Chegou a Zas a lúa de febreiro e aproveitouno Abel Regueiro
Por primeira vez a Liga Atlántica de Billarda chegou a Zas e non será a última. A mañá enchéuse de nubes, de vento e de choiva, cousa que aconsellaba refuxiarse baixo teito. Dito e feito. Baixo o acubillo do magnífico pavillón de Zas desenvolveuse a 11ª xornada da LAB Noroeste. Queremos agradecer as facilidades que en todo momento nos brindou o Concello de Zas para poder xogar esta xornada de billarda nas fantásticas instalacións deportivas do concello. Na ceremonia de entrega de trofeos estivo presente o alcalde Manuel Muíño. Uns sensacionais trofeos artesanais que o concello de Zas tivo a ben poñer a disposición da Federación Galega de Deporte Autóctono, Modalidade de Billarda, foron entregados nos podios de cada categoría.
Así, o ganador da xornada foi Abel Regueiro de Cochiqueiros da Billarda de Cerceda, que despois de tantas finais disputadas sen acadar o triunfo, conquistou o primeiro chanzo do podio con merecemento, pois soubo dosificar o esforzo. Na fase de grupos, librouse da eliminación con bastante pena e pouca gloria. Despois, aplicou o método de redución ao infinito e plantouse no golpe de desempate da final contra o Raio Verde Xián. A quen deixou fulminado cun golpe a media pista que semellaba doado de superar, pero … A final disputárona, Xulio Ponte, Abel Regueiro, Xián, Roi, Miranda e Bonxe, pois si, un representante de cada un dos equipos. Algo inédito esta temporada. Só Foucellas quedou sen ningún finalista.
Abel e Xián fixeron varado no primeiro golpe e os demais non foron capaces de igualalos. Así, o Raio Verde Xián de Lúa de Forza Sanxenxo foi segundo e terceiro Bonxe de Río Miño de Castro de Rei. En Categoría Feminina venceu con contundencia Mercedes de Campo da Feira de Paiosaco, segunda foi Irene e terceira Sonia, as dúas de Cochiqueiros. En Categoría Infantil foi primeiro Xián de Lúa, segundo Valentín de Filloas de Sangue da Coruña e terceira Martina do mesmo equipo.
ACTAS
A xornada presentábase propicia para provocar unha hecatombe clasificatoria. Si, APB presentou a só 3 xogadores, certo que son os xogadores caviar do equipo, Collazo, Riveiro e Roi, mais, xogándose en pavillón sabíase que non sería suficiente para evitar o impacto dun correctivo importante. Riveiro 25 ptos, Roi 22 ptos Collazo 17 ptos fixeron un total de 64 ptos, puntuación que sería sobresaínte para defenderse en exterior. Ben, ao ser en pavillón as puntuacións foron elevadas e o prexuizo sufrido por APB multiplicouse. Que ven lle virían os 25 ptos do Raio. En fin, a hemorraxia foi intensa e vai levar tempo detela.
Campo da Feira aproveito a ocasión e meteulle 20 ptos máis a APB. Xulio estivo en plan dominador e guía do equipo con 24 ptos, Óscar Ponte 22 ptos, Juan Carlos 21 ptos e Abel Ponte 19 ptos sumaron o resto dos ptos para un total de 86 ptos. A ausencia de Edu e Moñas non se notou, mellor dito si que se notou, pero para ben do equipo.
O outro beneficiado da xornada foi Filloas de Sangue, que con 85 ptos quedou a 1 punto do vencedor da xornada, Campo da Feira. O equipo da Coruña contou cos reforzos de Iván Fontán e Plaia e ben que o notou. Os dous tenores Gándara 23 ptos e Miranda 19 ptos, foron dirixidos maxistralmente pola zurda de ouro Valentín 25 ptos e complementados por Iván Fontán 18 ptos.
Cochiqueiros foi terceiro con 80 ptos. Agora o equipo de Cerceda ocupa a segunda posición a 17 ptos do líder Campo da Feira. O sentemento das panteiras de Cerceda non era de todo agradable, pois pensaban que desaproveitaron unha oportunidade única para acceder ao liderado. Berdi con 26 ptos marcou o camiño dese obxectivo ambicioso e para nada inalcanzable. Ben, se o Amado líder cumpriu co seu traballo, e se Viqueira con 20 ptos o acompañou, non sucedeu o mesmo con Abel Regueiro 17 ptos e Marco 17 ptos, xa que, os dous quedaron lonxe dese límite dos 20 pts que marca a fronteira entre unha actuación excelente e unha boa actuación. Coa excelencia acádanse vitorias, cunha boa actuación só a clasificación.
Ao finalizar a xornada houbo unha comida na que, desta vez si, Cochiqueiros dominou ao resto dos equipos con brazos poderosos e coas articulacións dos cóbados en perfecto funcionamento.
FOTOS