Luns, Outubro 7, 2024
ActualidadeXornada

XORNADA NOROESTE EN NARÓN E CAMPO DA FEIRA VIRTUAL CAMPIÓN

Narón estaba solleiro e madrugado. O paseo do Xuvia tiña a herba cunha altura ideal para complicar o salto da billarda, cousa que se reflectiu nas puntuacións. Como dixo con elegancia e respecto a panteira Marco, “A vós sácanvos do pavillón e perdedes o norte“. De acordo, as puntuacións foron baixas só para algúns e algunhas. Abel Ponte chegou aos 22 ptos, o mencionado Marco fixo 18 ptos igual que Roi, e Berdi acadou 17 ptos. Entón, o campo estaba magnífico e igual o que sucedeu foi que era pouca ansia e moita a impericia que desempeñaron palanadoras e palanadores. Tamén, pode ser que fose moita a incompetencia e pouca a destreza que manifestaron o resto de xogadores e a restra de xogadoras.

De todos as maneiras, sábese por documentos históricos consultados que os golpes fermosos que lanzan a billarda cara ao ceo son escasos en superficie de herba. Case tan escasos como as trufas e, ao mesmo tempo, máis valiosos que o litio. Ademais, non é necesario facer un golpe académico, sempre que a billarda avance aínda que sexa a desgana e dando tombos. En fin, a contorna era fantástica e soberbia a curva debuxada polo Xuvia, que non é outra cousa que unha forma de facerlle as beiras ao Monte Ancos.

Vaia, tampouco quedou unha final tan desentoada. Os finalistas foron palanadores de altura e porte. O da altura vai por Lito e o do porte, pois… vós mesmas, vós mesmos, podedes opinar. A final xogárona Berdi de Cochiqueiros, Abel Ponte e Charli de Campo da Feira, Xan de Lúa de Forza, Riveiro de APB e Lito de Foucellas.

Despois dunha carreira de bos golpes, o podio non tivo compaixón con Berdi, Abel Ponte e Lito. Deixonos a un lado. Así, ganou a xornada Xan de Lúa de Forza Sanxenxo, segundo foi Riveiro de APB da Laracha e terceiro Abel Ponte de Campo da Feira de Paiosaco. Na Categoría Feminina venceu a actual líder Irene de Cochiqueiros de Cerceda, segunda foi Merche de APB e terceira Mercedes de Campo da Feira. Na Categoría Infantil, Lucas Varela de Campo da Feira venceu por diante do case imbatible Valentín de Filloas da Coruña, en terceira posición e aínda en idade biberón, Leda de Cochiqueiros. En Equipos, o virtual campión 2023-24 Campo da Feira levouse outra xornada máis, segundo foi o equipo sorpresa da temporada Cochiqueiros de Cerceda e terceiro APB A Laracha.

Despois de sumar as puntuacións, os títulos individuais están case todos definidos e antóllase que non vai haber cambios nestas dúas xornadas que faltan. Así, Xan Rodiño (331 ptos) avantaxa a Abel Ponte (299 ptos) en 32 ptos, o que significa que o xogador de Campo da Feira tería que recuperarlle 16 ptos de media por xornada, algo que semella improbable e nada verosímil.

Abel Ponte deu un paso moi importante para asegurarse a segunda praza do podio, pois Collazo (284 ptos) xa está a 15 ptos de distancia. Agora a lea decisiva vai estar na terceira posición, xa que, desde Collazo que é terceiro ata Roi que é sétimo (275 ptos) hai 9 ptos de distancia, e entre un e outro están Lito Pena (281 ptos), Riveiro (279 ptos) e Óscar Ponte (275 ptos).

Na categoría Feminina, Irene (155 ptos) tamén se acerca ao seu primeiro título Noroeste. Agora ten 11 ptos máis que Merche (144 ptos) a falta de dúas xornadas. Aquela aposta decidida polo equipo F de Cochiqueiros pode dar o seu primeiro froito, un Título de Conferencia. E seguro que non quedan satisfeitas as aspiracións das panteiras de Cerceda e buscan o Campionato Galego 2024 para dar a gadoupada definitiva, un Título Galego ou dous, un en categoría Equipos e outro en Individual.

Na Categoría Infantil, Valentín ten o título no peto desde hai varias xornadas e queda por definir quen será segundo e terceiro. A distancia entre Kevin Torres e Xián é de 2 ptos. Todo vai depender do Raio Verde. Veremos se o seu equipo, Lúa de Forza, o reserva para o Campionato Galego 2024 e para a Fase Final da Liga Atlántica de Billarda 2024 e lle dá descanso nas próximas xornadas de liga ou arrisca a unha posible lesión por estrés. Son moitas as xornadas que leva acumuladas no seu brazo o Raio.

Na Categoría de equipos, o unto está fervido, Campo da Feira recuperará o cetro perdido a temporada pasada e Cochiqueiros convertirase no equipo revelación con esa segunda praza. APB deberá contentarse coa terceira posición do podio e Filloas de Sangue co cuarto posto. O quinto e sexto postos están no aire. Agora, Río Miño (607 ptos) supera a Foucellas (604 ptos).

   

FOTOS

VINDEIRO EVENTO DEPORTIVO DE BILLARDA

domingo 19 de maio

CAMPIONATO GALEGO DE BILLARDA 2024

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *