En Ribadumia para Gharaboto que gran día e ademais ganou Antía
O pavillón de Ribadumia acolleu a xornada 12 da Liga Atlántica de Billarda e foi escenario dun novo fito para o deporte galego. Antía Balea González (2011), a bebé que naceu no mesmo ano que a Conferencia Rías Baixas, o embrión que medrou no útero de Elena e percibía a través da placenta os golpes que súa nai daba co palán, a meniña que na casa de seus avós (Torre-Adina) collía na man a billarda para levala á boca, a cativa que gateaba aos pés do varal cando aínda non sabía andar, fíxose co triunfo dunha xornada por vez primeira. Antía é a vixente Campioa da Liga Atlántica de Billarda na súa Categoría Individual Feminina e agora inscribe o seu nome no Alboio da Fama da Billarda como ganadora dunha xornada de liga. Así, convértese na primeira nena desa idade en ganar unha xornada de billarda desde que naceu a primeira liga de Billarda, a LNB, no ano 2005. Si, xa houbera vitorias a cargo doutros xogadores en idade infantil nunha xornada de liga como foran Brais de Corredoiras, Juanma de Lúa de Forza e de Óscar Caldas de Armadiña, mais Antía de Gharaboto é a primeira nena que o consegue.
A competición en pavillón iguala as forzas entre homes e mulleres ata tan punto que a vitoria en Categoría de Equipos por parte de Gharaboto cimentouse nos puntos conseguidos polas mulleres do equipo, Ricardo Lois 24 ptos, Elena 23 ptos, M. Caride 22 ptos e 22 pts Lita. Outro dato que refrenda a igualdade de resultados cando se xoga en pavillón, ou sexa, cando a precisión é o valor esencial para facer chegar a billarda ao varal, é que dos 6 integrantes da final, 4 foron mulleres, Elena Glez, Yolanda, Ainhoa e Antía, xunto con Outeiro e o Raio Verde, Xián.
Ben, ademais de Antía e o Raio Verde, dous talentos descomunales e que teñen a súa orixe na etapa embrionaria, pois, tanto a xogadora de Gharaboto como o de Lúa de Forza, foron por primeria vez aos campos de billarda dentro do corpo das súas nais, cousa que está demostrado axuda a transmitir o amor por este deporte marabilloso. Si, antes que unha boa mecánica postural e técnica de golpe ten que haber entusiasmo, ledicia e ganas de vivir e soñar, pois, con cada billarda voa un devezo, un anhelo, unha aspiración, e toda pequena felicidad consiste en saber voar coa billarda e co corazón. Pois ben, outro cativo, Marco Solla Barros, ganou na Categoría Infantil, e o máis importante, transmite “a alegría de quen pediu xogar e foille concedido”. O fervellasverzas Marco leva só 3 xornadas disputadas e aprendeu a xogar no colexio durante unha xornada de iniciación á billarda que realizou o Club Armadiña Billarda de Combarro.
Na Categoría Individual Feminina a vitoria foi para unha renacida Elena González, que se consolida no terceiro posto da Xeral Feminina e leva as 3 últimas xornadas por enriba dos 20 ptos. Segunda quedou María Caride do mesmo equipo e terceira foi Yolanda de Valpaços.
Na Categoría Individual Absoluta ganou Antía de Ghraboto de Marín, segundo foi Outeiro de Corredoiras Bueu e terceiro o Raio Verde de Lúa de Forza Sanxenxo.
Na Categoría Individual Infantil venceu Marco de Armadiña 14 ptos, segunda foi Aldara 14 ptos de Gharaboto e terceira Sofía 13 ptos do mesmo equipo.
En Categoría Equipos Absolutos ganou Gharaboto 91pts, seguido de Lúa de Forza 90 pts e terceiro foi Corredoiras 89 ptos. En Categoría Equipos F venceu Gharaboto F 86 pts, segundo foi Valpaços F 79 ptos e terceiro Armadiña F 57 pts.
Non hai moitos cambios significativos nas clasificacións xerais de Equipos. Así, Gharaboto mantense líder con 11 ptos de vantaxe sobre Lúa. Corredoiras mantense en terceira posición e a pesar das baixas significativas só cedeu 2 ptos con relación a Gharaboto e 1 ptos con Lúa. En Categoría Equipos F nada cambia e a superioridade de Gharaboto F é patente. Nas Categoría Individuais, Lu 206 ptos e Tania 197 ptos semella que loitarán polo título, e a terceira praza do podio é a que está máis aberta. Elena 175 ptos ocupa esta terceira posición e por detrás disputaranlle a praza Antía 164 ptos, Bego 163 ptos, Mónica 163 ptos, Belmira 161 ptos e Ainhoa 156 ptos. Na Absoluta, a cousa está entre Xan 265 pts, Álvaro 243 pts, Xián 239 ptos e Piru 237 ptos.
VINDEIRA XORNADA
POIO
6 ABRIL