Campionato Galego de Billarda: Río Miño, Valpaços F, Marco, Lu Torres, Xián e Lucho campións e campioas
O Campo de fútbol de herba natural de Conxo foi escenario do primeiro Campionato Galego de Billarda. 8 carreiras en fase de grupos e 2 carreiras finais decidiron os podios das 6 categorías en xogo, Individual Absoluta, Individual Feminina, Individual Infantil, Individual de Varados, Equipos Absolutos e Equipos Femininos.
O sistema de competición consistía nunha fase inicial de 8 carreiras en grupos, 4 carreiras pola mañá e 4 pola tarde, e unha fase final de 2 carreiras. Ben, os grupos de 7 ou 8 xogadores/as permitiron moita axilidade no desenvolvemento do Campionato. Así, no descanso de 14h a 16h os equipos buscaron acubillo no bosque do Banquete de Conxo para xantar. Carballeira de formas fantasmagóricas e de auga que fai río.
A sesión da mañá estivo salpicada de pingas de auga, non molestas para o xogo. Despois de 4 carreiras, as puntuacións por equipos daban unha verdadeira sorpresa, xa que, Filloas de Sangue encabezaba a táboa con 56 ptos, empatado con Lúa de Forza. En terceira posición aparecía Río Miño con 51 ptos, 49 ptos tiña Cochiqueiros, 48 ptos Corredoiras, 46 ptos Campo da Feira, 33 ptos Valpaços, 17 APB e 3 ptos Rinoceronte. Todo indicaba que nada estaba decidido e o xantar e, sobre todo, a sobremesa decidirían o Campionato.
Na Categoría Individual Absoluta o corte para acceder á final de 10 xogadores/as estaba en 14 ptos. Cousa que só estivo ao alcance de Charri e Collazo con 17 ptos, Xián e Miranda con 16 ptos, Marco, Valentín e César con 15 ptos, Pepe Outeiro, Eladio e Albino Veiga con 14 ptos. Estes 10 xogadores estaban momentaneamente na final de pola tarde. Ben, despois de xantar e chupitear a cousa cambio, non radicalmente, mais si sustancialmente.
Collazo mantivo o nivel pola tarde e con 15 ptos máis, incluído un varado, acadou a maior puntuación con 32 ptos. Miranda tamén mantivo o pulso firme e con 12 ptos máis alcanzou os 28 ptos. Marco fixo o mesmo e con 15 ptos na sesión da tarde chegou aos 30 ptos. Charri estivo tamén acertado pola tarde e sumou 12 ptos máis para un total de 29 ptos. O resto das mellores puntuacións pola mañá caeron desas prazas e no seu lugar entraron Viqueira quen cunha tarde excepcional de 18 ptos acadou o total de 31 ptos. Fer con 17 ptos pola tarde alcanzou os 30 ptos totais para ser a terceira puntuación máis alta. Bonxe con 18 ptos pola tarde entrou nas prazas de finalista cun total de 29 ptos. Xan que tamén estaba fora dos postos de finalista ao rematar a sesión de mañá, conseguiu pola tarde 16 ptos para acabar cun total de 28 ptos. Así, estas 8 puntuacións tiñan praza na final. As outras dúas ata completar 10 finalistas saíron dun desempate entre os 4 xogadores que acadaran 27 ptos, Eladio, Lucho, Pepe Outeiro e Cortón. Despois dun golpe de desempate, accederon á final Cortón e Lucho.
Desta maneira a Final estaba preparada con Collazo, Viqueira, Marco, Fer, Bonxe, Charri, Xan, Miranda, Cortón e Lucho. Isto é 3 xogadores de Río Miño, 2 xogadores de Cochiqueiros, 2 de Lúa de Forza, 1 xogador de Corredoiras, 1 de APB e 1 de Filloas. A alimentación deficiente dos dous infantís, Xián e Valentín, que pola mañá estaban entre as 10 mellores puntuacións, fíxolles pagar o esforzo da mañá e caeron desas posicións e non puideron acceder á gran final. Cousas dos hidratos de carbono de baixa calidade.
A final foi de altura e de lonxitude, na primeira carreira todos os competidores conseguiron puntos. Collazo e Charri entraron en 2 golpes e encabezaban a final con 5 ptos, Viqueira, Marco e Xan entraron en 3 golpes para un total de 4 ptos. Fer, Bonxe, Miranda, Cortón e Lucho entraron no último golpe con 3 ptos. A cousa pintaba incerta e de moito nivel. Quen quixese ganar ía ter que entrar en 2 golpes na segunda carreira.
Pois ben, as cousas tiñan que ser e foron. En 2 golpes entraron Bonxe, Lucho, Marco e Xan. En 3 golpes entrou Viqueira e en 4 Collazo, Charri, Miranda e Cortón. Fer non entrou nesta carreira. Así, Marco e Xan empataban a 9 ptos, Viqueira, Bonxe, Charri e Lucho a 8 ptos. A terceira praza do podio decidiríase nun golpe de desempate entre 4 xogadores e o título entre 2 xogadores. Bonxe fíxose coa terceira posición e Marco levouse o título cun golpe fantástico no desempate.
Na Categoría feminina a final disputárona as 8 mellores puntuacións da fase de grupos. Foron as finalistas Tania, Lu, Chefa, Delia, Belmira, Pili, Mercedes e Yolanda. Na primeira carreira da final entrou Delia con 3 ptos e as demais con 0 ptos. Na segunda carreira entrou Lu con 3 ptos e as demais con 0 ptos. Entón, o título decidiríase nun golpe de desempate entre Lu e Delia. O terceiro posto do podio tamén no desempate entre Tania, Chefa, Belmira, Pili, Mercedes e Yolanda. Lu levouse o título cun golpazo que superou o medio campo con facilidade. O terceiro posto foi para Belmira.
A final Infantil enfrontou aos dous grandes da categoría, Xián e Valentín, e á maior promesa da billarda Brais. A diferenza de idade entre Brais e os outros dous é demasiada para facerlles fronte. Xa medrará o Brais e despois veremos o que pasa. Xián non puntuou na primera carreira e Valentín entrou con 3 ptos. Na segunda carreira o Raio Verde Xián estivo contra as cordas e coa auga por enriba do pescozo, non obstante, Valentín coa xenerosidade que leva dentro, perdonou 3 golpes para levarse o título e finalmente conseguiu non levar o título. Raio Verde foi o campión e Valentín subcambión.
Na Categoría de Varados, Lucho e Collazo fixeron un varado cada un na fase de grupos. Nas Carreiras finais non houbo máis varados, polo tanto, un golpe de desempate proclamou a Lucho Campión Galego de Varados 2024. Collazo ocupou a segunda posición.
Na Categoría de Equipos Femininos, o Valpaços Terra Quente F de Vigo non tivo rival e proclamouse Campión Galego 2024. Segundo foi Lúa de Forza F e terceiro Corredorias F.
Na categoría de Equipos a sesión do serán foi clave para que a Canariña de Castro de Rei dominase con insultante superioridade. “A dieta mediterránea está valorada de máis, nós seguimos a estricta dieta benedictina de comer nos maitines, nos laudes, na hora media, nas vésperas e nas completas, haxa apetito ou non“, afirmaba Luís Ares, mentres Cortón seguía remoendo no xamón asado e cortando empanada de mazá sen medida. Case con seguridade pódese afirmar que desta vez acertaron poñendo a Lucho a fender leña toda a semana. Vaia, xa están planificando para celebrar o Campionato Galego de Billarda 2025 en Castro de Rei, pois, consideran que o campión debe ser local na vindeira edición. Si, certo, tiñan os corpos cheos da adrenalina do éxito e non había que facerlles moito caso aos canariños e canariñas.
Outro equipo que está en progresión atmosférica e estratosférica é o equipo das Panteiras de Cerceda, Cochiqueiros. Desde aquel máxico momento no que o Amado Líder Berdi tivo unha visión espectral e en contra da maioría das opinións do equipo decidiu a cor da panteira máis famosa do cine e da televisión para as camisetas do equipo, desde aquela, os resultados danlle a razón e xustifican a súa arriscada decisión. Si, o límite das panteiras non está aínda definido. Veremos o que fan na Fase Final da LAB 2024.
Filloas de Sangue sufriu o síndrome da sobremesa. Na sesión da mañá estaba líder e pola tarde caeu ata a quinta praza. Iso si, ninguén lle pode sacar o sorriso das facianas. Vale, a Valentín si que se lle pode sacar. O zurdo de ouro ten temperamento sobrio e falar pausado.
Un caso paradigmático foi o de Campo da Feira, campión virtual da Conferencia Noroeste e que rematou en sexta posición, por detrás de Cochiqueiros e Filloas. Igual a explicación é demasiado simple como para explicala con palabras. As imaxes de abaixo iluminan as causas desta debacle clasificatoria do supercampión Campo da Feira.
PODIOS
Categoría Individual Absoluta:
Campión MARCO Cochiqueiros
Subcampión XAN Lúa de Forza
Terceiro BONXE Río Miño
Categoría Individual Feminina
Campioa LU TORRES Lúa de Forza
Subcampioa DELIA Río Miño
Terceira BELMIRAValpaços Terra Quente
Categoría Individual Infantil
Campión Xián Lúa de Forza
Subcampión VALENTÍN Filloas de Sangue
Terceiro BRAIS Valpaços
Categoría Individual Varados
Campión LUCHO Río Miño
Subcampión COLLAZO APB
Categoría Equipos A
Campión RÍO MIÑO de Castro de Rei
Subcampión COCHIQUEIROS de Cerceda
Terceiro LÚA DE FORZA SANXENXO
Categoría Equipos F
Campión VALPAÇOS TERRA QUENTE de Vigo
Subcampión LÚA DE FORZA SANXENXO
Terceiro CORREDOIRAS F
FOTOS
ACTAS