En Cambados, o Raio Verde Xián venceu co palán na man
A Praza de Fefiñáns de Cambados foi unha fervedoira de xente o sábado 18 de maio. Centos de persoas que visitaban a zona e se quedaban observando o espectáculo grandioso dun grupo de persoas que xogaban billarda como expresión da identidade dunha comunidade e como ocupación dun tempo e un espazo comunitario de maneira pacífica e alegre. Expresión dun xeito de ser e convivir que nos identifica como pobo.
O conxunto arquitectónico formado polo pazo de Fefiñáns, o arco-ponte, a atalaia Torre da homenaxe e a igrexa de San Bieito fan deste espazo público un emblema admirado e visitado por millóns de persoas. Igual que noutro tempo albergou tantos días de mercado, este sábado 18 de maio, a praza volveu sentir a ilusión da infancia que brincaba sobre as súas lousas, volveu escoitar as voces da xuventude e oír a serena conversa das persoas adultas que gozaban xogando. A 16 xornada da Liga Atlántica de Billarda foi un enorme espectáculo. Crianzas, mozas e adultos mostraron a súa destreza e potencia muscular sobre a pedra centenaria e deixaron imaxes para a historia. Grazas ao concello de Cambados por permitir o uso deste espazo único, e grazas a Noelia Gómez, concelleira de Deportes que tanto empeño e afán puxo en que se puidese usar a praza como campo de xogo.
O Raio Verde Xián (11 anos e 191 días) converteuse no xogador/a máis novo en acadar a vitoria nunha xornada de Liga. Xián de Lúa de Forza Sanxenxo ganou a xornada, segundo foi Álvaro Otero de Gharaboto de Marín e terceiro Albino Veiga de Valpaços Terra Quente de Vigo. En Categoría Feminina venceu Tania de Valpaços, segunda foi Elena González de Gharaboto e terceira Lucía de Valpaços. En Categoría Infantil, foi primeira Aldara de Gharaboto, segunda Antía do mesmo equipo e terceiro Gael de Armadiña de Combarro. En Categoría de Equipos A ganou Lúa de Forza, segundo foi Gharaboto e terceiro Campo da Feira de Paiosaco. En Categoría Equipos F foi primeiro Gharaboto F, segundo Valpaços F e terceiro Lúa de Forza F.
A superficie da praza non concedía demasiados favores ás billardas que sufrían o impacto da pedra nas súas carnes. Así, moita madeira quedou mazada e, non obstante, grandes golpes e extraordinarias imaxes para a memoria colectiva deixaron xogadoras e xogadores. Unha expedición do norte chegou á capital do albariño coa saudable intención de mergullarse nos caldos e nas augas de Cambados. Nas augas finalmente non se bañaron, xa que a tarde quedou espléndida de sol e boa temperatura. O dos caldos xa foi outro cantar e bailar. O equipo Campo da Feira de Paiosaco presentou a un sexteto estelar con Juan Carlos, Enrique, Edu e as 3 pontes, Óscar, Xulio e Abel. Comezaron con moito brío e entusiasmo, mais o sol quentou demasiado, cousa que retardou as súas dixestións. En fin, fixeron o que puideron e subiron ao terceiro andar do podio por Equipos A.
Polo demais, Lúa (86 ptos) consolida o seu liderado, pois avantaxou en 10 ptos a Gharaboto (76 ptos). Campo da Feira (69 ptos), Valpaços (68 ptos) e Corredoiras (67 ptos) quedaron nun pano de distancia. Armadiña (56 Ptos) e Rinoceronte (30 ptos) quedaron máis atrás.
A Clasificación Individual Absoluta consolida as posicións de líder para Xan, agora con 367 ptos, e a da segunda posición para Xián con 328 ptos. Álvaro con 317 ptos e Piru con 305 ptos son os únicos que poden optar ao podio. Todos os demais xa quedan moi lonxe desas posicións, pois, Ricardo Lois e Albino Veiga están con 283 ptos, Lu 275 ptos, Carolo 272 ptos, Beni 265 ptos e Tania 264 ptos
A Clasificación Individual Feminina é a máis emocionante pola incerteza de quen vai ser campioa. Lu encabeza a xeral, mais Tania está a 11 ptos e faltan 2 xornadas. En principio pinta ben para a de Lúa, pois reducir 11 ptos en dúas xornadas antóllase complicado. Elena González con 242 ptos confirma a terceira praza de podio debido a que Antía non tivo unha boa xornada e agora queda na xeral con 227 ptos. Na Clasificación Individual Infantil, os postos finais de podio están practicamente decididos. Desta maneira e matematicamente falando o Raio Verde Xián é campión e Antía segunda. Tamén, podemos prognosticar que Aldara será terceira.
En Equipos A a cousa segue estando no aire para proclamar un campión. Agora, Lúa sácalle 11 ptos a Gharaboto, puntos que non son nada en billarda. Daquela, haberá que esperar ás dúas xornadas que faltan. O terceiro posto está asegurado para Corredoiras. En Equipos F, o título é para Gharaboto F e a segunda praza para Valpaços F. A terceira posición será para Armadiña. Aquí está todo decidido.
ACTAS
FOTOS