Venres, Febreiro 7, 2025
ActualidadeXornada

Riveiro de APB ganou en Sada, como quen baila unha lambada.

O paseo marítimo de Sada clareaba e as sombras que habitan a noite acubilláronse detrás dos corpos e dos obxectos. O sol de xuño non tivo compaixón e alimentou de cor a escena. A herba do terreo de xogo estaba dominada polo colorido verde e seducida pola tonalidade amarela de tanta flor silvestre aleatoria.

A partir das 11h a temperatura foi en aumento e as camisetas de manga curta eran tendencia. Os músculos estaban preparados para a acción. As palmeiras do paseo marítimo servían de protección solar. O vento do Atlántico acudiu a hinchar as velas das billardas na súa travesía aérea camiño do varal.

Despois de cinco carreiras as puntuacións foron xustas cos méritos e inxustas cos desexos. En superficie de herba as puntuacións son menores que noutras superficies, iso é obvio. Non obstante, houbo un equipo que se adaptou perfectamente á situación de pradeira. As Panteiras de Cerceda demostraron que son o equipo máis en forma do planeta Billarda e ganaron a xornada cunha diferenza sideral de 19 ptos co segundo equipo clasificado, Campo da Feira. Tal foi o dominio que estableceu a maior distancia de puntos entre o ganador e o segundo clasificado, de toda a temporada. Os 72 ptos de Cochiqueiros foron inalcanzables para todos os outros equipos. Campo da Feira foi segundo con 53 ptos, con 49 ptos Filloas foi terceiro. O resto quedaron na fronteira da corentena de puntos con 45 ptos para APB, 42 para Foucellas e 37 para Río Miño.

No plano individual, Viqueira con 20 ptos foi o único palanador en chegar á vintena de ptos. Aínda así, non pasou o cruce eliminatorio. Na final estiveron estes 6 palanadores: Eladio de Campo da Feira de Paiosaco, Collazo e Riveiro de APB da Laracha, Xan de Lúa de Forza Sanxenxo, Bonxe de Río Miño de Castro de Rei e Lois Fontán de Filloas de Sangue da Coruña.

Riveiro non esperou por ninguén e cun segundo golpe magnífico deixou sen opcións aos demais. Lois entrou no terceiro golpe para apoderarse da segunda praza do podio. No último golpe entraron, Xan e Bonxe. Tiveron que ir a un golpe de desempate. Así, o podio quedou con Riveiro ganador da xornada, segundo Lois Fontán e terceiro Xan. En categoría Feminina, venceu Irene de Cochiqueiros de Cerceda, segunda foi Mercedes de Campo da Feira e terceira Merche de APB. En categoría infantil, foi primeiro Valentín de Filloas, segundo Izan do mesmo equipo e terceiro Hugo de Río Miño. En Equipos, Cochiqueiros ganou por diante de Campo da Feira e de Filloas.

Estreáronse na Liga Atlantica Izan de Filloas de Sangue e Hugo de Río Miño, dúas promesas da billarda que mostraron alegría e entusiasmo ademais de moi boas maneiras. Era o seu debut e prometeron máis e mellor.

Despois de sumar os puntos da xornada as cousas quedan definidas nos podios en varias das clasificacións. Desta maneira, na Individual Absoluta xa hai Campión 2023-24, Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo, o segundo posto practicamente tamén está feito para Abel Ponte de Campo da Feira, pois avantaxa en 15 ptos a Collazo e a vindeira xornada será en herba, lugar onde chegar aos 20 ptos vai ser complicado. A terceira praza vana disputar Collazo de APB e Lito Pena de Foucellas. O de APB avantaxa en 8 ptos ao de Foucellas. Pensamos que Riveiro non ten opcións reais, xa que, está a 12 ptos desa posición.  Na Categoría Individual Feminina, Irene vaise proclamar Campioa 2023-24 na vindeira xornada. Ten 15 ptos máis que Merche de APB que serían 16, pois ten ganada a posición en caso de empate a puntos. Merche ten 5 ptos de marxe sobre Mercedes, entón, aínda podería haber variación nestas posicións. Delia está a 8 ptos, daquela, as súas opcións son poucas, mais aínda existen, para acceder a esa última praza do podio. Na Categoría Individual Infantil, Valentín é campión desde hai bastantes xornadas. A segunda e terceira prazas do podio repartiranse entre Kevin e Xián. Na Categoría de Varados, Collazo ten 2 varados de marxe sobre Abel Ponte e Lito. Aínda podería haber cambio de liderado, pero tería que ser algo excepcional o que fixesen ou Abel ou Lito para superar ao xogador de APB. En Equipos, a pesar do acercamento de COQ a Campo da Feira, agora son 29 ptos de distancia, o equipo de Paiosaco será Campión na vindeira xornada.

PRAZAS FASE FINAL LIGA ATLÁNTICA DE BILLARDA 2023-24

Despois están os postos que dan dereito a participar na Fase Final da LAB 2023-24 que se celebrará o 30 de xuño. Na Categoría Individual Absoluta hai 16 prazas para o Noroeste. Estas prazas son 16 e a falta dunha xornada téñenas garantidas Abel Ponte, Collazo, Lito, Riveiro, Óscar Ponte, Viqueira, Eladio, Abel Regueiro, Roi, Valentín, Juan Carlos, David, Xulio e Berdi. As dúas últimas prazas están no aire. Deste modo, Gándara (246 ptos), Bonxe e Miranda (235 ptos) xóganse esas prazas na última xornada. Evidentemente, Gándara teno case feito, pois ten 11 ptos máis que Bonxe e Mirada. Estes dous si que se xogan todo na xornada do Burgo do vindeiro 15 de xuño. Ollo, non se pode descartar ao Campión Galego 2024, Marco (229 ptos), pois está a só 6 ptos deses dous xogadores. Na Categoría Individual Feminina hai 5 prazas para o Noroeste, prazas que son para Irene, Merche, Mercedes, Delia e Chus.

PRAZAS DE SELECCIÓN NOROESTE

O vindeiro 20 de xullo celebrarase o Campionato de Seleccións de Billarda e será retransmitido en directo pola TVG2. Son 8 compoñentes de cada selección, 4 da categoría absoluta, 2 da categoría feminina e 2 da categoría infantil. Para facer esta selección contabilízanse os puntos das últimas 5 xornadas da Liga. A falta dunha xornada os seleccionados e seleccionadas serían, Abel Ponte (77 ptos), Berdi (68 ptos), Collazo (67 ptos) e Juan Carlos (63 ptos). Pero, olliño que están ao axexo, Viqueira (63 ptos), Abel Regueiro (63 ptos), Bonxe (62 ptos), Lito Pena (61 ptos) e Eladio (57 ptos). A última xornada vai ser decisiva. As dúas prazas da Individual Feminina son para Irene (47 ptos) e Merche (32 ptos), espois estaría Chus con 24 ptos. En fin, todo está aberto para a última xornada do vindeiro 15 de xuño no Burgo, Culleredo.

FOTOS

9 XUÑO

TORNEO ABERTO DE BILLARDA DE PONTECESO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *