites para o entusiasmo, nin valados que deteñan a ledicia de xogar billarda. Certo que coa infancia nas pernas e a xuventude nos brazos é máis doado exteriorizar eses sentimentos de maneira espontánea e inocente. Carreiras e brincos sobre os pedregullos e a grava, billardas pinchando a terra de Paiosaco e a espada do palán fedellando na madeira.

Si, o espectáculo foi grandioso e centos de persoas curiosas contemplaron o fenómeno paranormal e sobrehumano de poñer en órbita un pau camiño do infinito e sen usar ningún combustible nese desprazamento aéreo.  Hai un efecto hipnótico invisible que atrae a calquera persoa a deixarse quedar abraiada e obnubilada cando contempla o xogar doutros seres vivos.

Ben, tanto o Concello da Laracha (estiveron no acto de entrega de trofeos o alcalde José Manuel López Varela e a concelleira de Deportes Patricia Bello Canedo), como o equipo anfitrión de Paiosaco, Campo da Feira, son os artífices deste Aberto que xa ten 9 anos nas costas e, ademais, serve como viveiro para futuros xogadores e xogadoras de billarda. Este é o caso de Esther que xogou por vez primeira e sabemos de boas e potables fontes que un equipo xa lle botou as redes. Converterase en panteira? A metamorfose de Esther non vai ser complicada, sobre todo tendo en conta a cor da camiseta coa que xogou.

Por certo, as cereixas estiveron presentes, primeiro nas caixas e despois no bandullo de participantes e espectadores. Incluso, algún palanador usou as vitaminas e aminoácidos que as cereixas introducen no organismo como propulsor muscular en pleno campo de xogo. Isto quere dicir que tiña unha caixa de cereixas ao seu lado para nutrirse cando a ocasión se presentase.

Os golpes comezaron a soar e as billardas a cantar. Os 6 grupos disputaron 5 carreiras. Despois, as catro mellores puntuacións de cada grupo disputaron a semifinal. Seguido, a final a 6 celebrouse con Xián, Juan Carlos, Lucas, Valentín, Óscar Ponte e Lu. Pois ben, a final foi dun nivel extraordinario. Con dicir que houbo que entrar en 2 golpes para ter opcións de podio xa está todo comprendido. O ganador foi o Raio Verde, que deixou un Ohhhhh !, no aire cando lle mandou un golpazo estratosférico para traspasar o varal dun só golpe e sen que a billarda tocara o chan ata pasados polo menos 10 metros. En fin, un Raio brillou sobre a tarde soleada de Paiosaco. A segunda e terceira posición decidiuse cun golpe de desempate entre Juan Carlos, Lucas, Valentín e Óscar Ponte, xa que os 4 entraron en dous golpes. De novo, algo sorprendente, inusual e fascinante. O Indomable Valentín cun varado deixou a Juan Carlos en terceira posición e coa boca aberta e os ollos arregalados.

Resumindo, En Categoría Absoluta ganou O Raio Verde Xián, segundo foi Valentín e terceiro Juan Carlos. En Categoría Feminina ganou Lu, segunda foi Mercedes e terceira Esther. En Categoría Infantil foi primeiro Lucas, segundo Xoel e terceira Lidia.

Sinalar que o Subcampión da Liga Atlantica de Billarda 2023-24 o Campión, que participaron no Aberto, non foron quen de chegar nin tan sequera á final. Tal vez, a gloria os empachou ou simplemente que a cativada acércase coa ferramenta invencible da creatividade, si, esa que transforma o mundo de xeito imparable.

FOTOS

 

VINDEIRO ABERTO DE VERÁN

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *