COCHIQUEIROS Campión LIGA ATLÁNTICA DE BILLARDA 2023-24
O día 30 de xuño será lembrado pola fazaña das Panteiras de Cerceda. O Club Cochiqueiros da Billarda fixo historia. Por vez primeira, un equipo Noroeste gana a Liga Atlántica de Billarda. Desde que un grupo de alegres tolos iniciou a recuperación da Billarda alá polo outubro de 2003 coa celebración do primeiro Aberto de Billarda na Anguieira (San Cosme de Barreiros-Barreiros-Lugo), seguindo pola creación da ACD o Varal no 2005 para dar soporte xurídico á Liga Nacional de Billarda LNB, celebrada no 2005-2006 e continuando polo nacemento da Conferencia Noroeste no ano 2007, nunca, dicimos ben, nunca un equipo Noroeste foi campión da Liga Nacional de Billarda. Nin tampouco, desde a temporada 2020-21 na que a Billarda é recoñecida como modalidade deportiva e se crea a Federación Galega de Deporte Autóctono, ningún equipo Noroeste foi campión da Liga Atlántica de Billarda. Pois ben, foi o apetito voraz das Panteiras e o seu proxecto de feminizar o equipo a orixe deste éxito excepcional.
Imos por partes, Cochiqueiros naceu como equipo no 2010. As primeiras temporadas foron apoteósicas de enchente de xogadores que formaron parte da franquía de Cerceda, incluso tiveron que facer 3 equipos para dar abeiro a tanta xente (naquela época cada equipo tiña un número limitado de xogadores/as). Despois dunhas temporadas de fartura chegou a fame. Foron temporadas de transitar un deserto de penuria de efectivos. Así, chegaron dúas temporadas moi difíciles e na 2018-19 e 2019-20 o equipo viuse levado a facer unha unión temporal de equipos con Malpica para sobrevivir, ata tivo que modificar o seu nome (Malpica-Cochiqueiros). Esta baixada aos infernos durou o que durou, 2 temporadas. A partir da temporada 2020-2021 o equipo transformou o seu obxectivo e os medios para acadalo. Nunha reunión de urxencia, nocturna e nun local de Cerceda o Amado líder diante da súa fiel e minguada grea tomou unha decisión transcendente e transcendental, mesmo decisiva, abrir as portas e as ventás para que Silvia, Sonia, Raquel e Irene entraran. E ben que entraron e modificárono todo. Si, a realidade non ten dous argumentos nin tres, ten un só e único, a muller cambia as cousas, transforma as accións e muda os sentimentos de calquera proxecto humano. Na temporada 2022-23 entraron dúas mulleres máis no equipo, Chus e Esther. Hai quen di que tamén a elección da cor da equipación ten algo que ver con este triunfo deportivo. En fin, todo virou e nada volveu ser o mesmo nin similar ou semellante.
Corredoiras Bueu foi segundo a tan só 2 puntiños das Panteiras. O super campión estivo a un gran nivel e como dixo Charri por un pelo dunha ra calva non se levaron o título, mais para o ano non imos ser tan bondadosos, dixo o mexicano que mellor fala galego e mellores chistes conta. En terceira posición quedou Lúa de Forza Sanxenxo que fixo o que puido, pero un imprevisto ou unha sabotaxe, veremos o que decide o Comité de Ética Alimentaria. Si, un suceso nada ético por parte dun xogador que non queremos nin podemos nomear déulle ao Raio Verde unha barra enerxética antes de comezar a xogar a final de equipos. Barra enerxética que resultou conter un forte somnífero que afectou ao cerebro do rapaz. Tivo que ser iso, pois non se entende que o Raio en 5 carreiras só fixera 3 ptos, si en 5 carreiras só entrou nunha e no último golpe. Isto non é lóxico nin ten razón de ser, nin raio que o entenda. Vaia, foi alguén de Rosa o que lle entregou ese agasallo envelenado ao inocente Xián.
