GHARABOTO brilla en Soutomaior con Álvaro como ganador
A penúltima xornada da LAB Rías Baixas empezaba con Lúa de Forza no liderado e Gharaboto segundo a 11 ptos. As primeiras carreiras mostraban unha tendencia moi positiva para o equipo de Marín e unha tendencia de devalo para a Lúa. O primeiro posto da xeral podía cambiar de cor. Non obstante, os xogadores máis veteranos do equipo verde souberon sortear o temporal e gardar … os puntos. Concretamente foron 3 ptos os que gardou o equipo verde de marxe sobre Gharaboto. Agora, decidirase todo na última xornada de Xeve (Pontevedra) do vindeiro sábado 22 de xuño.
O poderío de Gharaboto é innegable e ademais ten canteira da que tirar. Desta vez, debutou Leo, en idade infantil, e ben que axudou ao equipo azul con 18 ptos para un total de 77 ptos. Álvaro ademais de ganar a xornada achegou 22 ptos. Tamén sumou Piru 20 ptos e María Caride 17 ptos. Corredoiras con 71 ptos fixo unha xornada fantástica liderado polos 21 ptos de Malvido, 19 ptos de Charri, 16 ptos de Novas e 15 ptos de Outeiro. Lúa defendeuse como puido e chegou aos 69 ptos, sumando os 22 ptos de Xan, 17 ptos de Carolo, 16 ptos de Martín e 14 ptos de Gerardo. Valpaços tivo en Albino ao seu mellor xogador con 18 ptos e totalizou 62 ptos. Sumou para o equipo Guto 17 ptos, Tania 14 ptos e Taxeiro 13 ptos. Rinoceronte chegou aos 28 ptos con Gonzalo 16 ptos, José Manuel 7 ptos e Lola 5 ptos. Armadiña presentou a Zipi e Zape, Marco 5 ptos e Gael 5 ptos para un total de 10 ptos.
Xa hai varios títulos decididos, O Título Individual Absoluto con Xan Rodiño de Lúa de Forza como Campión 2023-24, o Título Individual Infantil con Xián de Lúa como Campión 2023-24, o Título Individual Varados con Xan Rodiño de Lúa como Campión 2023-24, o Título Equipos F con Gharaboto F como Campión 2023-24. Os outros Títulos quedan por decidir na última xornada. Certo que o Individual Feminino está moi de cara para Lu de Lúa que avantaxa a Tania en 11 ptos. Distancia que se nos antolla moi difícil de restar nunha só xornada que é a que falta. Mais, sempre hai que ter prudencia e esperar ata a última carreira. O outro Título que falta por decidir é o de Equipos. Este si que está apertado e ben apertado. Lúa ten 3 ptos máis que Gharaboto, 3 ptos que son 2, xa que, o empate a puntos beneficia a Gharaboto por maior número de xornadas ganadas. Polo tanto, pódese afirmar que se decidirá un Título nunha xornada e as 17 xornadas disputadas foron o aperitivo para preparar o postre final da xornada 18.
As restantes prazas dos podios están prácticamente decididas a excepción da terceira praza da Absoluta, na que Xián ten 3 ptos máis que Piru. Un dos dous quedará sen podio. Elena ten a terceira praza da Categoría Feminina asegurada. En Infantil está todo decidido. Antía será segunda e Aldara terceira. Onde hai aínda moito por decidir é nas prazas que dan dereito a participar na Fase Final da LAB do domingo 30 de xuño. En Categoría Feminina son 13 prazas e en Absoluta son 19 ou 20 prazas (vai depender da participación na última xornada Rías Baixas). De momento corresponderían 19,51 prazas para Rías e 16,49 prazas para Noroeste, que redondeado son 20 e 16.
Os 6 finalistas foron Novas de Corredoiras, Álvaro de Gharaboto, Santiago de Valpaços, Guto de Valpaços, Charri de Corredoiras e Gonzalo de Rinoceronte. Santiago, Álvaro e Charri entraron en dous golpes, polo tanto tiveron que ir a un golpe de desempate para definir o podio final. Ganou Álvaro, segundo foi Charri e terceiro Santiago.
En categoría Feminina ganou María Caride, segunda foi Antía e terceira Elena, as tres de Gharaboto. En Categoría Infantil venceu Leo, segunda foi Aldara e terceira Sofía, os tres de Gharaboto. En Equipos A foi primeiro Gharaboto, segundo Corredoiras Bueu e terceiro Lúa de Forza Sanxenxo. En Equipos F, foi primeiro Gharaboto F, segundo Valpaços F e terceiro Lúa F.
En fin, os podios estiveron tinguidos de azul e vermello e non se veu nin mirou por ningún sitio o Raio Verde. A pregunta que se facía todo o mundo, por que non xogou o Raio? Acaso, foi reservado para a última xornada? “Todo se saberá ao seu debido tempo“, afirmaba o CEO de Lúa de Forza, JM Camiña. “Temos un plan e este plan ímolo seguir ata as últimas consecuencias“.
FOTOS