En Ponteceso ganou Abel Regueiro
Son 11 anos os que xa pasaron desde o nacemento desta aventura marabillosa chamada MELGA (Múseo Etnolúdico de Galicia, 2013). Miles de persoas e seres humanos pasaron polas súas 2 salas nas que se expoñen, cronoloxicamente, desde a prehistoria ata os nosos días, a evolución histórica dos xogos e deportes a través dos tempos e das civilizacións antigas, destacando os xogos e deportes actuais, así como os Xogos Olímpicos antigos e modernos e unha galería de campións galegos mundiais, olímpicos ou paralímpicos. Ademais, dunha mostra dos xogos e deportes tradicionais de Galicia, doutras comunidades autónomas españolas, un apartado especial dedicado ao mundo lúdico do noso insigne bardo Eduardo Pondal, creador da letra do Himno Galego e algún expositor cos xogos máis representativos doutras nacionalidades do mundo. Salas multifuncionais nas que, dependendo das ocasións, realizaranse ao mesmo tempo, diferentes exposicións, obradoiros, conferencias, concertos musicais, etc. Nas que os xogos e deportes tradicionais sexan a actividade principal. En definitiva, a billarda como un dos xogos máis representativos de Galicia, volveu un ano máis ao MELGA, máis concretamente ao seu espazo lúdico exterior, co seu emblemático Torneo Aberto de Billarda.
A persoa que puxo empeño e dedicación para que o MELGA fora unha realidade é Ricardo Pérez y Verdes. Agora, o gran Ricardo está buscando a maneira de facer sostible e perdurable no tempo este proxecto e ben que o ten encamiñado. A Conferencia Noroeste quixo recoñecer, nun emotivo acto, a colaboración de Ricardo desde hai 15 anos coa billarda. Así, Filloas de Sangue o equipo decano do Noroeste obsequiou a Ricardo coa zamarra azul celeste co seu nome inscrito, ademais de agradecerlle a boa disposición que sempre tivo e ten para dar a coñecer e promover a práctica da billarda.
Despois do torneo houbo unha comida ofrecida polo equipo Filloas de Sangue a todos e todas as persoas que se achegaron ata o MELGA. Grazas a todas as persoas que elaboraron os produtos (empanadas, tortillas, callos, postres, bebidas) e a todas as persoas que participaron na loxística de mesas, bancos, utensilios, etc.
Durante a competición, pois, houbo de todo, bos golpes, grandes erros e supremos esforzos para que as billardas voaran co destino preciso do varal. Despois de 5 carreiras e dous cruces eliminatorios, Abel Ponte, Abel Regueiro, Miranda e Óscar Ponte avanzaron ata a final. Abel P e Abel R entraron en 2 golpes e Miranda en 3 golpes. Daquela, a cousa estaba definida. Miranda quedaría terceiro, e para saber o primeiro e segundo posto houbo que ir a un golpe de desempate. A competición de billarda contén certos factores de azar, casualidade, coincidencia, accidente ou destino que nin o principio de incertidume de Heisenberg é quen de atallar e definir. Como exemplo, estes dous vídeos do golpe de desempate entre Abel Ponte e Abel Regueiro. Primeiro golpeou Abel Regueiro e o seu golpe quedou moi lonxe do que se pode describir como un golpe bo, aínda que a banda sonora de Mal Juicio Rock Band o mellora non chega máis que a un golpe mediocre.
Despois, foi Abel Ponte o que golpeou. Un golpazo, non obstante, a forza sen control, pois, iso…
Ganou o Torneo Abel Regueiro de Cochiqueiros de Cerceda, segundo foi Abel Ponte de Campo da Feira de Paiosaco e terceiro Miranda de Filloas de Sangue da Coruña. En Categoría Feminina, ganou Irene de Cochiqueiros, segunda foi Merche de APB A Laracha e terceira Silvia de Cochiqueiros. En Categoría Infantil, venceu Lucas de Campo da Feira, segundo foi Valentín de Filloas e terceiro Izan do mesmo equipo. Por Equipos ganou Campo da Feira, segundo foi Cochiqueiros e terceiro Filloas.
ACTAS
FOTOS