A receita está comprobada e os demais equipos xa tomaron nota. “Búscanse mulleres de calquera idade para formar parte dun equipo mediocre de Billarda e transformalo nun equipo brillante de Billarda”. Este é a mensaxe que circula polas redes sociais e polas redes de taboleiros de información das casas de cultura e centros de ensino de todo o país. Exemplo do bo facer feminino é o de Antía Balea González, unha nena que medrou na barriga da súa nai mentres esta xogaba billarda polos campos de Galicia, Noroeste, Norleste e Sur. Un exemplo de que a transmisión xeracional é clave para manter a tradición de calquera actividade tradicional lúdico-deportiva. Antía ten os mesmo anos que ten a Conferencia Rías Baixas e o seu talento e destreza foi en aumento ata tal punto que a día de hoxe, con 13 anos, xa pode competir na Categoría Feminina con calquera muller senior. A clara demostración é que a xogadora de Gharaboto proclamouse Campioa na Categoría Individual Feminina e na Categoría Individual Infantil, feito que ninguén antes conseguira e que vai ser moi difícil que alguén repita, salvo que para a temporada que vén a da Adina volve ter un día prodixioso como o de onte.
Na Categoría de Equipos F, Gharaboto F de Marín non tivo maiores problemas para certificar o seu favoritismo e levouse o título con bastante facilidade. Só Valpaços Terra Quente F de Vigo estivo na trintena de ptos e así relativamente cerca da puntuación das de Marín. Na terceira posición quedou un sorprendente Armadiña F, sorprendente non porque as súas xogadoras non teñan nivel, senón porque non puido presentar o equipo completo de 4 xogadoras e ademais unha delas, que non queremos dicir o nome, non tivo unha actuación salientable. Esta xogadora dixo que o sol e as altas temperaturas afectáronlle moito (pero Machi, se choveu e a temperatura non subiu dos 19 graos, ala xa se nos escapou o nome). En definitiva, só cos puntos de 2 xogadoras conseguiron o terceiro posto do podio, despois dun desempate con Corredoiras F, que tamén con 2 xogadoras estivo magnífico.
Na Categoría Individual Infantil Antía estivo imparable. Nin Valentín de Filloas de Sangue da Coruña nin Migui de Río Miño de Castro de Rei puideron cos golpes espectaculares que realizou Antía para proclamarse Campioa Infantil. Antía foi a mellor de principio a fin da final. Na fase de grupos, conseguiu 13 ptos e só Valentín que compartía grupo con ela foi quen de seguirlle o ritmo con 13 ptos tamén. Gael con 3 ptos foi o terceiro dese grupo A e accedeu á Final. No outro grupo Xián e Migue marcaron as maiores puntuacións con 11 ptos e 9 ptos respectivamente. Hugo foi terceiro con 7 ptos e pasou á final.
Na Final Antía comezou mandando con 5 ptos na primeira carreira, Valentín entrou no terceiro golpe para conseguir 4 ptos e Migui entrou no último golpe con 3 ptos. Hugo, Xián e Gael non puntuaron. Así, a segunda carreira ía decidir quen gardaría algunha posibilidade de título para disputar a última carreira. Así foi, nesa segunda carreira só puntuaron Antía e Migui, os dous con 4 ptos. Entón, na última carreira só Antía 9 ptos, Migui 7 ptos e Valentín 4 ptos podían optar ao título. A cousa semellaba doada para Antía, mais Valentín con dous golpes magníficos conseguiu 5 ptos e empatar con Antía a 9 ptos, Migui non entrou e quedouse con 7 ptos totais. Agora faltaba por dar o seu último golpe Antía e xa sabía que se non entraba empataría con Valentín e terían que ir a un golpe de desempate. Pois ben, á de Gharaboto non lle tremeu o palán nin o brazo, un golpe soberbio deulle o triunfo, mentres Valentín miraba con atención a traxectoria da billarda de Antía voando en dirección ao Varal.
Na Categoría Individual Feminina Antía repetiu triunfo, seguida de Tania e de Ainhoa. Na Fase de Grupos as xogadoras xa mostraron as súas armas e Irene 15 ptos Tania 16 ptos e Lu 15 ptos foron as primeiras nos seus respectivos grupos A, B e C. Antía foi segunda con 12 ptos no grupo A, Ainhoa con 15 ptos no grupo B e Mercedes con 9 ptos no grupo C. Ben, as cousas estiveron bastante claras nos grupos A e B, pois pronto destacaron Irene e Antía no A e Tania e Ainhoa no B. Nestes dous grupos a última carreira non decidía nada e xa estaban clasificadas as xogadoras mencionadas anteriormente. O grupo C si que chegou á última carreira con 3 xogadoras con opcións de pasar de segunda de grupo, xa que Lu tiño o primeiro posto asegurado. Así, Mercedes sorprendeu a Chefa e Machi que ían por diante dela con 2 puntos máis. A de Campo da Feira entrou no terceiro golpe e nin Chefa nin Machi conseguiron entrar.
Desta maneira xa estaban os emparellamentos para as semifinais. Enfrontamentos de moi alto nivel competitivo. Pola parte alta do cadro de cruces Irene e Ainhoa, que obtiveran 15 ptos cada unha no seu grupo e con grandes golpes, que as levaran a entrar no segundo golpe en algunha das carreiras, pois, que podemos dicir, que a presión ambiental e interna puido con elas e nas dúas carreiras non entraron en ningunha. Así, un golpe de desempate decidiu que Ainhoa tiña que xogar a Final. Outro emparellamento foi o de Tania contra Mercedes. Aquí todo indicaba que Tania tiña máis opcións de pasar, se atendemos ao golpe bestial que ten Tania. Non obstante, o avance lento pero seguro de Mercedes levou a Tania ao límite. Na primeira carreira empataron entrando as dúas xogadoras. Na segunda carreira Tania impuxo a súa potencia e entrou en dous golpes. O último emparellamento de semifinais enfrontaba á varias veces campioa da Liga, Lu, contra a xeración do século XXI, Antía. Antía con golpes estratosféricos non lle deu opcións a Lu. A gran Final a 3 carreiras empezou cunha Antía descomunal e na primeira carreira entrou en 2 golpes. Ainhoa e Tania entraron no último golpe con 3 ptos. Na segunda carreira Ainhoa non puntuou e quedouse sen opcións de título, pois Antía fixo 4 ptos, os mesmos que Tania. Na última carreira Tania atascouse nos primeiros golpes e nada puido facer contra os poderosos e ben dirixidos golpes de Antía.
A Final Individual de Varados levou ao triunfo a Bonxe quen cun primeiro golpe estratosférico xa deixou a final decantada. No seu primeiro golpe, que tamén foi o primeiro da Final, espetou a billarda a 3 metros da entrada do varal, límite que ninguén máis logrou sobrepasar. Só Xan estivo algo perto desa marca e conseguiu o segundo posto. A terceira posición foi cambiando e nalgún momento estivo de parte de Marco, noutras de Berdi, noutras de Anxo e finalmente foi o Raio Xián quen se fixo con ela. Destacar que Xián mandou unha billarda ao psiquiátrico, isto é a máis de 50 metros, o que sucede é que na billarda ademais de potencia no golpe hai que ter precisión para dirixila por entre as varas do Varal. Unha pena.
A Final Individual Absoluta disputouse en último lugar e xuntou a 36 xogadores/as en 4 grupos de 9 integrantes cada un. Grupos elaborados con cabezas de serie e despois o resto de xogadores/as foron sorteados de xeito aleatorio. O Grupo A foi dominado por Xián con 17 ptos, Beni con 16 ptos, Mónica Padín con 15 ptos e Berdi con 13 ptos. Neste grupo coincidiron 3 infantís que xogaran a Final desa categoría. Notouse que Antía estaba esgotada de xogar pola mañá as 3 finais seguidas, infantil, equipos F e equipos A. Valentín non estivo mal, pero non lle chegou para pasar de grupo. Xián foi o que estivo máis entoado. Semella que desapareceu do seu organismo o efecto do somnífero que lle meteran na barra enerxética e xa estaba golpeando coma sempre. No grupo B, Charri dominou con solvencia e fixo 21 ptos sen baixar da moto e sen encendela. Guto e Bonxe con 18 ptos e Lu con 13 foron os outros que pasaron a fase de grupos. No grupo C Anxo con 19 ptos pasou primeiro con bastante comodidade, Óscar con 15 foi segundo, terceiro quedou Piru con 12 ptos e Luís gon con 11 pasou de cuarto. O grupo D foi dominado por Xan con 20 ptos, segunda foi Tania con 16 ptos, terceiro Enrique con 15 ptos os mesmos que Viqueira que foi cuarto.
Entón, con esas puntuacións e cos emparellamentos establecidos todo indicaba que aínda que algún dos palanadores obtivera unha puntuación moi folgada na fase de grupos ía ter que seguir no mesmo nivel se quería pasar as eliminatorias ata meterse na Final a 4. Ben, Viqueira eliminou a Xián pola vía rápida ganándolle as dúas carreiras e facéndolle un varado. Nada puido facer o Raio. Guto e Piru non entraron na primeira carreira e na segunda o de Gharaboto deixou fóra a Guto. Beni perdeu a primeira contra Enrique e ganou a segunda. Un golpe de desempate fixo avanzar a Enrique. Charri ganoulle a Luís Gon a primeira carreira e na segunda non entrou ningún dos dous. Así, Charri avanzou. Por este lado do cadro Viqueira ía disputar contra Piru unha praza na final. Emparellamento a priori moi igualado e que a posteriori confirmou esa igualdade, tivo que decidirse nun golpe de desempate quen entraba na final e foi Piru.
Enrique e Charri xogábanse outra praza na final e cos datos estatísticos e coas puntuacións da fase de grupos, todo indicaba que Charri tiña lixeira vantaxe no favoritismo. Ben, o mal de altura ou síndrome da carreira podre chega e cando chega custa moito desfacerce del. Ese síndrome que fai que os pensamentos negativos te invadan e se apoderen dos teus sentidos, chegoulle a Charri e deixouno sen acerto e sen Final. O de Corredoiras non entrou en ningunha das dúas carreiras e a Enrique chegoulle con entrar na segunda para acceder á Final.
Pola outra banda do cadro enfrontáronse Anxo e Lu. A primeira carreira resolveuse cun empate e a segunda foi para Lu e polo tanto, avanzou a de Lúa de Forza. Tania e Mónica Padín decidían outra eliminatoria con superioridade de Tania que ganou as dúas carreiras. Na parte alta dese lado do cadro quedaba unha semifinal entre dúas mulleres cousa que aseguraba unha finalista feminina. Lu e Tania decidiron o pase á final na segunda carreira xa que na primeira ningunha entrou. Tania resolveu cun gran golpe esa segunda carreira que deixou a Lu sen resposta.
Pola parte baixa Óscar e Bonxe disputaron un duelo igualado na primeira carreira. Na segunda Bonxe puxo a directa e deixou sen opcións ao de Campo da Feira. Xan e Berdi competiron para o pase e a superioridade que se supoñía sucedeu. Xan ganou as dúas carreiras. Na parte baixa Xan e Bonxe empataron a primeira carreira entrando en 2 golpes. Na segunda Xan entrou e Bonxe sufriu o efecto do lanzador de penalti que ten que tirar despois de que o rival marcara o seu penalti, ou sexa, tremeulle o palán.
O banquete da Final estaba servida sobre a mesa verde de Conxo. Primeira carreira de moito nivel de golpes, Piru entrou no segundo golpe, Enrique fixo o mesmo e Xan igualounos. Tania entrou no cuarto golpe. Segunda carreira Xan volve entrar no segundo golpe, Piru no terceiro e Enrique no cuarto. Tania quedou sen puntuar. No ecuador da Final, Xan tiña 10 ptos, Piru 9 ptos, Enrique 8 ptos e Tania 3 ptos. Normalmente esta terceira carreira e penúltima da Final marca quen garda posibilidades de título para a última carreira e quen se queda sen opcións. Pois ben, o que non se esperaba e que a carreira fora definitiva como así sucedeu. Ás veces os movementos de rotación e traslación da terra influenciados polos movementos e enerxías electromagnéticas do resto dos obxectos estelares e cósmicos fan que sucesos pouco frecuentes ou rarísimos sucedan unha vez en cada vida. Xuntouse que Xan fixo un varado e que o resto de finalistas non logrou puntuar o que fixo que a falta dunha carreira xa houbese Campión. Deste modo, na última carreira decidironse os outros dous postos do podio. Tania xa non tiña opcións e Piru avantaxaba a Enrique en nun punto. Enrique o Señor Miyagi de Paiosaco sorprendeu entrando en 2 golpes para acadar a segunda praza do podio. Piru foi terceiro.
Houbo golpes prodixiosos, algún memorable, moitos sensacionais, outros impresionantes, bastantes fabulosos e tamén houbo un que outro golpe calamitoso e desastroso. Destes últimos non temos imaxes, mais dos primeiros, segundos, terceiros e posteriores si.