Río Miño ganou en Castro de Rei e contalo é de lei.
Castro de Rei foi escenario da xornada 12 da Liga Atlántica de Billarda Noroeste na que se xuntaron 65 xogador@s de 11 equipos representantes de 3 provincias galegas, Lugo, A Coruña e Pontevedra. A Galiña de Mos, con tanta choiva, tomou precaucións e non se movou do galiñeiro. Aínda así, os ovos chegaron puntuais e marcharon cando puideron. Algúns colleron camiño da Coruña, outros de Paiosaco, de Cerceda ou de Ribadeo. Outros marcharon para Sanxenxo e moitos ficaron na Terra Chá. O terreo de cemento do pavillón semellaba propicio para altas puntuacións e altas foron, ben certo. Ademais, houbo ata 23 varados. Varias escuadras chegaban con numerosa presenza e con claras e fundadas ansias e madrugadoras ilusións.
Así, 14 Cochiqueiros achegáronse ata Castro de Rei coa saudable intención de continuar coa súa traxectoria ascendente e tamén de dar conta do xantar que se programou para despois de xogar. Á hora de comer e beber o equipo das Panteiras estivo case impecable, sobre todo grazas ao truco de maxia de J. Daniel, quen de maneira discreta meteu o viño nun peto do pantalón, “por se me dá sede durante o camiño de volta a Cerceda“, foi o que dixo a panteira J.D. O Truco non saiu ben de todo ou iso parece polas imaxes captadas. O peto non era impermeable !
Campo da Feira chegou con 10 xogador@s dirixidos con batuta mestra pola Madriña Mercedes e coa referencia da vitoria na xornada pasada. APB chegou minguado e con só 6 xogador@s, pero que 6 xogador@s, o caviar do equipo estivo en Castro de Rei a defender a terceira posición e aguantarse a unha distancia moderada do liderado. O equipo campión da temporada pasada está facendo de muelle que nunha xornada se estira e noutra xornada se encolle. Xa está a 40 pts de Campo da Feira.
Filloas de Sangue fixo 70 ptos e continúa na cuarta posición. Desta vez foi Lois Fontán con 22 ptos o que tirou do carro e das vacas. Río Miño presentou unha ducia de xogador@s e estivo espléndido con 83 ptos. Billardeiros Musicais tamén acudiu cun superequipo. Conseguiu 80 ptos e ocupou a terceira posición a tan só 3 ptos de ganar a xornada. Lúa presentouse con 4 xogador@s e Gharaboto con un. En Equipos non estiveron entre os primeiros. Non obstante, dous dos xogadores de Lúa obtiveron o primeiro posto en Individual Absoluta e en Infantil. O Raio Verde volveu cegar a Valentín coa súa electricidade e cos seus bailes de cadeira.
En Categoría Individual Absoluta, venceu Xan Rodiño de Lúa de Forza Sanxenxo, segundo foi Óscar Ponte de Campo da Feira de Paiosaco e terceiro Edu do mesmo equipo.
En Categoría Individual Feminina, foi primeira a super campioa Geni de Billardeiros Musicais de Ribadeo, segunda foi Irene de Cochiqueiros de Cerceda e terceira Pili de Río Miño.
En Categoría Individual Infantil, ganou o intratable Raio Verde Xián de Lúa, segundo foi Valentín de Filloas de Sangue da Coruña e terceiro Migui de Río Miño.
En Categoría de Equipos ganou por vez primeria Río Miño de Castro de Rei. Ben que aproveitou o ser equipo local. Con 83 ptos empatou con Campo da Feira e por puntuación máis alta dun dos seus xogadores Cortón 23 ptos, levouse a vitoria e os agasallos. Terceiro foi Billardeiros Musicais con 80ptos.
ACTAS
FOTOS