Venres, Setembro 20, 2024
ActualidadeXornada

Lúa de febreiro e Luís Camiña primeiro

Tarde de vento e choiva en Barro, cousa que fixo levar as billardas e os paláns ata o pavillón municipal. Si, certo, xogadoras e xogadores tamén tiveron que meterse no pavillón. A superficie de caucho do pavillón de Barro non é tan esvaradía como a dos chans de cemento pulido. Fixéronse 19 varados e algúns máis case-varados. Alegría para a rapazada, pois, iso de ver escorregar as billardas cara ao varal produce unha revolución adrenalínica que desemboca en chimpos e berros de contento, satisfacción e ledicia, propios da infancia, recomendables na madurez e ideal para a segunda madurez.

Por vez primeira organizouse unha xornada da Liga Atlántica de Billarda no concello de Barro. As bancadas do pavillón municipal estaban ateigadas de seguidores e seguidoras dos equipos, sobre todo de Valpaços e de Armadiña. Queremos manifestar o noso agradecemento ao concello de Barro que nos permitiu usar as instalacións municipais e achegou os trofeos para os podios. Asistiu á ceremonia de premios Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro.

Antes de comezar a xornada Vari de Gharaboto recibiu o recoñecemento de parte da Federación Galega de Deporte Autóctono, Modalidade Billarda, por ter disputadas xa 100 xornadas da Liga de Billarda.

As billardas pinchaban estupendamente e só había que imprimirlle ao brazo un movemento muscular, articular e óseo de alta precisión. Os golpes comezaron a soar e as madeiras aceptaron a percusión con moderado entusiasmo. A participación feminina chegou ao 40% do total de competidores. As puntuacións foron elevadas e as mulleres demostraron o seu poderío. Cando de precisión e técnica de golpe se trata a eterna disputa entre o masculino e o feminino ten os días contados.

Así, dicir que das 10 maiores puntuacións da xornada 4 foron obtidas por mulleres, ou sexa, 40%. Salientar as enormes actuacións de Lu 25 ptos (a maior puntuación da xornada xunto con Álvaro), Tania 23 ptos, Elena González 22 ptos, Mónica Padín 22 pts, Vanessa 21 ptos, Aldara 21 ptos e a alegre Casilda 19 ptos e ganadora do podio Feminino, pois chegou á gran final a 6. A final disputárona, Manolo Outeiro, Luís Camiña, Guto, Carolo, Casilda e Ricardo Lois.

Unha final que se decidiu no golpe de desempate entre Outeiro, Luís Camiña e Carolo, pois estes tres xogadores entraron no segundo golpe da carreira final. Nese golpe de desempate estivo máis preciso Camiña, quen coa precisión dun coitelo de cortar a manteiga deixou a billarda á beira do varal, Carolo pasouse e Outeiro non quixo nin saír. Para completar o podio, Outeiro e Carolo tiveron que golpear por segunda vez, pois ningún deixara a súa billarda nos límites do campo. Desta vez estivo máis acertado Outeiro.

Ganou a xornada Luís Camiña de Gharaboto de Marín, segundo foi Manolo Outeiro de Corredoiras Bueu e terceiro Carolo de Lúa de Forza Sanxenxo. En Categoría Feminina venceu Casilda de Gharaboto, segunda quedou Lu de Lúa e terceira Tania de Valpaços Terra Quente de Vigo. En Categoría Infantil foi primeiro Xián de Lúa, segunda Aldara de Gharaboto e terceiro Gael de Armadiña de Combarro. En Categoría Equipos, venceu Lúa de Forza, segundo foi Gharaboto e terceiro Corredoiras. En Categoría Equipos F foi Gharaboto F o ganador, segundo Valpaços F e terceiro Armadiña F.

ACTAS

 

PODIOS

No plano individual, Luís Camiña volveu demostrar que está nun momento fantástico de forma. Esta temporada xogou 5 xornadas, ou sexa, a metade das disputadas ata agora. Ben, das cinco xornadas ganou dúas e ten actualmente 100 ptos. Isto é, unha media de 20 ptos por xornada. Esta media de puntuación é a que teñen Álvaro e Xián, segundo e terceiro da xeral con 200 ptos. Sabemos que só se pode facer unha interpretación estatística, mais esta interpretación levaría a Camiña a loitar polo título. Pois ben, os candidatos ao título xa quedaron reducidos a catro, xa que o quinto posto da Xeral de Ricardo Lois está a 25 ptos do cuarto posto que ocupa Piru. Entón, dous xogadores de Lúa e dous xogadores de Gharaboto loitarán polo título e polos prazas de podio. Un dos catro quedarase fora do podio. De momento, a distancia entre eles é mínima. Xan 213 ptos, Álvaro 200 ptos, Xián 200 ptos e Piru 197 pts.

Seguindo no plano individual desta vez Feminino, Lu e Tania aproveitaron a ausencia de Bego para relegala ata a terceira posición. Agora, Lu ocupa o liderado con 165 ptos, segunda está Tania con 151 ptos e terceira Bego con 143 ptos. O resultado desta xornada ponlle á super campioa Bego Ríos un reto de altura, un reto digno dela. Sabemos que Bego é capaz de recortar eses 22 ptos que a separan do liderado, mais, tanto Lu como Tania vanlle poñer as cousas difíciles. Alguén sospeita que Bego ausentouse para darlle emoción a unha Liga da que ten 8 títulos en 12 temporadas que se leva disputando (ela xogou 11 temporadas e unha temporada tivo unha lesión que a deixou sen opcións cando ía de lider destacada). En fin, dominadora absoluta e que se encontra cun dos desafíos máis complicados. Veremos ata onde é capaz de remontar, pois seguro que vai estar ata o final con opcións de título.

En Infantil, O Raio Verde non mostra debilidade e continúa agrandando a súa distancia sobre a segunda clasificada Antía. O de Lúa ten 200 ptos e Antía 134 pts. Ademais, o Raio ten na mente un desafío titánico e desmesurado, ser o primeiro infantil en vencer en todas as categorías individuais, Absoluta, Infantil e Varados. A verdade é que está en todas moi ben situado. Sería unha proeza inalcalzable para ninguén neste século e probablemente en séculos vindeiros. Estamos falando dun cativo de 11 anos e 4 meses. Bestial !

No eido de Equipos, a situación aclarouse moito en Equipos F, pois Gharaboto F con eses colosais 86 ptos rebentou a clasificación e deixa a Valpaços a 61 ptos de distancia. A terceira posición do podio tamén se tamén se clarificou para Armadiña que está diante de Lúa de Forza con 57 ptos máis. En Equipos A, Lúa de Forza non se resiste a deixar o título en mans de Gharaboto e acercouse a 8 ptos do liderado que ostenta o equipo de Marín. Corredoiras non tivo mala actuación, a pesar das baixas de 3 xogadores clave, Charri, Ricar e Bego. Iso si, segue distanciándose do liderado. Agora son 46 ptos os que ten de marxe Gharaboto sobre o Tricampión Galego Corredoiras. Veremos se é posible a remontada.

FOTOS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *