Venres, Decembro 13, 2024
ActualidadeXornada

NA PRAIA DE BASTIAGUEIRO, BASILIO FOI O PRIMEIRO

Pola branca area que lambe o mar, a pequena billarda chegou ao varal, unha voz antiga de madeira e de sal saía das ondas… ou era do palán? Quen sabe? O que si temos seguro e meridiano é que, co Atlántico nas costas e o documento de identidade muscular de cada quen nos brazos, os paláns propulsaron as billardas sobre a area de Bastiagueiro de maneira maxestuosa. En domingo de Ramos e co sol quentando o mercurio por enriba dos 20º,  palanadoras e palanadores de toda Galicia xuntáronse na praia de Bastiagueiro (Oleiros) para disputar a xornada número 13 da Liga Atlántica de Billarda, Noroeste. O espectáculo foi fabuloso e os centos de persoas que ocuparon a praia practicando diversos deportes e tamén gozando do sol e do mar, observaban voar as billardas con atención e admiración, en algún dos casos.

O desempeño de xogadores e xogadoras foi grande, pois as dificultades para avanzar sobre a superficie da praia eran evidentes. Non obstante, ningún obstáculo impediu que os varais recibiran as billardas con agarimo. Si, as puntuacións foron as que foron e foron bastante boas para ser neste tipo de superficie.

En Equipos ganou a xornada Campo da Feira con 69 ptos. Esta vez foi a maxistrar actuación de Juan Carlos 22 ptos a que guiou ao equipo feirante. Tamén sumaron para o equipo Óscar Ponte 18 ptos, Abel Ponte 15 ptos e Xulio Ponte 14 ptos. O equipo de Paiosaco venceu con claridade e afianzou o seu liderado sacándolle 9 ptos máis a Cochiqueiros. Agora son 30 ptos os que ten de marxe Campo da Feira. Moito terían que virar os acontecementos para que o supercampión Noroeste non consiga o seu 8º título de Conferencia.

As panteiras de Cerceda continúan na súa loita por acercarse ao liderado. Desta vez, foi Ángel 17 ptos quen dirixiu a nave, xunto con David 15 ptos, Viqueira 15 ptos e Óscar García con 13 ptos, para un total de 60 pts. O segundo posto que ocupou o equipo de Cerceda na xornada, así como o segundo posto na Xeral de Equipos, confirma que as panteiras están nunha época dourada ou, mellor dito, nunha época rosada. A súa euforia demostra que este ano si, este ano van a pola gloria.

Billardeiros Musicais ocupou a terceira praza de podio na Categoría de Equipos. Dirixidos pola poderosa batuta de Basilio 19 ptos, o equipo de Ribadeo acadaou 55 ptos. Sumaron, Daniel 12 ptos, Dori, 12 ptos e Tejero 12 pts. Ademais, un xogador de Billardeiros subiu ao máis alto da Categoría Individual Absoluta, Basilio. Na Categoría Individual Feminina, foron Geni e Dori as que ocuparon a primeira e segunda posición respectivamente. En fin, unha xornada sensacional para Billardeiros Musicais.

APB sobreviviu a unha xornada máis con poucos efectivos. Riveiro tomou o mando con 18 ptos, puntos que lle valeron para situarse segundo na Xeral Individual. Tamén, sumaron para o equipo hemorráxico, Roi 15 ptos, Cotelo 12 ptos e Collazo 10 ptos. Desta maneira, o equipo da Laracha foi cuarto. Se algo podemos destacar de APB é que ten situados a 3 xogadores nas 5 primerias posicións da Categoría Individual Absoluta, Riveiro 2º, Collazo 4º e Roi 5º. Esta situación indica que a unidade A de APB anda a pleno rendemento. Agora, igual teñen que solucionar o funcionamento da unidade B. Vaia, e se tamén melloran o rendemento da unidade P, entón, xa sería o “acabouse”.

Filloas de Sangue tivo unha boa actuación con 52 ptos. O equipo herculino estivo sustentado nos Golpes Baixos de Miranda 18 ptos, ao que secundaron o imprevisible, pero talentoso Insua 13 ptos, Valentín 11 ptos e Gándara 10 ptos. O equipo das filloas é un valor seguro e nunca acaba lonxe das prazas de podio. Cando “Playa” teña máis rodaxe, olliño co equipo celeste.

Foucellas da Billarda con só 4 xogadores fixo unha moi aseada xornada. Chegou a 45 ptos o equipo guerrilleiro. Repartidos desta maneira, Lito Pena 14 ptos, Miguel 13 ptos, Roberto 11 ptos e Alberte 7 ptos. O equipo ten moito ganado coa cor verde nas camisetas, o que pasa é que ás veces só coa camiseta e o escudo non chega, aínda así, esa cor impresiona a calquera.

No terreo Individual, Basilio tivo unha actuación colosal, dominando claramente o seu grupo con 19 ptos e facendo maxia na eliminatoria de semifinais cun segundo golpe soberbio, cando o momento era máis delicado. Si, fixo un Varado nese segundo golpe. Na final estivo ao seu nivel. Entrou no segundo golpe e deixou sen opcións aos outros finalistas.

O título Individual Absoluto semella moi dicidido a favor de Xan, excepto se algunha nave alieníxena decide desintegrar ao rilla verduras. O resto do podio comprimiuse de tal maneira que entre o segundo posto que agora ocupa Riveiro 243 ptos e o sétimo posto que ocupa Óscar Ponte 233 ptos só hai 10 ptos. Quedan 5 xornadas e probablemente as prazas de podio non van decidirse ata a última xornada. Na Categoría Feminina Mercedes mantense firme con 133 ptos, Irene sube ata a segunda posición con 122 ptos, igual puntuación ten Merche. Entre as 3 vai estar a campioa, salvo catástrofe imprevisible ou fin do mundo coñecido. En Individual Infantil Valentín ten o título no peto.

 

ACTAS

 

En Categoría Absoluta, ganou Basilio de Billardeiros Musicais de Ribadeo, segundo foi Ribeiro de APB A Laracha e terceiro Juan Carlos de Campo da Feira.

En Categoría Feminina, venceu Geni de Billardeiros Musicais, segunda quedou a súa compañeira de equipo Dori e terceira foi Irene de Cochiqueiros de Cerceda.

En Categoría Infantil, ganou Valentín de Filloas de Sangue da Coruña, segundo foi o Raio Verde Xián (Lúa de Forza Sanxenxo) e terceiro Aleixo de Cochiqueiros.

FOTOS

 

VINDEIRA XORNADA

CERCEDA

14 ABRIL

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *